O Pontevedra, Edu Sousa e dez máis

O porteiro granate é o único futbolista do equipo que disputou todos os partidos no equipo de Luisito
 

Edu Sousa
photo_camera Edu Sousa. DP

Edu Sousa vai camiño de converterse nunha institución no Pontevedra Club de Fútbol. O porteiro granate leva cinco temporadas no primeiro plantel da entidade da cidade do Lérez, algo que só el e o actual preparador de porteiros, Moncho, conseguiron neste século. Nos últimos dez anos ningún gardarredes tivera tanta continuidade.

A relevancia de Edu maniféstase non só nos anos que leva defendendo a elástica do conxunto de Pasarón, senón tamén nas súas actuacións e na súa continuidade baixo os paos da portería pontevedresa.


Nas súas cinco temporadas no Pontevedra, Edu non foi expulsado nin viu cinco cartóns



De feito, é o único futbolista do colectivo que dirixe Luisito que disputou tódolos minutos da Liga 2017-18. Edu completou os 14 enfrontamentos do torneo da regularidade que se levan celebrado ata a data na Segunda División B. Tomou parte en tódolos encontros e tódolos minutos.

De feito, desde que Luisito está á fronte do banco granate, nunca se baixou da titularidade por decisión técnica. Unicamente unha lesión na man na temporada 2014-15 e o premio para os seus porteiros suplentes nas outras temporadas, cando se acadou a meta da fase de ascenso, lle impediron facer pleno de envites baixo as ordes do técnico teense.

Desde que defende ao Pontevedra nunca foi sancionado. Nin o expulsaron, nin cumpriu ciclo de cinco cartóns amarelos. Nas demais demarcacións do Pontevedra Club de Fútbol da presente campaña non houbo ningún futbolista que participase en todos os enfrontamentos. Por uns motivos ou outros, ninguén máis acadou a continuidade que si está a ter Edu.



Moncho, o adestrador de porteiros, foi o último en pasar cinco anos na meta granate (2000-05)

 


No caso de Kevin Presa, foi a expulsión da que foi obxecto hai tres xornadas a que lle impediu ter pleno dos minutos disputados ata o momento. Presa só se perdeu os dous minutos posteriores á súa expulsión no duelo contra a Ponferradina e o encontro de sanción posterior, fronte ao Fabril. Jon Etxaniz tivo minutos en tódalas citas ligueiras excepto a de Ponferrada. Na meirande parte dos outros envites foi titular, excepto no último mes, no que cedeu protagonismo en beneficio de Berrocal e Iván Martín. Outro que só deixou de saltar ao céspede nunha ocasión foi Álex González.

O estremo esquerdo cántabro non actuou no comezo ligueiro perante o Celta B. En todos os demais choques participou. Idéntica é a situación de Marcos Álvarez, que xogou exactamente os mesmos partidos que o seu compañeiro. Prosi tamén saltou ao terreo de xogo tódolos domingos excepto 
un: na quinta xornada, no duelo do PCF contra o Fuenlabrada.

A estatística complementaria a esta é aquela que explica que tódolos futbolistas, excepto o porteiro suplente Anxo, foron titulares e xogaron varios partidos de Liga.

Más en Deporte Local Pontevedra