Pontevedra fai fortuna no Campionato Galego da Coruña

A Gimnástica sumou 27 medallas e nove ouros
Andrea Villaverde, campioa galega de lonxitude, nunha proba no CGTD. GONZALO GARCÍA
photo_camera Andrea Villaverde, campioa galega de lonxitude, nunha proba no CGTD. GONZALO GARCÍA

O atletismo pontevedrés sumou 27 medallas e nove ouros nos Campionatos galegos que se disputaron a fin de semana na Coruña.

Na categoría masculina, Jacobo Soler venceu nos 400 metros lisos. Non foi o único dos pupilos de Gonzalo Méndez en subir ao máis alto do caixón, xa que tamén o fixo David Vicente na final dos 110 valos, por diante do ximnástico João Ribeiro.

Sergio Rodríguez logrou dous metais para a Gimnástica: gañou os 200 metros lisos e rematou no segundo lugar os 100. Rodríguez e Ribeiro participaron no bronce do conxunto pontevedrés na remuda do 4x100 xunto con Matías Moldes e Óscar Monteagudo.

Tamén fixo dobrete Carlos Porto. O vigués sumou a prata nos 800 metros, por diante do seu compañeiro de club Adrián Lago, que foi bronce. E os dous obtiveron o ouro no 4x400 xunto con Eduardo Gallardo e Hassan Izzedine.

Pablo Bocelo foi segundo nos 1.500 para o club da faixa celeste. Alejandro Villaverde e Matías Moldes levaron a prata e o bronce no salto con pértega. O capitán do club pontevedrés Víctor Gallego sumou un ouro e unha prata nos lanzamentos de peso e disco, respectivamente, mentres que Carlos Revuelta e Jonathan Correa foron segundos no martelo e a xavelina, respectivamente.

Na categoría feminina, Cristina Garrido obtivo o bronce nos 100 lisos. Garrido tamén levou o ouro nos 4x100, xunto con Lucía Ferrer, Eva Salvado e Andrea Villaverde. Todas elas conseguiron máis dunha medalla: Eva Salvado triunfou nas dúas remudas, Andrea Villaverde gañou o salto de lonxitude e Lucía Ferrer foi campioa galega nos 100 valos.

Carmen Victoria González marchou da Coruña con tres metais: bronce nos 400 lisos, prata nos 800 e o ouro na remuda dos 4x400, na que correu xunto a Sofía Pampín, Ainara Rodríguez e Eva Salvado.

O Gimnástica levou a prata e o bronce de Marta González e Lucía Ferreiro no salto con pértega. Iría Filgueira foi terceira no martelo.

SUB-16. No Campionato de España sub-16 de Avilés, Eloy Acuña, da Sociedad Gimnástica, logrou o terceiro posto e medalla de bronce no lanzamento de peso cun rexistro de 14.73.

Nicolás Quiñones e Paco Lamas foron duodécimo e décimo cuarto na proba do Octatlón. Marina Artemia Pérez foi quinta no triplo salto. Pola súa parte, Aixa Corbacho, do Rías Baixas, foi sexta no lanzamento de martelo.

Comentarios