O Pontevedra ficha a Mario Ortiz para reforzar o seu centro do campo

O xogador santanderino militou no Albacete, na Cultural Leonesa, no Racing de Santander, no Reus, no Córdoba e no Hércules, entre outros equipos
Mario Ortiz, recibindo ordes de Pablo Alfaro no Córdoba. JUAN AYALA (EL DÍA DE CÓRDOBA)
photo_camera Mario Ortiz, recibindo ordes de Pablo Alfaro no Córdoba. JUAN AYALA (EL DÍA DE CÓRDOBA)

O Pontevedra Club de Fútbol oficializou a súa segunda fichaxe para a temporada 2021-22. Trátase do medio centro Mario Ortiz, que asinou polo club de Pasarón por unha temporada.

Ortiz é un centrocampista de 33 anos, experimentado no fútbol semiprofesional e profesional español.

Procede do Hércules de Alacante, club co que disputou a fase de ascenso a Primeira RFEF no pasado curso, aínda que tivo un papel completamente secundario, xa que só disputou 14 partidos, dos cales unicamente seis foron como titular, para un acumulado de 656 minutos.

 

Ortiz militou en Segunda División co Racing de Santander, o Albacete, a Cultural Leonesa, o Castellón e o Reus, sempre bloques da zona baixa da categoría de Prata (e con desenlace fatal nas campañas para esas escadras, xa que viviu ata tres descensos desde a división de prata e unha desaparación, ademais de un descenso administrativo e outro deportivo a Terceira). Da mesma maneira, viviu tres saltos de categoría ao fútbol profesional desde a Segunda B.

Tamén debutou en Primeira División co Racing de Santander, club no que se formou.

O cántabro é un futbolista con moito percorrido e chegada á area e capacidade para roubar. Deberá complementarse con Yelko Pino e Miguel Román na parcela ancha do terreo de xogo.

Xa coñece o que é Pasarón, xa que se mediu ao bloque granate con varios equipos na competición de bronce. Principiou no Racing B e, como un dos homes máis prometedores da súa xeración no filial santanderino, chegou a ter minutos no primeiro equipo, aínda que non chegou a dar o salto de forma estable, o que lle fixo saír na campaña seguinte ao Castellón. Na primeira etapa no filial cántabro xa puido visitar Pasarón por primeira vez e medirse tanto no partido da primeira volta como no da segunda ao PCF.

Ortiz viviu tres ascensos a Segunda División

Na súa etapa sub-23, converteuse nun futbolista trashumante. En catro temporadas chegou a xogar en sete equipos diferentes: o Racing B, o primeiro conxunto do Racing, o Castellón, o Conquense (tamén se mediu ao Pontevedra nesa campaña 2010-11 na que granates caeron a Terceira División), o Puertollano, o Espanyol B e o Albacete foron os seus destinos sucesivos ata que por fin se puido consolidar en terras manchegas.

O cadro albaceteño foi o primeiro destino no que tivo contiunidade. Alí pasou tres temporadas e media nas que viviu un ascenso, sufriu un descenso e consolidouse como un xogador relevante, con peso e moitos minutos.

Tralo descenso a Segunda B en 2016, mudou de aires a outro proxecto potente, o da Cultural Leonesa. O guión repetiuse, un ascenso primeiro a Segunda División e o seguinte descenso a Segunda B, outra vez con moitos minutos sobre o céspede.

É a segunda fichaxe do Pontevedra nesta campaña despois de Ángel Bastos

Un paso efímero polo desaparecido Reus, nunha campaña convulsa, devolvérono á casa, Santander, para militar por fin no primeiro conxunto do Racing de Santander, sempre con moita presenza nos onces. Volveuse producir o mesmo que lle pasara co Albacete e coa Cultural: gozou dun ascenso a Segunda e padeceu un descenso a Segunda B, despois do cal marchou.

Así chegan as súas dúas temporadas máis recentes e seguramente das máis decepcionantes: acabou vivindo como o Córdoba pasaba a Segunda RFEF ao remate da temporada 2020-21 e como o Hércules quedaba sen ascenso no campionato pasado. Nese segundo caso, con moi poucos minutos.
Agora terá a opción de demostrar que non esqueceu as súas habilidades despois de vivir un curso con contratempos. Ortiz é a segunda incorporación do club granate neste mercado de verán, despois do lateral Ángel Bastos

Comentarios