sábado. 06.03.2021 |
El tiempo
sábado. 06.03.2021
El tiempo

O Pontevedra perde o acento sen galegos no once inicial

O once inicial do partido contra o Guijuelo, sen galegos. GONZALO GARCÍA
O once inicial do partido contra o Guijuelo, sen galegos. GONZALO GARCÍA
Foi nos dous encontros máis recentes, contra o Guijuelo e o Salamanca ► Non sucedía algo así desde había dez anos

Acabou a década máis galega da historia do Pontevedra. Despois de máis de dez anos sen que faltase un xogador do país no once inicial, o cadro granate disputou os dous últimos encontros, contra o Guijuelo e o Salamanca, sen presenza de futbolistas galegos.

A chegada de Luisito coincidiu coas baixas dos tres futbolistas séniores do plantel da nación: Adrián Cruz, Romay e, últimamente, Víctor Vázquez. Ademais, o técnico optou por darlle entrada a Aitor Núñez no lateral dereito en detrimento de Santi Figueroa, que fora o único galego na escadra que xogou perante o Zamora. En consecuencia, o cadro da capital do Lérez quedou sen elementos da terra na aliñación de partida.

Esa situación non tivo factor de corrección cos trocos. No banco só había canteiráns galegos. Santi Figueroa, Martín Diz, Iñaki e Pacheco non accederon ao terreo de xogo, de maneira que o Pontevedra rompeu completamente co seu hábito de galeguización da década pasada.

A anterior ocasión na que o once inicial non contiña a ningún futbolista da terra foi en decembro de 2010, nun partido ante o Leganés

Luisito repetiu o once inicial nos dous enfrontamentos, contra o Guijuelo e contra o Salamanca, cun bo resultado canto a sensacións no primeiro e canto a resultado, tamén, no segundo. Mario Fernández, Aitor Núñez, Xisco Campos, Pol Bueso, Eneko Zabaleta, Oier Calvillo, Imanol García, Damià Sabater, Álex González, Rufo e Charles foron os elixidos para o seu conxunto de saída. Óscar Fernández, Borja Martínez e Jorge Fernández foron os tres homes que entraron nos minutos finais dos dous duelos para refrescar o centro do campo, a banda e a media punta da escadra lerezana, no que foron as citas de regreso do adestrador de Teo ao banco de Pasarón.

Hai que botar a ollada ao curso 2010-11 para atopar un partido no que o Pontevedra non tivese a ningún galego no cadro de partida. O 12 de decembro de 2010, na décimo sétima xornada de Liga e con Fernando Castro Santos no banco, o cadro de Pasarón goleaba ao Leganés (5-1) sen ningún xogador de Galicia no once inicial. Orlando Quintana, Aitor Fernández, José Picón, Sergio Castaño, Joaquín Pastor, Noel Alonso, Dani Pendín, Santi Amaro, Omar Sampedro, Ibán Espadas e Igor de Souza saíran de cara para afrontar aquel enfrontamento.

Iso si, daquela entraran desde o banco un dos actuais compoñentes do colectivo, Adrián Cruz, e o porriñés Claudio Giráldez. Naquel plantel houbera moitos galegos con presenza, aínda que poucos con regularidade nos equipos titulares: Yahvé no treito final da Liga e Padín no comezo foran dous dos que máis peso tiveran.

Esa mesma campaña houbera tres partidos máis sen presenza galega no equipo inicial: na sexta, séptima e oitava xornadas contra o Coruxo, o Universidad de Las Palmas e o Celta B. Nos trocos, iso si, acabarían entrando Padín nos tres partidos e Adrián Cruz contra os celestes.

Tres dos catro xogadores con ficha do primeiro equipo (Adrián Cruz, Víctor Vázquez e Romay) estaban mancados nas dúas citas 

Na 2009-10, houbo ata nove partidos sen xogadores da terra no equipo inicial. Na 2008-09, cinco, e na 2007-08, un. Pero en todos eles chegara algunha sustitución que daba entrada a un futbolista da comunidade autónoma na segunda parte.

Por iso, hai que remontarse ao exercicio 2006-07 para atopar un equipo sen ningún futbolista da rexión nin no equipo de saída nin no de remate do partido. Foi o 29 de abril de 2007, na 34ª xornada. Sen Fran Rico no equipo, habitual das aliñacións de Xabi Gracia, nin tampouco Luciano, o Pontevedra perdía contra o San Sebastián de los Reyes cunha escadra formada por Bonis, Asier Ormazabal, Baggio, Vázquez, Machado, Organista, Víctor Ormazabal, Charles, Rubén Reyes, Yuri e Igor de Souza. Desde o banco aquel día saíron Baptiste e Humberto Soares: non só non había galegos, senón que de 13 que xogaron, só había tres españois. 

Adrián Cruz e Víctor Vázquez volven aos adestramentos co grupo

Adrián Cruz e Víctor Vázquez traballan xa co colectivo, ás ordes de Luisito. O central levaba xa varias sesións e intentou este xoves probar as súas sensacións de cara á fin de semana na intensa sesión matinal do colectivo. A súa participación no envite do domingo contra o Compostela dependerá das súas sensacións entre hoxe e o sábado.

O que seguramente non estará perante os albicelestes será Adrián Cruz. Despois de máis de dous meses afastado dos terreos de xogo por unha seria lesión muscular, o moañés reintegrouse no colectivo e vai máis amodo, recuperando sensacións co obxectivo de estar ao cen por cento para a cita de despois do parón que medirá ao PCF fronte ao Deportivo de la Coruña en Riazor. 

Un equipo granate moito máis galego durante a década pasada 

Os diferentes proxectos deportivos do Pontevedra Club de Fútbol da pasada década vencellaron ao equipo aos xogadores galegos de forma case radical. Por unha cuestión económica en moitos casos (cando o club estaba na Terceira División non se podía plantexar a fichaxe de moitos xogadores de fóra de Galicia e facer fronte aos gastos que acarrexaba), pero tamén por coñemento de mercado e filosofía de club, a entidade apostou polos xogadores da terra, de maneira que a base do plantel sempre foi de galegos.

O caso estremo desa situación foi a temporada 2012-13, en Terceira División. Daquela o único xogador non nativo de Galicia ao comezo do curso era Adrián Gómez, que en realidade era un pontevedrés máis, residente na cidade desde había moitos anos. Posteriormente, o club deulle oportunidades ao guineano Buba.

Na anterior etapa de Luisito, a presenza de xogadores galegos, tanto no plantel como nos onces, era predominante.

O Pontevedra perde o acento sen galegos no once inicial
Comentarios
ç