
O equipo granate sumou cinco puntos nos últimos cinco partidos da Liga
Valladolid B, Internacional de Madrid, Navalcarnero, rivais contra os que se gañan e se perden ligas. O Pontevedra tiña hai tres semanas a ocasión de engancharse de xeito definitivo á cabeza do grupo I de Segunda B e desaproveitouna.
Desde que derrotou ao Real Madrid Castilla e ofreceu a imaxe dun aspirante a todo, o equipo granate baixou o seu ritmo. Sumou un punto dos últimos seis e cinco dos últimos 15. Os seus resultados ao comezo da segunda volta son idénticos aos que obtivo na primeira metade do campionato: un triunfo, dúas igualadas e dúas derrotas. Daquela situábano en zona de perigo; agora, apártano dos primeiros lugares da táboa.
Todo o traballo que a escadra da Boa Vila non foi quen de levar a bo porto terá que executalo nas seguintes xornadas, nun calendario complexo, se quere conservar as súas opcións de facerse un lugar entre os mellores. E é que os homes de Luismi terán nas próximas semanas partidos contra o Celta B e a Ponferradina a domicilio e o Fuenlabrada na casa.
Como mal menor, o bloque da cidade do Lérez atopou aliados nos seus rivais por ocupar as catro primeiras posicións. Moitos deles baixaron o seu rendemento. Son os casos da Ponferradina, a Cultural Leonesa e o Real Madrid Castilla. Ningún amosou a regularidade necesaria para ampliar a súa distancia co PCF, de maneira que a cuarta posición segue a tres puntos do once de Pasarón. Iso si, a diferenza do que aconteceu co bloque de Luismi, moitos deles viviron varios duelos directos que lles fixeron roubarse puntos mutuamente.
Os mellores. Os que non desperdiciaron a ocasión de marcar distancias cos demais foron o Atlético de Madrid B e o Fuenlabrada. Os dous conxuntos de Madrid foron os mellores desde que principiou a segunda volta. O filial gañou catro dos últimos cinco enfrontamentos, o que lle permitiu alcanzar ao once do Sur de Madrid, que tampouco perdeu nas últimas semanas. Desde que caera contra o Burgos, no primeiro envite do ano, o líder encadeou tres triunfos e dous empates que lle permiten seguir comandando a táboa clasificatoria.
O San Sebastián de los Reyes e o Coruxo tamén levan unha traxectoria envexable. Ningún dos dous perdeu na segunda volta. Levan once puntos dos quince últimos e deron un salto de calidade que enviou aos madrileños ao terceiro lugar e ao Coruxo a ter a permanencia case garantida e comezar a aproximarse ás prazas de promoción pola permanencia.
O peor equipo nesta fase do exercicio é o Navalcarnero. A escadra madrileña non sumou ningún punto na segunda metade do campionato e afúndese na zona de descenso.