O Pontevedra precisa a 'Rufles'

O equipo granate leva tres derrotas e ningún gol a favor desde que a parella formada por Rufo e Charles non coincide nas aliñacións. O último gol en Liga foi hai 291 minutos
Charles e Rufo celebrando un gol de Oier Calvillo. GONZALO GARCÍA
photo_camera Charles e Rufo celebrando un gol de Oier Calvillo. GONZALO GARCÍA

A importancia da parella de dianteiros do Pontevedra no rendemento do colectivo estase a demostrar capital. A separación dos dous atacantes granates volveuse un grave inconveniente para o conxunto que dirixe Jesús Ramos. Así, polo menos, o reflicten os resultados do colectivo que prepara.

O Pontevedra leva preto de 300 minutos sen facer un gol na Liga. O último en conseguilo foi precisamente Rufo, no encontro contra o Deportivo da Coruña en Pasarón, na penúltima xornada da primeira volta. Desde aquel momento, o bloque da cidade do Lérez vive unha seca que se traduce na peor xeira de resultados desde que Jesús Ramos ocupa o banco de Pasarón.

Partidos con RuflesA diana que materializou Rufo fronte aos coruñeses foi no minuto 69. Desde entón, nin nos 21 minutos restantes daquela cita, nin nos tres enfrontamentos seguintes, o once de Pasarón foi quen de marcar. En total 291 minutos sen atopar porta e tres derrotas consecutivas que poñen en risco os obxectivos do equipo de Pasarón desta temporada, dada a escaseza de tempo e marxe de erro que ofrece o novo sistema de competición.

A oposición dos datos coa Rufles sobre o céspede e sen ela é abrumadora. Coa parella na mesma aliñación, os granates non perderon partido e marcaron sempre, excepto contra o Zamora e o Cádiz na Liga. Sen un dos dous elementos, sempre se produciu derrota dos lerezanos e ademais non houbo gol que servise para paliar os danos.

Partidos sen RuflesA ruptura da parella produciuse o día que Charles foi expulsado por darlle unha palmada na caluga a un adversario, durante a tangana producida pola expulsión de Lara por propinarlle un empurrón a Rufo.

O caso é que desde aquela unha maldición persegue aos dous atacantes, que non acaban de coincidir en Liga. Charles perdeu dous partidos do torneo: en Coruxo e en Pasarón contra o Racing de Ferrol. Rufo quedou coma unha illa no medio do océano. Desasistido e en inferioridade ante as defensas rivais. Pasou desapacercibido nos dous enfrontamentos e tivo a mala fortuna de mancarse no ombreiro no choque contra o Racing de Ferrol.

Precisamente ao partido seguinte Charles retornaba da sanción, pero Rufo non estaba sobre o céspede para ocuparse da defensa de Unionistas. Tivo como parella de baile ao incipiente Martín Diz. E deberá bailar con el e con outros acompañantes un par de semanas máis, cando menos, xa que Rufo ten para tres semanas de rehabilitación.

Un panorama nada agradable para o colectivo, que cando se produciu a separación da Rufles, ocupaba as tres primeiras prazas da clasificación xunto co Deportivo e Unionistas. Agora, está mergullado nos postos de loita pola permanencia, aínda que cun partido menos que os seus adversarios.

Con eles xuntos, o Pontevedra gañara tres partidos e empatara catro. Sumaba 13 puntos. Marcara 11 goles e encaixara sete. Desde entón, non volveu sumar nin a marcar e recibiu seis dianas. Na Copa do Rei, ademais, bateu ao Cartagena (2-1) e levou ao Cádiz ata a quenda de penaltis.

Comentarios