O Pontevedra, á procura da reconciliación

O club aposta pola unidade con tódolos seus seareiros nunha campaña na que amosa sensibilidade pola realidade dos fieis
Marcos del Río co cartel de promoción da campaña de aboados. DAVID FREIRE
photo_camera Marcos del Río co cartel de promoción da campaña de aboados. DAVID FREIRE

Con prezos sensiblemente máis económicos que en temporadas precedentes, coa creación de novas modalidades de afiliación e que denota a intención de integrar baixo a bandeira granate á meirande parte de afeccionados ao fútbol do contorno, o Pontevedra puxo este venres fin á espera pola súa campaña de aboados.

O director xeral do club, Marcos del Río, presentouna. Ademais da renovación, recuperación e captación de novos afeccionados, sustántase nun emotivo spot no que pon en valor o sentimento granate a través das vivencias de afeccionados, xogadores e figuras do contorno do club granate. A produción tamén foi presentada o venres e está a disposición dos seguidores nas redes sociais do Pontevedra Club de Fútbol.

A campaña foi presentada baixo o lema #TodoAlGranate. Os prezos de renovación para os seareiros da pasada campaña son máis baratos. Os fieis da bancada de Tribuna deberán aboar 200, 130, 80 e 75 euros para Tribuna, Preferencia, Fondo Norte e Fondo Sur respectivamente para retiraren o seu carné se non dispoñen de ningunha bonificación. Os bonificados pagarán 130, 80, 60 e 55 respectivamente para as mesmas bancadas. Mentres que a categoría Xove deberá pagar 40, 35, 30 e 30 euros por bancada. Nesta categoría tamén se inclúe a pais e nais de xogadores da canteira do club, independentemente de se eran ou non aboados ata a data.

No caso de seren novos socios do club, os prezos serán sensiblemente máis elevados: 220, 160, 110 e 100 euros anuais para as catro bancadas por orde de carestía. O custo do carné para bonificados (estudantes ou pensionistas) será de 140, 90, 70 e 65 e para o Xove (7 a 17 anos) de 75, 50, 40 e 40.

Ademais, a entidade mantén a figura da categoría Corazón Granate para os seareiros que desexen conservar número de socio e asento, que disporán de descontos do 20 por cento en dúas entradas durante a temporada.

O prezo desta categoría é de 85, 65 e 50 euros para Tribuna, Preferencia e os Fondos. Os abonos familiares concederán unha redución do dez por cento a cada membro da unidade familiar.

DIÁSPORA GRANATE.  A principal novidade é a da figura da modalidade Diáspora Granate: por 50 euros, os afeccionados de fóra da provincia de Pontevedra poderán manter o seu número de socio e bancada.

A categoría baby, para menores de sete anos suporalle un custo de dez euros.

Os interesados poderán retirar o seu carné de aboado a partir do próximo martes nas oficinas do campo de Pasarón.

A campaña vai dirixida a abarcar tres frontes: renovar e premiar aos aboados que xa o eran na temporada pasada, conseguir que os afeccionados que se deron de baixa en anos pasados retornen a Pasarón e obter novas altas para o club, coa fin de garantir o futuro da masa social da entidade de Pasarón.

Más en Deporte Local Pontevedra
Comentarios