Pontevedra recolle o testemuño de Abu Dhabi

Miguel Anxo Fernández Lores recibiu ao remate da última proba da temporada a bandeira que materializa o troco de sede das finais das Series Mundiais de tríatlon
Lores, xunto a Gorka Gómez, ondeando a bandeira das finais das World Series en Abu Dhabi. CEDIDA
photo_camera Lores, xunto a Gorka Gómez, ondeando a bandeira das finais das World Series en Abu Dhabi. CEDIDA

Pontevedra xa ten no seu poder a bandeira que a acredita como próxima sede da gran final das Series Mundiais de Tríatlon, en 2023.

O alcalde da cidade, Miguel Ánxo Fernández Lores, recibiu de mans do comité organizador de Abu Dhabi a enseña, que tanto o rexidor local, como Gorka Gómez, deputado de Deportes de Pontevedra, puideron ondear despois do solpor, cando se levou a cabo o acto de entrega de poderes que simboliza o cambio de sede do grande evento do tríatlon olímpico universal.

Os membros da expedición puideron posar xunto con tódolos triatletas que tomaron parte nas Finais das Series Mundiais na capital dos Emiratos Árabes, na que se incluía o vigués que adestra en Pontevedra Antonio Serrat, principal expoñente actual da modalidade en España. 

Lores pronunciou unhas palabras para agradecer a hospitalidade coa que o emirato acolleu a delegación chegada desde a cidade do Lérez, que puido presenciar as probas, promocionar Pontevedra como próxima organizadora do acontecemento e participar no acto de traslado de poderes. 

O entendemento entre as entidades implicadas na organización das Series Mundiais 2023, como o propio Concello e a World Thriatlon é maximo para avanzar no deseño dos calendarios, actos e elementos da axenda deportiva e de lecer de Pontevedra 2023. 

Lores: "Intentaremos ofrecer o mellor de Pontevedra para que todo o mundo teña unha cita inesquecible"

"Intentaremos ofrecer o mellor de Pontevedra para que todo o mundo teña unha cita inesquecible", sinalou o rexidor pontevedrés. "Queremos que vivades unha experiencia inolvidável máis aló da competición, que teñades unha experiencia totalmente novidosa", explicou Lores dentro do seu discurso.

"Vémonos en Pontevedra, See you in Pontevedra", rematou o alcalde da cidade do Lérez, xa en posesión da bandeira e coa mente posta no ano que ten por diante a localidade para preparar unha cita que os implicados na súa organización empezan a denominar "o mellor e máis completo evento desta clase nunca feito".

Dentro da axenda prevista ao longo desta semana, os representantes de Pontevedra 2023 tomarán parte hoxe na asemblea xeral da Federación Internacional de Tríatlon. Nela estará Miguel Anxo Fernández Lores xunto co presidente da Federación Española de Tríatlon, José Hidalgo.

As finais de 2023 serán unha ocasión única para testar a capacidade loxística e organizativa de Pontevedra, con ampla experiencia en eventos de gran magnitude e particularmente no mundo do tríatlon, no que vén de acoller unha proba da Copa do Mundo, ademais do Campionato de Europa de 2011, varias probas da Copa de Europa e o Mundial Multideporte 2019. 

Será o colofón para a Boa Vila, primeira cidade da Península Ibérica en recibir as finais das Series Mundiais.

O que asinaría Pontevedra sería un fin de festa tan espectacular e sorprendente como o que se produciu este sábado, co triunfo do francés Léo Bergere, que chegou aos Emiratos na terceira praza da xeral. Bergere gañou a proba e aproveitou a cuarta praza de Yee (segundo antes de arrancar) e sexta de Wilde (líder) para facerse co seu primeiro título. Antonio Serrat acabou no trixésimo sétimo posto a carreira.


 

Comentarios