Pontevedra reivindícase como capital da innovación e o emprendemento no deporte

O evento online busca promover a transformación dixital na industria do deporte no noroeste peninsular e dar a coñecer as últimas tendencias e os produtos e servizos máis innovadores
Presentación do Galicia Sportech Congress. DP
photo_camera Presentación do Galicia Sportech Congress. DP

Concibido como un espazo de xeración de sinerxías entre deportistas, federacións deportivas, clubs, patrocinadores, startups con solucións para o deporte e medios de comunicación, Pontevedra converterase entre os vindeiros días 21 e 22 de abril en sede virtual do I Galicia Sportech Congress. O evento online, centrado no fomento da innovación e o emprendemento no mundo do deporte e organizado polas firmas Diesemm e HubIN en colaboración co Concello, nace con vocación de continuidade, establecendo a nosa cidade como sede presencial para acollela en vindeiros anos.

O Sportech Congress, presentado este xoves na sala de prensa do Teatro Principal polo alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores; o tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández; o xefe do Servizo Provincial de Deportes da Xunta, Daniel Benavides; o deputado provincial de Deportes, Gorka Gómez, e mailos seus cofundadores e organizadores, Lalo García e David Suárez, ten o obxectivo de conectar o ecosistema innovador da industria do deporte a través dos exemplos e testemuñas de emprendedores, líderes, organizacións deportivas e deportistas.

Trátase, como explicou García, de crear “unha plataforma de networking que promova a transformación dixital na industria do deporte no noroeste peninsular e que permita poñerse ao día coas últimas tendencias e os produtos e servizos máis innovadores dispoñibles no mercado, da man de grandes marcas e de emocionantes starups”.

"Pretendemos poñer en valor o talento innovador, achegar as novas tecnoloxías a tódolos deportes e aportar solucións que melloren resultados e rendementos e que provoquen o retorno económico dos investimentos a clubs, federacións e patrocinadores. Contaremos con máis de corenta relatores de primeiro nivel, máis de 18 mesas redondas e seis talleres nos que as startups presentarán as tecnoloxías máis punteiras. Temos marcado como obxectivo que o congreso poida converterse en presencial a partir de 2023, de xeito que poidamos converternos en referentes nacionais no mundo da innovación no deporte e poñer a disposición de tódolos deportes a tecnoloxía axeitada", subliñou Lalo García.

O Sportech Congress, que será emitido online a través da páxina web www.galiciasportechcongress.com, incluirá conferencias maxistrais da man de pioneiros e persoas influíntes na industria do deporte, debates para explorar novas oportunidades de aprendizaxe e desenvolvemento no mundo sportech e talleres/sesións de traballo para dar resposta aos desafíos vencellados ao sector. Asemade, ponse a disposición dos emprendedores a Startup Competition, un concurso que brinda a oportunidade de presentar proxectos innovadores ante clubs, corporacións e inversores máis relevantes da industria do deporte.

Un panel de expertos de primeiro nivel

Entre os relatores de primeiro nivel que forman parte do panel de intervintes do I Galicia Sportech Congress figuran Iris Córdoba, do Global Sports Innovation Center (GSIC) de Microsoft; Minerva Santana, directora de Innovación de LaLiga; Ricardo Mazzuca, de Arena Hub São Paulo; Juan Iraola, de Hub Innovación Real Sociedad; Franco Segarra, de Hub Innovación Valencia CF; David Cal, o canoísta olímpico máis laureado de España; Borja Iglesias, futbolista do Real Betis Balompié; Óscar Husillos, atleta campión de Europa de 400 metros, e triatleta paralímpica Susana Cagio. Tamén protagonizarán relatorios Cristina Ribes, presidenta para Europa da Gasol Foundation; César Hernández, da Federación Española de Hockey; Carles Combarros, de Xarxa Capital; Daniel Muñiz, de YNN Ventures; Daniel Roca, de BlinkFire; Jorge Schnura, de Mad Lions; Jose Iglesias, de Sim Racing, e Víctor Ratón e José Luis Alcalá, de Staff Innovación Adidas.

Entre os asuntos que se abordarán contémplanse a preparación para ser competitivo na vida e o deporte, o papel da innovación no deporte, os retos da competición, a ferramenta Cluber, o papel das fundacións, a innovación nas marcas (Adidas), o baloncesto como caso de éxito, a ferramenta Microsoft Power BI Adestrapp, a industria do deporte como oportunidade de investimento, a xestión da marca persoal, o broadcasting deportivo, a transformación dixital no deporte, a primeira superaxente de mulleres futbolistas (Unik Sports Management), fan engagement e patrocinio deportivo feminino, eSports, a nutrición do deporte e eventos deportivos e sostibilidade.

Miguel Anxo Fernández Lores asegurou que o congreso supón "un chanzo máis" dentro do papel que Pontevedra vén desenvolvendo como cidade de referencia no eido do deporte, amosando a súa capacidade para organizar eventos de nivel internacional e fomentar o deporte de base e o deporte para todos. En opinión do alcalde, o Galicia Sportech Congress permite "pechar o círculo", potenciando a innovación e facilitando que se coñezan ás últimas achegas tecnolóxicas para "sacarlle a máxima rendibilidade ao deporte".

O concelleiro Tino Fernández destacou o papel da innovación no deporte como “elemento transversal a outros aspectos como a saúde, a economía, o turismo e a imaxe de marca dos actores implicados” e amosouse convencido de que o Galicia Sportech Congress converterase en motor “dos valores da innovación, o espírito emprendedor e a igualdade no deporte, xerando novas ideas, espertando a creatividade, a paixón, a adaptabilidade e o liderazgo e fomentando unha sociedade igualitaria, moderna e avanzada”.

Pola súa banda, o deputado provincial Gorka Gómez salientou que Pontevedra “é un referente en Galicia a nivel de deporte" e amosou o desexo da Deputación de que esta primeira edición do congreso permita fomentar “ese vínculo entre deporte e turismo”, co obxectivo de que se poida celebrar de xeito presencial a partir de 2023 e servir de polo de atracción de xente cara a nosa provincia. Neste mesmo sentido, Daniel Benavides afirmou que este evento marca “un antes e un despois” no deporte pontevedrés, ao contar con poñentes de enorme nivel e converter a Pontevedra “na cidade da innovación e a cultura deportivas”. Todas aquelas persoas interesadas en inscribirse no congreso ou obter máis información sobre o mesmo poden facelo a través da páxina web www.galiciasportechcongress.com.

Comentarios