O Pontevedra respecta aos inquilinos

O club granate só decidiu mudar de adestador ao remate da temporada en dúas ocasións nos últimos 20 anos: Tomé na 2010- 1 e Milo na 2012-13
undefined
photo_camera Luisito, emocionado ao rematar o partido contra o Oviedo B. GONZALO GARCÍA

Cambiar de adestrador ao remate da temporada non é unha tradición consolidada no mundo do fútbol e é mesmo máis estraño no Pontevedra. No medio das dúbidas que o club granate non acaba de despexar ao respecto da continuidade do preparador que rematou a temporada ou a elección dun novo responsable técnico, cabe lembrar que o Pontevedra non abusa desta medida.

Nos últimos 20 anos, a entidade só optou por dous trocos de técnico ao remate do curso: en 2011, con Manolo Tomé, e dous anos despois, cando Milo Abelleira concluíu o curso á fronte do banco de Pasarón.

Na etapa de Lupe Murillo como presidenta granate, é dicir, nas últimas sete temporadas, o PCF nunca mudou de preparador ao remate da campaña. As excepcións á regra son anteriores.

Milucho foi o adestrador escollido para salvar ao Pontevedra do descenso no curso 2000-01. O preparador vigués chegou á metade do curso nunha situación dramática e foi quen de espremer ao máximo aquel bloque para acadar a permanencia en maio. O vigués creu que a súa misión rematara e non quixo continuar. Co contrato de fin de obra cumprido, Nino Mirón apostou por Raúl González como responsable do primeiro equipo aquel verán.

Pero Raúl demitiu en abril do ano seguinte e Milucho voltou para levar ao Pontevedra ao play-off. Aínda que non ascendeu, o club optou por mantelo no cargo e comezar a campaña 2002-03 con el á fronte do primeiro equipo.

A liga principiou daquela maneira e Milucho deixou o seu cargo voluntariamente na cuarta xornada da Liga. E para sustituilo chegou Aurelio Gay. O adestrador madrileño rematou ese curso e o seguinte como técnico do Pontevedra e principiou dúas ligas á fronte das operacións do plantel, unha en Segunda B e outra en Segunda.

Milucho (2001), Gracia (2008), Gay (2009) e Alfaro (2010) renunciaron a seguir

Durante a campaña 2004-05, Alberto Argibay substituíuno. O técnico pontevedrés acabou aquel campionato do descenso de Segunda, acabou o seguinte e principiou o 2006-07 traballando para o Pontevedra. En marzo de 2007 era cesado e no seu lugar chegaba ao vestiario Xabi Gracia.

O preparador navarro foi granate o que restaba desa temporada e a seguinte completa. En xuño de 2008, despois da derrota no play-off contra o Ceuta, Gracia optou por non negociar a súa renovación. Da mesma maneira que o club prescindiu dalgún técnico, houbo adestradores que prescindiron do Pontevedra.

Ao ano seguinte repetiuse a escena cando Aurelio Gay, que chegara coa liga comezada na que fora a súa segunda etapa no club, optou por non continuar á fronte do Pontevedra, a pesar de dispoñer dunha oferta de Nino Mirón para seguir.

E por terceira temporada seguinte volveu producirse a mesma situación: Pablo Alfaro era o elixido por Nino Mirón para reemprazar ao cesado Roberto Aguirre durante o curso 2009-10. Acababa a campaña, o once pontevedrés competía a un gran nivel no play-off, quedaba sen ascenso e Alfaro decidía marchar, consciente de que a situación do club estaba lonxe de ser idílica.

En 2011 era o club o que desbotaba a posibilidade de continuar sendo adestrado por Manolo Tomé. O preparador de Moaña fora o terceiro daquel curso 2010-11, o que rematara no banco cando o equipo descendeu.

A entidade optou por un xiro dos acontecementos e deixou todo en mans de Milo Abelleira ao curso seguinte. Milo estivo dúas temporadas completas, pero non ascendeu ao equipo e foi relegado á figura de director deportivo en xuño de 2013.

Na 2013-14, Manu Fernández concluíu a campaña como técnico. Aquel verán Lupe Murillo chegou á presidencia e permitiulle a Manu seguir co seu traballo. Pero á metade do curso destituíuno e apareceu Luisito en escena.

O técnico de Teo estivo desde outubro de 2014 ata decembro de 2017 en Pasarón. Luismi deulle o relevo e principiou os dous cursos seguintes, 2018-19 e 2019-20.

A 2019-20 rematouna Jesús Ramos, que comezou tamén a liga que vén de finalizar.

Eneko Zabaleta, ao Calahorra 
O lateral esquerdo que concluíu a temporada co Pontevedra, Eneko Zabaleta, xogará a próxima campaña no Calahorra, equipo que obtivo praza na Primeira División da RFEF. O xogador vasco deixa o conxunto pontevedrés despois de unha campaña e media defendendo os intereses do club de Pasarón. 

Zabaleta foi un dos futbolistas máis empregados polos dous adestradores do Pontevedra durante o pasado exercicio, feito no que tamén influíu que non tivese competencia no posto. 

O zagueiro é unha das primeiras baixas confirmadas dun conxunto pontevedrés no que se prevén unha importante cantidade de saídas.

Comentarios