O Pontevedra segue sen once

Luismi aínda non aliñou dúas veces o mesmo equipo titular en Liga ▶ Lesións, sancións e decisións técnicas son a causa de tantos trocos

Once inicial do Pontevedra contra o Fabril. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera Once inicial do Pontevedra contra o Fabril. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

Catorce xornadas, 14 equipos diferentes. Luismi é incapaz de repetir once despois de máis dun terzo do campionato. Pero non é só en dous enfrontamentos consecutivos, senón en calquera momento do curso. Tódalas aliñacións do preparador vigués presentan peculiaridades que as fan diferentes ás outras trece.

As lesións, as decisións técnicas, a dificultade para atopar o bloque ideal e as variables ás que lle gusta recorrer ao adestrador do Pontevedra propiciaron constantes modificacións na escadra. A iso houbo que unir as necesidades de cambiar a dinámica nos primeiros encontros do curso, feito que recomendou rotacións na procura do mellor rendemento.

Edu é o único que pode dicir que disputou tódolos minutos, ao que non lle pasaron factura nin as lesións, nin as sancións nin as decisión do adestrador granate.

Os 22 xogadores de LuismiTódolos compoñentes do plantel tiveron a posibilidade de xogar de cara algunha vez, excepto Pibe e o arqueiro suplente Rubén Ualoloca. O cambadés comezou a ter minutos hai tres xornadas.

Varios futbolistas tiveron oportunidades puntuais de saír no equipo inicial, o que converteu aos onces dos que formaron parte en únicos neste curso: Contra o Guijuelo Juan foi incluido na aliñación, algo excepcional ata o momento. En Fuenlabrada Javi Pazos e Arruabarrena coincidiron na escadra que principiou o duelo, algo que nunca máis se repetiu.

Nacho Lorenzo iniciou o partido dúas veces: unha con Javi Pazos como nove (Unionistas) e a outra con Arruabarrena só en punta (Salmantino).

Mouriño foi titular en tres ocasións: en Fuenlabrada, en Pasarón contra a Cultural, con Álex Fernández gardándolle as costas, e contra o Internacional en Boadilla, onde non xogou o mencionado mediocentro ourensán.

Nas tres últimas xornadas (perante Fabril, Sanse e Coruxo), Javi Pazos foi titular: en ningunha delas se repetiu a mesma defensa, xa que Víctor Vázquez, David Castro e Campillo estiveron fóra da aliñación deseñada por Luismi de forma alterna.

CAMPILLO. O central vigués tamén foi da partida en sete envites: nos xa mencionados perante o Fuenlabrada, o Salmantino, o Guijuelo, o Fabril e o Sanse, e contra o Navalcarnero e o Burgos. No primeiro dos dous partidos compartiu a zaga con Adrián León. No celebrado no Plantío, o cántabro estaba mancado e non xogou.

Dos tres encontros que faltan por definir como excepcionais, no do Valladolid B non estivo Adrián León, lesionado, contra o Celta B si estivo, pero non participou Berrocal, que si o fixo no duelo contra a Ponferradina, o primeiro que non puido disputar Álex Fernández, aqueixado dunha lesión.

Todo foron condicionantes que converten en especiais aos 14 once iniciais de Luismi ata a data.

Comentarios