Sábado. 25.05.2019 |
El tiempo
Sábado. 25.05.2019
El tiempo

O Pontevedra soña cunha gran cidade deportiva en Verducido

Reunión que se levou a cabo o domingo na sede social da Comunidade de Montes de Verducido. RAFA FARIÑA
Reunión que se levou a cabo o domingo na sede social da Comunidade de Montes de Verducido. RAFA FARIÑA

Lupe Murillo aspira a construir tres campos de fútbol, dous de fútbol oito e un ximnasio ▶ Os membros da Comunidade de Montes aprobaron por unanimidade a cesión dos terreos

Lupe Murillo aspira a construir unha gran cidade deportiva con tres campos de adestramento, un deles de herba natural e dous de fútbol sete, ademais dun ximnasio. Esa é a intención da máxima mandataria granate, que o domingo coñeceu unha excelente nova para os intereses do Pontevedra, coa aprobación por parte da Comunidade de Montes de Verducido da cesión dos terreos do actual campo Raimundo Piñeiro de Monte Balado (en gran parte de Verducido, pero que tamén ten terreos de Lérez) e os espazos lindeiros do mesmo, que se atopan en chan de Verducido.

A dirixente recibira con anterioridade ofertas de concellos limítrofes, como Cerdedo-Cotobade. A boa vontade dos comuneiros de Verducido abre a porta á construción dun proxecto que o PCF leva perseguindo desde hai anos e que Lupe Murillo quere levar a cabo a medio prazo.

O campo Raimundo Piñeiro de Monte Balado e os terreos lindeiros conforman o lugar elixido para desenvolvela

O seguinte paso que debe dar a entidade é atopar o financiamento para poder propoñer e executar un proxecto sólido. As dimensións dos terreos que Verducido lle ofrecerá ao Pontevedra estarán en consonancia coas necesidades que requira a infraestrutura.

A dirección do Pontevedra pretende dispoñer de máis autonomía para poder traballar, de máis facilidades para a organización dos seus adestramentos, máis calidade de traballo e mellores instalacións en tódolos aspectos, non só canto a terreos de xogo, senón tamén coa construción dun ximnasio.

A Comunidade de Montes de Verducido aprobou por unanimidade a cesión dos terreos. Os veciños reuníronse en asemblea o pasado domingo á mañá na súa sede social co fin de debater e votar a moción proposta polo presidente da agrupación, Marcos Rey.

Cincuenta e cinco persoas estiveron presentes na reunión (un 40 por cento do total dos comuneiros), na que non houbo voces discordantes. A intención é favorecer e facilitar que o Pontevedra poida continuar levando a cabo a súa actividade deportiva, tanto do primeiro equipo como das categorías base, na cidade.

Os veciños ven con bos ollos a posibilidade de que a infraestrutura se localice no seu territorio, xa que o entenden como unha forma de dinamizar económica e socialmente o pobo, á parte de conseguir algunhas vantaxes de uso que aínda deben ser concretadas en futuras reunións.

Os representantes da agrupación tiveran varias reunións coa presidenta do Pontevedra, Lupe Murillo, durante as pasadas datas. A propia Murillo valoraba desde hai anos a opción de mellorar as instalacións do club para evitar os continuos desprazamentos que os equipos granates se ven obrigados a realizar para poder levar a cabo os seus adestramentos. Actualmente, o primeiro equipo exercítase en Cerponzóns, pero os equipos inferiores seguen a facelo nos terreos da Xunqueira, nos que en moitas ocasións deben compartir espazo con outros clubs.

O Pontevedra soña cunha gran cidade deportiva en Verducido
Comentarios