Pontevedra ten 4 picos

1.500 deportistas de toda España participarán na proba de BTT que se celebra o sábado
undefined
photo_camera Un momento de presentación da proba Pontevedra 4 Picos BTT no Teatro Principal. CEDIDA

A clásica Pontevedra 4 Picos BTT regresará esta fin de semana, na que será a súa sétima edición, coa participación de 1.500 ciclistas e coa novidade de ser unha proba co patrocinio e a marca do Xacobeo 2021, o que lle outorga se cabe aínda máis categoría a un evento xa consolidado.

A proba, de carácter non competitivo e na que deportistas e afeccionados deberán ascender cumios que rodean á cidade, desenvolverase en dúas distancias: dous picos con 60 km e 1.500 de acumulado positivo e catro picos con 130 km e 3.000 de acumulado positivo, establecéndose un tempo máximo de 12 horas para completar o percorrido.

A Pontevedra 4 Picos, organizada pola firma Global DXT grazas á colaboración da Concellería de Deportes, a Deputación Provincial, o Xacobeo 2021, múltiples comunidades de montes e firmas privadas como Raw (bebida oficial), Supermercados Froiz e Panaderías Xeve (subministradores da comida), terá lugar na xornada do sábado 11 de setembro, dando comezo ás 8.00 horas no Campus Universitario da Xunqueira, fronte a Escola de Enxeñería Forestal.

De cara a ofrecer unha maior seguridade e evitar aglomeracións, tal e como esixe o protocolo anti Covid-19, realizaranse cinco saídas distintas de 300 participantes cada unha delas. As persoas inscritas poderán recoller o seus dorsais na zona de saída o venres a partir das 16.00 horas, tendo que acreditar mediante un test de antíxenos negativo que son Covid free (a organización porá a disposición daqueles que non leven o seu certificado un stand para a realización dos test).

Os deportistas teñen un máximo de 12 horas para cumprir o percorrido longo

A agardada proba foi presentada este mércores na sala de prensa do Teatro Principal nun acto protagonizado polo tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández; o deputado provincial, Gregorio Agís; o xefe territorial da Consellería de Vicepresidencia e Turismo en Pontevedra, Ramón Pereiro (en representación do Xacobeo), e o director executivo de Global DXT, José Víctor Cimadevila.

O director de Global DXT salientou que se trata dun evento que está destinado a "todo tipo de corredores", con ciclistas de carácter internacional "como o portugués David Vaz, recentemente campión da Epic Race Pontevedra e de diversas probas do calendario nacional" e cun "montón de participantes, rapazas e rapaces, que teñen como único obxectivo desfrutar do monte". "Pechamos o cupo máximo de inscricións que nos marcamos, con 1.500 participantes, moitos galegos, de toda España e portugueses, o que, en tempos de pandemia, supón un volume moi elevado de xente", apuntou Cimadevila.

Os participantes disporán ao longo da carreira de cinco avituallamentos. Todos os deportistas obterán a súa medalla Finisher, que nesta edición emula unha concha de vieira como homenaxe aos treitos do Camiño de Santiago polos que transita a 4 Picos. Ademais, haberá un premio especial para os tres primeiros clasificados de cada categoría.

Comentarios