Pontevedra cumpre un ano sen piscina olímpica

O 10 de marzo de 2022, a empresa Supera anunciaba o peche da lámina de auga do Complexo Deportivo Rías do Sur ► O vaso de 50 metros aínda non se volveu empregar e permanece á espera de volver ser enchida, sen data concreta prevista

Estado actual da piscina olímpica de Rías do Sur. DAVID FREIRE
photo_camera Estado actual da piscina olímpica de Rías do Sur. DAVID FREIRE

A piscina olímpica de Pontevedra cumpre un ano sen actividade. Unha das instalacións deportivas de referencia da cidade segue pechada desde mediados de marzo de 2022. 

Aquel 10 de marzo Sidecu, empresa que tiña os dereitos de explotación desde o momento da posta en marcha do Complexo Deportivo Rías do Sur, anunciaba o peche da lámina de auga do centro desde o día seguinte. A compañía explicaba que os elevados gastos enerxéticos aos que debía facer fronte lle facían imposible manter a instalación.

Desde aquela a situación deu moitos xiros, pechouse toda a instalación, reabriuse e habilitouse a piscina de 25 metros para que os clubs puidesen abastecer as súas categorías base, pero o vaso grande segue sen ser empregado e non hai un horizonte temporal preciso para saber cando volverá estar operativo.

Despois daquel 11 de marzo de 2022 no que as piscinas deixaron de estar en funcionamento, Supera comunicou que todo o complexo (ximnasios e salas seguían en uso) pecharía o 1 de abril

Entrouse nunha fase de intercambio dialéctico entre a Fundación Rías do Sur e a compañía, e de actos e manifestacións dos clubs e a cidadanía contra o peche.

En maio, a Fundación denunciou a empresa por incumprir o contrato de explotación, coa intención de reabrir e de recuperar a concesión. 

Mentres, os clubs desprazaban os seus deportistas á Escola Naval de Marín, ao CGTD ou outras piscinas da contorna. A súa viabilidade víase ameazada.

O 1 de xuño a xuíza ordeou reabrir Rías do Sur. Así e todo, un erro no procedemento despois da vista inicial, na que Supera non se presentara por falta de notificación, obrigou a anular a sentencia e volver celebrar o xuízo. A vista foi o 8 de xullo e a maxistrada volveu fallar a favor da Fundación días despois. Estimou a medida cautelar de reapertura do centro.

Os gastos de uso, as obras de mellora e o xuízo dos extraballadores de Supera impediron ata agora a volta á normalidade na piscina de 50 metros   

A instalación reabriu e comezaron diferentes obras de mellora e limpeza no vaso de 50 metros. O de 25 metros pasou a estar a disposición do CN Galaico e o Galaico Sincro e as salas de squash para o Squash Pontevedra, pero o CW Pontevedra non puido regresar, nin tampouco os becados do CGTD nin os usuarios privados dos ximnasios ou das piscinas. 

O 11 de setembro os clubs volveron á piscina curta. Sen calor aínda de Ence por mor da falta de actividade da factoría debido á seca e con moitas obras de mellora por diante, a piscina olímpica seguía pechada.

O 28 de setembro, Supera e a Fundación acadaban un acordo para rachar o contrato de explotación: Supera renunciaba e a Fundación recuperaba a xestión.

Cando parecía que o enchido da piscina olímpica estaba máis preto, a Fundación anunciaba que non podía facerse cargo dos gastos de mantemento e que, de non aboárenllos os clubs, pecharía de novo a instalación.

En decembro o Concello reuníuse coas partes afectadas, ofreceuse a municipalizar o complexo (coa negativa da Fundación) e comprometeuse a emitir unha subvención aos clubs para cubrir os gastos de uso a cambio de tres meses máis de uso da piscina curta. 

Tras unha nova disputa entre Fundación e Concello polo mes no que en teoría remataba o acordo dos gastos (finais de febreiro ou finais de marzo), a Fundación estimou manter aberta a instalación para o uso dos clubs no vaso de 25 metros ata remate deste mes. 

Mentres, a piscina de 50 metros segue baleira, á espera da resolución do xuízo dos antigos traballadores de Supera contra a Fundación, co conflito candente  e sen día de apertura previsto.

Comentarios