A veteranía deberá ser un valor do Pontevedra da temporada 2022-23. O equipo granate ten un plantel cunha media de idade de 28,2 anos na actualidade, que o converte nun dos máis vellos do grupo Primeiro de Primeira Federación. O colectivo dispón de sete homes con máis de 30 anos nas súas ringleiras. Entre eles, o de máis idade é Charles Dias, con 38 anos, tres meses e 26 días.
Ademais, o plantel ten a homes como Rufo, que supera os 35 anos por sete meses e tres días. Seoane supera os 34 anos. Álex González xa cumpriu os 32, o mesmo que Víctor Vázquez. A eles hai que sumar as dúas últimas adquisicións no mercado. Tanto Ángel Bastos, que vén de facer os 30 en maio, como Mario Ortiz, xa nos 33, teñen un longo percorrido ás costas.
O colectivo lerezano xa era un dos máis veteráns do pasado exercicio, mercede á presenza dos citados compoñentes, que acumulan un ano máis no seu DNI.
Charles é o terceiro futbolista máis veterán da categoría, con 38 anos, tres meses e 26 días
Tamén hai futbolistas novos, como Miguel Román (19) e Martín Diz (21), ademais de futbolistas que, superada xa a idade sub-23, aínda teñen moito por diante, como ocorre cos dous gardarredes (Pablo Cacharrón ten 25 anos e Álvaro Cortés, 24) ou con Alberto Rubio e Yelko Pino, que tamén andan nos 25.
Hai máis posibilidades de que esa medida de idade se rebaixe que de que se incremente a medida que caian as fichaxes, xa que o club ten aínda catro licenzas sub 23 pendentes de ser ocupadas.
Canto a Charles, o dianteiro brasileiro é o xogador máis veteráns en vestir a elástica do Pontevedra no século XXI. Outros homes como Dani Pendín, David Pérez ou Neru chegaron a cumprir os 37 co conxunto da cidade do Lérez, pero ningún deles alcanzou os 38 como o ariete.
O cadro de Antonio Fernández non é o máis veterán da competición. Dúas escadras teñen agora mesmo unha media de idade máis elevada cá do Pontevedra: o Internacional de Madrid e o Fuenlabrada. En ámbolos dous casos acontece algo similar ao do once granate: aínda deben acabar de elaborar o plantel definitivo. Mentres que o Pontevedra ten 17 xogadores dos 24 que pode chegar a dispoñer, os dous bloques madrileños contan con 11 e 16 futbolistas, respectivamente.
O Pontevedra ten unha media de idade actual, á espera das últimas fichaxes, de 28,2 anos
O Internacional de Madrid é o equipo con máis idade de todos, pero tamén o que menos homes ten: 11. O seu xogador cun DNI máis gastado é David Barral, que supera os 39 anos por dous meses e 20 días.
O Fuenlabrada ten o futbolista máis vello da competición, o seu capitán Juanma Marrero, que rematou a temporada pasada co ligamento cruzado roto e fará os 40 anos en outono.
En total, o grupo Primeiro de Primeira Federación ten actualmente 20 futbolistas con máis de 35 anos. Cada ano, a lonxevidade dos xogadores é maior, o que lles permite competir en categorías profesionais a un elevado nivel e con regularidade.
Entre os veteráns da competición, hai un nutrido grupo de porteiros. Ian Mackay (do Deportivo da Coruña), Ismael Falcón (do San Fernando), Diego Rivas (Racing de Ferrol) e Dani Hernández (Fuenlabrada) son os gardarredes do grupo que sobrepasan os 35 anos.
AMIGABLE EN VILALONGA. O Pontevedra afronta este domingo en San Pedro o segundo compromiso da pretemporada fronte ao conxunto local, o Vilalonga.
O partido principiará ás 20.00 horas e servirá para decidir o campión do Trofeo Peña Celeste 12-13-14.
O Vilalonga é un dos adversarios habituais da escadra granate no verán e militará o próximo curso na Preferente Autonómica, despois de que lle fuxise a Terceira na temporada pasada.