O Pontevedra volve ao seu sitio

O equipo granate remata a primeira volta nos postos nobres do grupo I, empatado a puntos co cuarto clasificado ▶ No século XXI, o once pontevedrés só acabou o campionato de inverno lonxe da zona de promoción en catro ocasións

A temporada 2018-19 devolveu ao Pontevedra CF ao seu lugar. O equipo granate rematou a primeira volta da competición na quinta posición, empatado a puntos co cuarto clasificado, o Real Madrid Castilla (está por detrás dos merengues na táboa por dous goles), e a un punto do segundo e o terceiro.

A Ponferradina concluíu como campioa de inverno, con 36 puntos, a cifra máis baixa dun líder ao final dunha primeira volta da Liga dos últimos catro anos.

Despois dunha mala temporada pasada, na que estivo pelexando pola permanencia ata a última xornada, o Pontevedra retorna ao seu hábitat natural da Segunda B. A estas alturas, no curso pasado, a escadra da cidade do Lérez tiña 13 puntos menos que agora (19) e ocupaba a praza da promoción pola permanencia.

Desde que regresou á Segunda B, o rendemento da pasada campaña do equipo pontevedrés foi a excepción á regra. Nos dous primeiros exercicios tralo ascenso, o Pontevedra de Luisito acabou a primeira metade do campionato entre os catro primeiros. Agora é quinto.

Canto a puntos conseguidos, as cifras actuais son lixeiramente peores que as dos exercicios 2015-16 e 2016-17. Entón o PCF chegara ao ecuador da Liga con 34 e 37 puntos, respectivamente, cinco e dous máis que os que ten agora o bloque de Luismi.

Para chegar á súa situación actual, o Pontevedra debeu realizar un grande último mes e medio de curso, no que acumulou cinco vitorias en seis partidos.

O bloque da cidade do Lérez non destaca nas estatísticas de tantos encaixados ou transformados. Só é a sexta mellor defensa da liga, con 18 dianas en contra (por detrás do Fuenlabrada, a Ponferradina, o Burgos, o Unionistas de Salamanca e a Cultural y Deportiva Leonesa).

En materia ofensiva, é o sétimo conxunto que máis goles logrou, igualado con outras dúas escadras máis, o Navalcarnero e o Unión Adarve. Os tres onces lograron 23 tantos ata agora.

No que vai de século XXI, a loita do Pontevedra pola fase de ascenso é case unha tradición. Das últimas 18 campañas, acabou a primeira volta mergullado na pelexa polas catro primeiras posicións en 14 ocasións. As únicas catro excepcións foron na campaña 2004-05, na que o equipo granate competía en Segunda División; a 2008-09, na que o chegou á metade do campionato na décima praza, despois dunha mala xeira de resultados; a 2010-11, na que acabou descendendo á Terceira, e o xa coñecido pasado curso.

Canto ao resto da competición, cabe sinalar a grande igualdade que preside a categoría e a carestía das prazas da permanencia. Nos anos anteriores nunca sucedera o que pasa no actual: que un equipo que teña 20 puntos estea en prazas de descenso directo, como lle ocorre agora ao Unión Adarve. Os 21 de play-out que ten o Navalcarnero tamén son a cifra máis alta dos tempos recentes.

No estremo oposto, nunca fora tan barato no último lustro o acceso ao liderado: mentres o Racing de Ferrol, a Cultural Leonesa e o Fuenlabrada dos anos anteriores alcanzaran os 40 puntos a estas alturas do campionato, a Ponferradina de hoxe só ten 36.

Coas súas cifras, ocuparía o terceiro lugar no campionato 2015-16, o quinto na 2016-17 e o cuarto na pasada temporada.

A distancia entre a promoción polo ascenso e o descenso é a máis reducida dos catro últimos cursos: só 12 puntos entre o cuarto e o décimo sétimo.

Clasificaciones de Segunda B tras la primera vuelta

Berrocal e Álex González serán baixas contra o Unionistas por sanción

Álex González e Berrocal non poderán disputar o primeiro partido da segunda volta, no que o Pontevedra se enfrontará ao Unionistas de Salamanca en Pasarón. O cántabro e o cordobés viron o quinto cartón amarelo do seu ciclo sancionador o pasado domingo no enfrontamento contra o Real Madrid Castilla e deberán descansar a próxima fin de semana.

Son as primeiras sancións que sofre o Pontevedra por acumulación de tarxetas amarelas no que vai temporada. Ademais, o propio Álex González e Kevin Presa non traballaron cos seus compañeiros na sesión de recuperación que se levou a cabo no campo de Chan do Monte de Cerponzóns. Os dous padeceron diferentes golpes no partido contra o Castilla que non deberían impedirlles volver ao grupo nos próximos días.

Más en Deporte Local Pontevedra
Comentarios