A pontevedresa Alicia Bouzas, segunda nos 400 metros estilos do Campionato de España

A nadadora do Club Natación Galaico logra o segundo posto na categoría absoluta xove
Alicia Bouzas. CLUB NATACIÓN GALAICO
photo_camera Alicia Bouzas. CLUB NATACIÓN GALAICO

Alicia Bouzas conseguíu a medalla de prata nos Campionatos de España de natación en piscina olímpica que se celebran en Palma de Mallorca desde o pasado mércores. 

Bouzas logrou o segundo posto na categoría absoluta xove dos 400 metros estilos, cun rexistro de 5:01.43. A nadadora do Club Natación Galaico rematou en oitavo lugar no total das participantes coa súa mellor marca persoal de sempre.

Nas series clasificatorias da mañá do xoves, a pontevedresa obtivo o mellor sétimo posto, que lle daba acceso á final A e a pelexa coas mellores. Daquela fixera un rexistro de 5:01.89. O ouro no seu grupo de idade correspondeu á nadadora do CN Sant Andreu Enma Carrasco, que ademais foi prata absoluta. O ouro absoluto correspondeulle á competidora do CN Churriana Ana Vázquez. Bouzas confírmase como o mellor valor actual da natación pontevedresa, aínda cunha marxe de mellora, ao ser do ano 2006.

Non é a única proba que afronta a lerezana, que xa participara na primeira xornada dos campionatos nos 100 metros costas, nos que rematou co vixésimo oitavo posto absoluto, despois de obter un rexistro nas series de 1:06.02 que lle impediu nadar as finais.

Ademais dela, tamén tomaron xa parte no Nacional Nicolás Vázquez, que nadou nos 50 metros braza, e concluíu cun tempo de 31.48.

Na segunda xornada, debutaba Antía García, que rematou na posición quincuaxésima os 50 metros volboreta con 29.44.

A propia García nadou na mañá deste venres as series de 100 metros libre, na que rematou co vixésimo primeiro tempo, 58.06.

Comentarios