A porta a cero como rutina

O Pontevedra encadea tres partidos consecutivos sen encaixar ningún gol ► Álvaro Cortes estivo en cinco dos dez encontros que disputou este ano sen que lle marcasen
Álvaro Cortés despexa un balón aéreo no partido contra o Lealtad. RAFA FARIÑA
photo_camera Álvaro Cortés despexa un balón aéreo no partido contra o Lealtad. RAFA FARIÑA

O Pontevedra Club de Fútbol conseguíu poñer cadeado á súa portería. O conxunto granate concatenou tres xornadas consecutivas sen encaixar, que lle permitiron dar un paso adiante moi importante na pelexa pola permanencia na Segunda RFEF. O equipo adestrado por Luisito foi quen de manter a cancela pechada contra o Lealtad, o Oviedo B e o Covadonga en partidos con desenvolvementos ben diferentes, pero sempre coa sensación de control sobre o seu rival que lle permitiu acabar os 90 minutos sen goles en contra e con Álvaro Cortés sen ter que asumir gran protagonismo.

O nivel defensivo do once pontevedrés na segunda fase da competición tradúcese en dous goles en contra en cinco enfrontamentos, o que está a ser chave para que o bloque dirixido por Luisito estea na cabeza da clasificación do grupo pola salvación e mesmo poida acadar a permanencia virtual o próximo fin de semana, se vence o seu duelo contra o Sporting B e se producen resultados favorables aos granates noutros enfrontamentos, tanto do grupo 1-E como nos demais grupos por evitar o descenso á Terceira División.

O último tanto que encaixou Álvaro Cortés foi na segunda xornada da liguiña desta segunda fase, precisamente contra o Sporting B, o seguinte adversario dos granates. No minuto 44, Koné puña o 1-0 daquel envite. É dicir, o arqueiro madrileño do Pontevedra CF acumula xa 316 minutos sen ter que recoller o esférico do fondo do seu portal.

Cortés leva disputados dez partidos esta temporada coa camisola granate: dous de Copa do Rei, tres da primeira fase da Liga e cinco da segunda fase, e encaixou seis tantos, a unha media de 0,6 dianas por enfrontamento. O madrileño substituiu no último treito do curso a Mario Fernández na titularidade do arco granate.

É a primeira vez no que vai de exercicio que o Pontevedra resiste máis de dous partidos seguidos sen que lle marquen gol. De feito, en toda a primeira fase da temporada, o conxunto de Pasarón só mantivo a portería a cero en catro partidos, dous deles seguidos, contra o Zamora e o Salamanca CF UDS na primeira volta. O Guijuelo, no debut de Luisito no banco de Pasarón, e o Coruxo, tamén no campo do Burgo e co técnico de Teo á fronte das operacións, foron os outros choques que se resolveron sen danos na retagarda.

Foi ese aspecto no que parece que máis evolucionou o once granate co preparador actual con respecto ao tempo que estivo Jesús Ramos: aínda que segue a ter dificultades para facer diana, o Pontevedra ten unha media de tantos recibidos moi mellorada.

RÉCORD. Álvaro Cortés fica aínda lonxe de Edu Sousa na clasificación de porteiros que máis tempo permaneceron imbatidos en partidos de Liga de Segunda B defendendo as cores do Pontevedra. O arqueiro tudense estivo 518 minutos consecutivos sen ver perforado o seu marco na temporada 2008-19, con Luismi como adestrador: comezou no minuto 83 do partido da quinta xornada contra o Internacional de Madrid, no que o PCF perdera 3-0, e rematou no minuto 61 da décimo primeira xornada daquel curso, na derrota por 3-0 contra o Guijuelo. Estivo cinco partidos completos e máis da metade de outro sen que lle perforasen a meta.

O Celta B, o Fuenlabrada, a Ponferradina, o Burgos e o Salamanca CF UDS foron os equipos que deixara a cero aquel Pontevedra para acadar un rexistro notable. Fuenlabrada e Ponferradina acabarían ascendendo daquela. Edu Sousa batera o rexistro de Nicolas Bonis, meta francés que estivera 501 minutos sen que lle fixesen diana na campaña 2006-07, cando Xabi Gracia era o adestrador e o PCF sempre era favorito a todo. O arqueiro francés superara, á súa vez, a marca obtida por Ituarte a mediados da década dos 90.

Comentarios