O Pontevedra CF renuncia a Jesús Muñoz

Diferenzas económicas nas negociacións iniciais levaron ao club granate a rachar as conversas co zagueiro sevillano

Jesús Muñoz (esquerda) observando a Javi Pazos durante o Pontevedra -Guijuelo desta temporada. RAFA FARIÑA
photo_camera Jesús Muñoz (esquerda) observando a Javi Pazos durante o Pontevedra -Guijuelo desta temporada. RAFA FARIÑA

O Pontevedra Club de Fútbol realizoulle unha oferta a Jesús Muñoz, central que militou a temporada pasada no Guijuelo. A proposta deportiva encaixaba dentro das expectativas de mellorar do deportista, pero a económica non. As diferenzas iniciais non parecían insalvables, pero foron decisivas para que a entidade granate optase por non continuar cos diálogos co futbolista andaluz.

Aínda que o zagueiro non desbota a opción de recalar no club granate e non pecha a porta a continuar cos diálogos, a entidade de Pasarón entendeu que a negativa a aceptar a proposta orixinal era definitiva e optou por seguir noutra liña de actuación no mercado.

Muñoz fora unha das opcións que xa manexara o PCF no pasado exercicio. Despois dun proceso máis dilatado de negociacións, a entidade optou entón por facerse cos servizos de Alberto Campillo e Víctor Vázquez para suplir as baixas de Darío Flores e David Goldar. O futbolista, que estivera con anterioridade no Badajoz, Atlético Sanluqueño, Betis B, Burgos ou as canteiras do Murcia e o Vilarreal, ademais do conxunto da súa localidade natal, o Écija, firmou despois en Guijuelo.

Desta volta, a institución ten como prioridade atopar un marcador manicho no caso de que non se produza a renovación de Adrián León. O central cántabro recibiu unha proposta de continuidade, pero o acordo aínda non se produciu e nos últimos días as negociacións detivéronse. O xogador dispón doutras opcións no mercado e non quere precipitarse á hora de darlle unha resposta ao equipo da cidade do Lérez.

A entidade mantén o seu mutismo absoluto ao respecto das renovacións e fichaxes de xogadores para o proxecto da campaña 2018-19, aínda que unha gran parte da estrutura da pasada campaña continuará ás ordes de Luismi. Hai acordos pechados de renovación pechados e outros moi próximos, pendentes de algúns detalles.

DIANTEIRO. A entidade xa está na segunda e terceira fase no proceso de contratación, a realización e negociación de ofertas. Entre os xogadores que dispoñen xa dunha proposta formal da entidade de Pasarón é o dianteiro aragonés Toni Gabarre.

O goleador da pasada campaña co Tudelano, autor de 15 dianas no grupo 2 da Segunda División B, xa sabe a contía inicial que está disposto a aboarlle o Pontevedra para a próxima campaña. Dado o momento do mercado no que están os clubs e futbolistas, o xogador optará por agardar unhas semanas para tomar unha decisión e continuar cunha posible negociación co Pontevedra.

A procura dun bo dianteiro, máis que outras posicións, require dunha boa chequeira ou de máis tempo. Para a meirande parte dos atacantes contrastados e con capacidade goleadora da categoría aínda é cedo para comprometerse. Están dispostos a deixar pasar máis tempo á espera das mellores opcións do mercado. Dado que aínda hai equipos que acaban de rematar a temporada e outros que seguen vivos no play-off, mantéñense á expectativa dos seus movementos e dos de clubs que teñen máis capacidade económica.

A posición do nove goleador é a que máis lle custa atopar aos conxuntos de Segunda B e, polo tanto, a que máis diñeiro custa. O salto económico que supón a contratación dun dianteiro contrastado adoita implicar que os equipos sexan máis prudentes e intenten afinar ao máximo ao fichar.

Edu Sousa: "El fútbol en esta época da muchas vueltas"

Edu Sousa espera que o Pontevedra poida manter unha gran parte da estrutura do plantel deste curso, aínda que cre que pode haber trocos. "El fútbol en esta época da muchas vueltas. Espero que los que se queden, lo hagan al cien por ciento convencidos", expresou o arqueiro tudense, que aclarou que "me gustaría saber quién va a renovar y quién serán los fichajes, pero no dispongo de esa información".

O capitán granate fai énfase na importancia do aspecto humano do seu colectivo. "Confío en que los fichajes que lleguen se adapten rápido y formen un vestuario como el del año pasado, que fue la clave de nuestro éxito. Es fundamental que la gente venga con el chip de hacer grupo".

Edu, que fixo as declaracións ao rematar a rolda de prensa de presentación do campus de porteiros Alberto Domínguez, mostrouse ansioso por volver ao traballo. "Tengo ganas de volver a entrenar y ponerme los guantes. Está bien descansar y desconectar la mente. A unos les hace falta más tiempo que a otros. A mí con dos semanas me llega".

Para Edu, a categoría non para de crecer en esixencia. "El grupo I tiene ahora mismo 17 equipos que pueden aspirar a todo. Me parece que será muy complicado. Pero echas la vista al IV y es increíble la cantidad de históricos que existen. La Segunda B está subiendo el nivel poco a poco".

Más en Deporte Local Pontevedra
Comentarios