La primera goleada encajada de la era Luisito

Había tres anos e medio que o Pontevedra non encaixaba catro goles nun partido de Liga
Borja Fernández indica o número catro dos goles marcados polo Celta B ante o Pontevedra
photo_camera Borja Fernández indica o número catro dos goles marcados polo Celta B ante o Pontevedra

A goleada recibida polo Pontevedra contra o Celta B en Pasarón acabou cunha etapa de tres anos e medio no club granate sen encaixar catro tantos en Liga. É a primeira vez que sucede iso desde que o cadro pontevedrés está adestrado por Luisito.

A pesar de que nas últimas tres temporadas os resultados abultados en contra non eran un costume, a entidade da cidade do Lérez está moi habituada a ver cómo o seu primeiro equipo recibe catro goles ou máis.

Desde que comezou o século XXI xa van 21 veces que o once granate encaixa esa cifra de dianas ou unha superior no torneo da regularidade: algo sorprendente se se ten en conta que o bloque da capital do Lérez ocupou na meirande parte dos casos postos entre os mellores das diferentes categorías nas que competiu.

As primeiras goleadas en contra do século producíronse co equipo granate loitando pola permanencia en Segunda B. O Alcorcón e o Vecindario fixéronlle un 4-1 a aquel conxunto que acabaría eludindo o descenso de categoría na última xornada en Ourense.

Probablemente, os dous resultados máis dolorosos de toda a serie foron o 5-0 da campaña 2001-2002 contra o Real Madrid Castilla, na segunda xornada da fase de ascenso a Segunda División, o 6-3 ante o Calahorra da campaña 2003-04 (o PCF chegara a ir gañando 0-3) e o 1-5 contra o Guadalajara na Liga 2010-11, que supuxo o descenso de categoría da escadra.

CON GAY. O adestrador co que o bloque de Pasarón recibiu máis veces catro dianas foi José Aurelio Gay. Ademais de ser o que máis partidos dirixiu no equipo pontevedrés no que vai de centuria, o estilo de xogo que lle inculcaba aos seus equipos acababa derivando en resultados con moitos goles. Con Gay á fronte do barco, os porteiros do Pontevedra viviron oito partidos de terror, nos que se viron superados catro ou máis veces.

Curiosamente, nunha delas o verdugo foi un equipo dirixido polo actual técnico granate, Luisito. O Ciudad de Santiago venceu 0-4 en Pontevedra na segunda etapa do madrileño como preparador da escadra pontevedresa.

Os equipos galegos ensañáronse particularmente co Pontevedra. O Racing de Ferrol derrotouno 5-0 en dúas ocasións en Terceira División, o Lugo 0-5 en Pasarón e o Ciudad 0-4, resultado que tamén logrou o Celta B o domingo e o Deportivo B o ano do descenso granate a Terceira División.

Comentarios