O primeiro marroquí granate

O Pontevedra ficha ao central Jaouad Erraji, procedente do Leganés e internacional sub-23 polo seu país ►O futbolista marchará convocado coa selección norteafricana esta semana e non se porá ás ordes de Luismi ata o martes da próxima
2019090213314677651
photo_camera 2019090213314677800

O Pontevedra pecha o seu plantel coa contratación do polivalente central marroquí Jaouad Erraji. Será o primeiro futbolista do seu país que disporá de ficha no primeiro conxunto granate na súa historia. Con anterioridade, outros deportistas de orixe ou con sangue magrebí militaron na escadra de Pasarón, como Hakkar Nasser ou Ibrahim Baptiste, ámbolos dous franceses, que estiveron no PCF na segunda metade da década pasada.

Xoga como central, pero pode actuar en calquera posición da zaga, ao ser ambidestro, e mesmo no centro do campo

Erraji chega ao Pontevedra procedente do Club Deportivo Leganés, en condición de cedido, e fortalecerá a defensa. Aínda que a súa posición natural é o centro da zaga, pode actuar en tódalas posicións da retagarda, ámbolos dous laterais incluidos. Ambidestro, ao longo da súa traxectoria tamén ten experiencia como medio centro defensivo.

A temporada pasada militou no filial leganiense, no grupo madrileño de Terceira División. Disputou tan só cinco partidos. Na campaña anterior fora unha peza indispensable no ascenso que conquistou o Internacional de Madrid a Segunda B, xa que participara en 34 duelos ligueiros.

O xogador ten licenza sub-23, xa que conta 21 anos de idade (naceu o 2 de xaneiro de 1998). O futbolista é internacional nas categorías inferiores do seu país. De feito, esa circunstancia vai ser a que impida que poida exercitarse co Pontevedra nos próximos días, xa que foi convocado pola selección marroquí e estará concentrado ata o martes 9 de setembro, cando o PCF agarda que poida incorporarse ao colectivo de maneira definitiva.

O Pontevedra cre que podería dar de alta a Mejía fóra dos prazos de mercado, ao tratarse dun futbolista en paro

O zagueiro asistiu ao partido do sábado no que o bloque da cidade do Lérez caeu por 4-1 contra o Racing de Ferrol na segunda xornada de Liga. Acompañou a Roberto Feáns e ao adestrador, Luismi, co que puido intercambiar as primeiras impresións.

A pesar da súa nacionalidade, leva en España xa moitos anos e a súa formación deportiva levouse a cabo en clubs andaluces. Antes de desprazarse a Madrid e pasar a formar parte do Inter e posteriormente do Leganés, actuara en conxuntos de base ou de categorías autonómicas do Sur de España.

Este verán fixo a pretemporada ás ordes de Mauricio Pellegrino, adestrador do primeiro plantel. Erraji deberá loitar polo posto con Campillo, Víctor Vázquez e Pol Bueso.

ALFREDO MEJÍA. O club está pendente de resolver os problemas burocráticos para poder tramitar a ficha de Alfredo Mejía, que se desprazou a pasada semana a Honduras para solucionar uns problemas burocráticos.

O PCF agarda poder dalo de alta dentro do prazo establecido, que conclúe hoxe, pero considera que Mejía podería contar como futbolista fichado fóra deses prazos. A entidade entende que debe ser catalogado como xogador en paro (feito que debe acreditar ante a RFEF) en base áo articulado de regulamentación, o que supón unha das excepcións para fichar despois do peche do mercado.

Comentarios