O programa PonteSán volve á Boa Vila na fin de semana do 20 ao 22 de maio

Exercicio físico e saúde mental serán os dous grandes ámbitos que se fomentarán na iniciativa impulsada pola Concellería de Deportes en colaboración coa Deputación 
Imaxe da presentación do evento, este martes. CEDIDA
photo_camera Imaxe da presentación do evento, este martes. CEDIDA

A Feira da Saúde e o Benestar volve á Boa Vila na fin de semana do 20 ao 22 de maio. Agardase que esta edición, organizada pola Concellería de Deportes en colaboración coa Deputación, acade cifras récord de participación.

Cartel PonteSán
Cartel PonteSán. CEDIDA

O programa está orientado a combater os efectos da pandemia no noso estado de ánimo e a optimizar a nosa saúde mental e benestar emocional, e contará desta volta con máis de 40 entidades expositoras vencelladas a asociacións socio sanitarias. Estas terán ocasión de visibilizar o seu traballo e desenvolverán obradoiros, charlas e clases varias. 

Desta volta preséntase unha oferta moi ampla de actividades vencelladas ao exercicio físico, xa que a iniciativa pretende ser un espazo aberto e accesible para todos os públicos. Entre estas inclúense algunhas tan diversas como fútbol pé, dancehall, papiroflexia, un campeonato de petanca ou unha andaina solidaria.

No tocante á información e asesoramento sobre saúde mental haberá varios puntos como o da psicóloga sanitaria Marta Boquete, da Asociación Alba e diversos coloquios como o de Nieves Fernández, voluntaria de Cruz Vermella ou o relatorio participativo Na procura dunha boa saúde mental, orientado a fomentar estilos de vida saudables de cara a unha mellor saúde mental e protagonizado pola psicóloga clínica Montse García.

Desta volta os actos levaranse a cabo en dúas carpas: unha que estará situada na Praza de España e outra que se ubicará en Montero Ríos. As entradas serán de balde e o horario será partido venres e sábado, de 11.00 a 14.30 horas e de 17.00 a 20.30 horas, e todo seguido o domingo, de 10.00 a 14.00 horas. 

O edil Tino Fernández quixo facer fincapé na consolidación desta iniciativa como "a feira máis importante de Galicia que se celebra neste eido das entidades socio sanitarias sen ánimo de lucro". 

Comentarios