domingo. 17.01.2021 |
El tiempo
domingo. 17.01.2021
El tiempo

Propoñen rebautizar os campos de A Xunqueira co nome de Manolo Barreiro

Manolo Barreiro. ARCHIVO
Manolo Barreiro. ARCHIVO
Deportes leva a iniciativa ao pleno coincidindo co aniversario do presidente de honra da delegación pontevedresa da Federación Galega de Fútbol

O tenente de alcalde e concelleiro de deportes de Pontevedra, Tino Fernández, levará ao pleno da Corporación unha iniciativa para que os terreos de xogo de A Xunqueira sexan rebautizados co nome de Complexo Municipal de Fútbol Manolo Barreiro Lores, en homenaxe ao presidente de honra da delegación pontevedresa da Federación Galega.

O anuncio desta proposta, promovida a partir dun escrito asinado por nove entidades deportivas do concello e presentado por rexistro a finais do ano pasado, coincide coa celebración do aniversario de Barreiro, que este lunes cumpre 95 anos.

A solicitude de cambio de nome dos campos, coñecidos actualmente como CFHS Xunqueira I, CFHS F8 Xunqueira I, CFHS Xunqueira II e CFHS F8 Xunqueira II, partiu dos seguintes do clubs: Atlético Estación, Agrupación Juvenil de Lérez, Agrupación Cultural e Deportiva A Seca, CD Lérez, Escuela de Fútbol Portero 2000, Integración Deportiva Pontevedra, Pontevedra CF, Salgueiriños CF e San Andrés CF.

Aínda que a proposta inicial das entidades era a de asignar o nome de Manolo Barreiro Lores só ao CFHS Xunqueira I, Tino Fernández considerou oportuno que, "por tratarse dun conxunto de instalacións que conforman un complexo deportivo, o máis axeitado sería agrupar os campos da Xunqueira nun complexo e denominalo Complexo Municipal de Fútbol Manolo Barreiro Lores, integrado por dous terreos de F11 e dous de F8".

Para o tenente de alcalde, "é moi de resaltar que a meirande parte das asociacións deportivas que levan traballando durante anos por e para o fútbol no concello de Pontevedra presente unha iniciativa para homenaxear a un veciño a través da denominación dun campo de fútbol municipal co seu nome". "Compartimos opinión coas entidades sobre a importancia de facerlle unha merecida homenaxe a unha das persoas máis relevantes no fomento do fútbol base local, ligada a este durante máis de medio século", sostén o edil socialista.

Con máis de 57 anos de traballo altruísta por e para o fútbol, Manuel Barreiro Lores (coñecido socialmente como Manolo Barreiro) atópase "entre os cidadáns de Pontevedra que deixaron unha pegada máis profunda no fomento do fútbol entre a sociedade".

Propoñen rebautizar os campos de A Xunqueira co nome de Manolo...
Comentarios