"Teño a sensación de devolver algo de todo o que o Arousa me dera cando fun xogador"

Rexeita calquera protagonismo e concédello todo ao club. Cada palabra e cada idea van dirixidas a poñer en valor a entidade, o equipo, a afección, os dirixentes, a vila, e a tódolos demais culpables que fixeron posible o ascenso á Segunda RFEF. Se cadra por iso, ningún adestrador merecía tanto coma Rafa Sáez o pracer de conducir o barco a porto
Rafa Sáez celebra o ascenso no céspede da Lomba con xogadores, corpo técnico e directiva. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera Rafa Sáez celebra o ascenso no céspede da Lomba con xogadores, corpo técnico e directiva. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

Canto máis sufrido, mellor adoita saber. Case tres décadas co equipo arlequinado fóra das categorías de ámbito nacional poñen de relevo o mérito deportivo do club nun ano especialmente complexo, tenso e intenso, cheo de problemas e coa alongada sombra da pandemia a espreitar.

Que supón isto para alguén que sente tan dentro o Arousa coma vostede?
Sempre recoñecerei que levo dous equipos no corazón: o Arousa e o Pontevedra, pola orde que se queira poñer. Tamén me recoñezo celtista. Todo o que poida relacionarse con estes dous clubs para min ten un impacto emocional superior. Neste caso, xa que tiven esta oportunidade de poder estar no Arousa e ser partícipe dun ascenso desta importancia tan grande, despois de 28 anos, faime moito máis feliz a nivel persoal que a nivel profesional. No profesional non precisaba ningún espaldarazo, porque xa teño 59 anos e o que tiña que facer no fútbol máis ou menos xa o tiña feito. Pero a nivel persoal si, porque en Vilagarcía botei unha parte importante da miña vida: Estiven alí entre os 15 e os 25 anos, unha idade na que os acontecementos te marcan. Son pontevedrés, pero Vilagarcía é a miña segunda casa e no mesmo rango de importancia que a miña cidade. Teño a sensación de devolver algo de todo o que o Arousa me dera cando fun xogador.

É o seu éxito máis satisfactorio como adestrador?
Como éxito deportivo foi igual de importante manter ao Coruxo na Segunda B cun orzamento limitado durante cinco temporadas. Pareceume moi bonito poñer ao Celta B en disposición de xogar un play-off a Segunda A por primeira vez na súa historia. Tamén foi extraordinario poder sentar no banco do Celta con Moncho Carnero para dirixir a un equipo de Champions. Penso que no mundo do fútbol sempre tes a posibilidade de ter momentos bos. Pero este é un éxito que me satisface pola xente de Arousa, do club, da directiva, dos patrocinadores, da afección e polo que representa o arousismo.

Rafa Sáez celebra o ascenso no céspede da Lomba. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

Foi a temporada máis estresante polo formato e as circunstancias?
O corpo técnico e unha boa porcentaxe do plantel leva nisto 14 meses. Fixemos unha pretemporada en xuño de 2020 para afrontar un play off en xullo e case sen parar comezamos a pretemporada seguinte. Non houbo descanso. Ter que xestionar a situación deportiva, con tódolos condicionantes do protocolo Covid e a incerteza, superar atrancos no terreo de xogo, facer parón por positivos na competición e volver arrancar cando mellor estabamos, xunto coas circunstancias propias do deporte, fixeron que a temporada fose moi dura e moi diferente ao habitual.

Faltou o público nisto?
Se algo notamos, foi a súa ausencia. Na Lomba iso faise moi evidente. Sempre acode moita xente, unha xente que dá calor ao equipo. Foi unha situación moi estraña. Nestes últimos dous partidos viuse a realidade de Vilagarcía: unha cidade moi futboleira, implicada co seu equipo representativo. Foron tantos atrancos que a recompensa, se xa sería grande, foino moito máis.

Desde fóra parecía tranquilo. Estábao ou a procesión ía por dentro?
Desde dentro sempre tivemos confianza no noso traballo e nas nosas forzas, sabendo que é un deporte no que compiten dous equipos no que ás veces gañar é unha moeda ao aire. Pero eu destacaría que, a medida que fomos superando os atrancos, a sensación era a de que nos faciamos máis fortes e de que dificilmente atoparíamos obstáculos máis grandes... ata que chegou a semifinal polo ascenso. A resistencia que fixo o Arousa ese día foi tan grande que nos deixou completamente inmunizados e nunha situación anímica envexable para afrontar o reto do ascenso. Así llo transmitiamos durante a semana á xente que nos rodeaba, aos que se lles vía certas dúbidas, inquedanzas ou desconfianzas. A confianza medrou a medida que fomos facendo un camiño no que o equipo fixo unha coraza incrible para salvar situación límites.

Esa personalidade foi a chave?
Se algo se pode significar no Arousa foi a unión total do vestiario: nunca existiu a condición de titular ou suplente. Non achegou máis o que xogou máis nin o que xogou menos. O compromiso foi total. Esa forza viuse multiplicada unha vez que os seareiros puideron achegarse ao estadio. Foi unha revitalización do arousismo que había tempo que non se vía.

Segunda RFEF. "É un club que merece que o seu nome e o de Vilagarcía paseen por España"

Recibiu moitas mensaxes de felicitación?
Levo horas respostándoas, recargando o móvil por terceira vez nunha mañá. Agradécese porque as mensaxes son sentidas. No aspecto persoal estas cousas quedan para un. Pero este é un grandísimo momento para o Arousa: se alguén debe saír reforzado deste resultado deportivo debe ser o Arousa.

O Arousa sobe á categoría que lle corresponde?
É a oitava cidade de Galicia por poboación. É un campo que é referencia no fútbol galego. Move 1.500 socios e moitos máis seareiros. Ten unha traxectoria de 75 anos e a vila discute con Huelva a entrada do fútbol en España a través da mariña inglesa. É unha equipo moi particular cunha señas de identidade que o fan merecedor de que o seu nome e o de Vilagarcía figuren e se relacionen co mundo do fútbol profesional e se paseen por España.

Seguirá ou non?
Non é o primeiro que deba ver o club, que ten que facer a adecuación á nova categoría e o paso do fútbol afeccionado ao profesional, que si son temas capitais. Non cabe dúbida de que en Vilagarcía me sinto moi a gusto. Non é unha prioridade que se plantexe se teño que seguir, debo seguir ou vou seguir. O importante é que o Arousa sexa un equipo de división nacional.

Más en Deporte Local Pontevedra
Comentarios