Récord de España para Gustavo Dacal

O caldelán conseguiu superar a barreira dos 28 metros no quinto intento, obtendo a quinta mellor marca mundial do ano
Gustavo Dacal. DAVID FREIRE
photo_camera Gustavo Dacal. DAVID FREIRE

Gustavo Dacal obtivo o segundo récord absoluto de España da súa vida deportiva este domingo, durante a celebración das probas da X Milla Solidaria Anedia que tiveron lugar no Centro Galego de Tecnificación Deportiva.

O pontecaldelán estreábase nunha competición de lanzamento adaptado de forma oficial e obtiña un mellor rexistro de 29,48 metros, o que supón un novo tope estatal na categoría de F-55. Xunto con el competiu tamén Ionut Preda.

O caldelán realizou un concurso de menos a máis, con catro intentos iniciais nos que foi superando os 27 metros sempre, pero sen ir máis alá dos 27,50. Ata que chegou a oportunidade da quinta tentativa, na que puido enviar o dardo ata a distancia que supón o novo rexistro nacional, por diante dos 28,49 que eran o tope anterior.

Dacal, que no seu día foi plusmarquista nacional de lanzamento de xavelina absoluta, obtén desta maneira a quinta mellor marca mundial do ano e enfócase xa para a disputa dos Campionatos de Europa e do Mundo da modalidade, xa que a xavelina non forma parte do programa olímpico de París 2024.

O campión do Rías Baixas estivo acompañado polos seus técnicos, a xente do seu club, os seus amigos e a súa familia na consecución deste novo éxito.

Más en Deporte Local Pontevedra
Comentarios