Recta final para a terceira 'La Ultreia'

A marcha de sendeirismo que une Tui e Pontevedra, organizada por Sar Comunicación, regresa o doimingo 19 de xullo despois de ser aprazada tres veces
Participantes de la segunda Ultreia3. GONZALO GARCÍA
photo_camera Participantes de la segunda Ultreia3. GONZALO GARCÍA

Ultreia foi, na antigüidade, o berro de saúdo dos peregrinos que se cruzaban ao longo do Camiño de Santiago. Un intercambio de azos entre camiñantes cuxo espírito recolle hoxe en día La Ultreia. Após ter sido aprazada tres veces por mor do covid-19, a marcha familiar que une as cidades de Tui e Pontevedra —primeira localidade galega do Camiño Portugués e cidade capital do mesmo, respectivamente— celebrarase o vindeiro 19 de xullo. A inscrición, aberta até as 23.59 horas do domingo 12 do mesmo mes, é por medio da web cronotec.es, cun custo de 8 euros máis gastos. Até o de agora xa están rexistrados máis de 80 participantes.

Co respaldo do plan social de Ence e en colaboración con Diario de Pontevedra a marcha transcorrerá por un dos itinerarios xacobeos de menor desnivel. Así, a maior das súas dificultades será a distancia, de 52 kilómetros en total entre a cidade de saída e a meta na Boa Vila. Emporiso, existen catro traxectos entre os que os participantes poden escoller: a Ultreia curta, que abarca os 18km. existentes até O Porriño; a Ultreia media, de 34,4 km. até Redondela; a Ultreia de fondo, con 41km. até Arcade; e a Ultreia completa, que finaliza no albergue de Pontevedra.

Independentemente do percorrido seleccionado, a saída terá lugar ás 9.00 horas desde a Praza da Catedral de Tui. Para chegar alí, ofréncense traslados en bus desde a estación de autobuses pontevedresa. Do mesmo xeito, e para quen non finalice a totalidade do percorrido, habilitaranse tres puntos de recollida, un primeiro n'O Porriño (km. 19), o segundo en Redondela (km. 33) e, finalmente, outro en Ponte Sampaio (km. 40), desde os que se levará aos participantes ao punto final. Amais, ao longo do camiño existirán cinco puntos de avituallamento sólidos e líquidos nos kilómetros 10,5; 17,6; 28,2; 34,4 e 43,3, igual que un servizo de fisioterapia e recuperación de forzas á chegada. Na páxina de inscrición existe un rutómetro descargábel coa información sobre todos os puntos de interese do traxecto.

COVID. Respecto das medidas de seguridade exixidas pola coxuntura sanitaria actual, na propia web procederase á publicación dun protocolo sanitario o vindeiro día 10, adaptado á normativa que estea vixente no momento. Do mesmo xeito, a retirada de dorsais prolongarase no tempo, podendo ser recollidos ao longo do xoves 16, venres 17 e sábado 18 na sé do Diario de Pontevedra, na rúa Lepanto, así como no albergue tudense Ideas Peregrinas, o sábado en horario de 16.00 a 21.00. Xunto cos dorsais, os participantes recibirán tamén unha camiseta técnica e unha mochila de camiñante. Por outra banda, e igual que nas edición anteriores, a marcha terá un carácter benéfico, cunha recollida especial vencellada á covid-19. Deste xeito, pídese que cada participante aporte un alimento non perecedoiro, que será entregado a Cáritas mediante o Plan de Acción Social de FREMAP. A propia organización aportará tamén o equivalente ao total recollido.

O proxecto de Sar Comunicacións XXI conta coa colaboración do Diario de Pontevedra e a Agrupación Deportiva HQR. Para máis información, os interesados poden dirixirse a www.hqr.es.

Comentarios