Revenda inminente

O anterior máximo accionista, Nino Mirón (d), xunto ao ex-presidente Mauricio Rodríguez Boullosa. rafa fariña
photo_camera O anterior máximo accionista, Nino Mirón (d), xunto ao ex-presidente Mauricio Rodríguez Boullosa. rafa fariña

PONTEVEDRA. Administradores de Economía SL (AESL), principal accionista do Pontevedra Club de Fútbol Sociedad Anónima Deportiva, agarda vender o paquete do que dispón, do 28 por cento dos títulos, nas próximas dúas ou tres semanas.

Así o expresou Fernando Gómez, representante da firma en Pontevedra. Gómez aclarou que a compañía para a que traballa xa dispón de catro posibles compradores, dous dos cales lle realizaron ofertas en firme e serias. Outra non acaba de convencer aos propietarios, e foi definida como «frouxa» polo axente de AESL na capital de provincia, mentres que unha cuarta foi mencionada como «regular».

Fernando Gómez preferiu que non trascendesen nomes nin datos concretos das persoas físicas ou xurídicas que se puxeron en contacto con el, pero admitiu que na xornada de onte levara a cabo unha charla co enviado dun dos interesados que ten máis posibilidades de adquirir o paquete de accións e que ademais certificou a súa solvencia para poder acceder aos valores e ter forza de cara a dirixir a institución. Segundo Gómez, as súas intencións son totalmente lícitas e o seu poder adquisitivo foi avalado por unha entidade bancaria mediante unha chamada telefónica.

Ademais de correr coa xestión da institución, quere acceder ao club para gañar notoriedade pública e imaxe.

Os catro interesados en mercarlle a AESL o seu paquete accionarial son de Pontevedra ou do seu ámbito comarcal. Dous deles están ou estiveron vencellados dalgunha maneira á institución. Os outros son novos investidores que dispoñen de poder económico e levan tempo querendo acceder ao Pontevedra. Ademais son persoas ás que lles gusta o mundo do balompé.

Ademais das catro ofertas que AESL manifesta ter, existe un quinto interesado, aínda que foi desbotado desde o comezo e desde que o presidente, José Manuel Fernández, dialogou con Fernando Gómez e lle expresou a desconfianza cara ese investidor.

A semana pasada, o ex-presidente e conselleiro Mauricio Rodríguez Boullosa tivo un xantar cos propietarios de AESL e expresoulles o seu interese por facerse co paquete accionarial para poder retomar o seu labor de xestión na sociedade e ordeala economicamente. Sen embargo, a oferta foi rexeitada.

Interesados

Entre os que desexan facerse co paquete accionarial principal atópase un grupo de persoas relacionadas co mundo da empresa de Pontevedra e os arredores, que nos próximos días poderían intentar mercar as accións.

AESL é dona actualmente do 28 por cento das accións despois de mercarllas a Nino Mirón, anterior principal propietario da sociedade. Mirón vendeu o paquete accionarial dentro dunha operación na que tamén estaban incluidas algunhas das súas empresas vencelladas co mundo da construción, debido aos serios problemas económicos que lle afectaban.

Desde aquel momento, a actual empresa, con sede fiscal en Alcobendas, empezou a recibir contactos de diversos axentes da cidade para coñecer as súas intencións e cal ía ser o futuro da institución e tamén para facerlle chegar propostas para contratar os valores.

Nun principio, os donos manifestaron non ter ningunha présa por vender a súa parte da propiedade do Pontevedra CF SAD e fixeron fincapé en que ningún dos compradores podería ter intereses deshonestos ou que prexudicasen á institución.

Nas dúas próximas semanas podería resolverse unha nova operación e o Pontevedra volver cambiar de donos. Cando menos, o principal paquete de accións, que durante tanto tempo poseeu Nino Mirón, ten moitas noivas.

Comentarios