O Rinoceronte escorna

O equipo con sede en Pontevedra é un dos máis peculiares e con máis sentido do humor da Liga Nacional
Os membros do Rinoceronte. CEDIDA
photo_camera Os membros do Rinoceronte. CEDIDA
Un sábado calquera da súa vida como narrador audiovisual, o Cris foi grabar un partido de billarda por petición de Xan Rodiño, un dos culpables da rexeneración do deporte en Galicia, que quería promocionalo. No proceso da grabación, o palán e a billarda entráronlle polo ollo ao operador de cámara. Foi a xénese do Rinoceronte, un equipo de amigos do máis peculiar da Liga Nacional.

Entre os membros do equipo atópase o Che, que nada ten que ver co Comandante Guevara. O Che xa xogaba de pequeno no seu Moscoso (Pazos de Borbén) natal. Non lle foi difícil acceder a un equipo que foi crecendo e adquirindo actitudes billardescas. Aos poucos días, o grupo xa estaba no monte a cortar ramallos para lixar e facer billardas e paláns a man.

Foi o fillo do Cris, con alma de poeta, o que bautizou ao grupo. O pai preguntoulle como quería que se chamase e el espetoulle Rinocerontes con horizontes. Hai seis anos de aquilo. O rapaz tiña catro cando lle veu a xenialidade. Despois a organización acurtou o nome a Rinoceronte.


Atención a... Asubíos e apupos para todos
Unha das boas virtudes do Rinoceronte é o sentido do humor dos seus membros e o moito que lles vai a carallada.

Toman o xogo en serio e tómano a risa. "Somos de pachanga competitiva". Son un equipo potente pola forza que lles dá a brincadeira. De feito, son o único equipo que asubía e apupa aos rivais. E están orgullosos de facelo.

"Facémolo cos nosos pro-pios compañeiros de equipo... Vale, e a Xan e a Charri tamén lles cae algunha. En realidade creo que ninguén librou das nosas caralladas".

De feito, como colectivo sal-vaxe que é, non tivo problemas para atentar contra os poderes fácticos. "A Xan dixémoslle de todo xa. Sempre de colegueo, claro", explica o Che.

Representan o bo ambiente da billarda: saber chegar ao límite sen pasalo.

O Rinoceronte distínguese por ser un dos poucos equipos que non ten indumentaria propia. "O noso uniforme é a barba". Así é. Afeitado non adoita ir ningún e no caso do Che e do Dani, as barbas dan para moito. "Somos salvaxes. Non vas ver un Rinoceronte de chaqueta", asegura o Che, que se laia pola imitación do súa imaxe que sufriron por parte doutros conxuntos da Liga Nacional.

Aínda que a sede oficial do equipo radica en Pontevedra, da capital xa non queda case ningún. Hai sangue de case toda Galicia no colectivo.

"Somos manada e hai migracións", lembra o Che. "Hai quen deixou o equipo e de cando en cando aparece". É o bo da billarda, o compromiso é limitado. Así, das dúas decenas de participantes cos que chegaron a contar, na actualidade son nove asistentes máis ou menos fixos.

O colectivo ten dotes de investigación. Aos poucos de comezar, realizaron batidas polo monte para probar diferentes materiais para construir as billardas e os paláns. Probaron con camelio, maceira, loureiro, xesta. A conclusión é que as mellores madeiras son a de aciñeira e toxo. O eucalipto non está mal, e tampouco o buxo e a oliveira, que son máis complexas de conseguir.

O único déficit do colectivo é a perda de peso das xogadoras. Noutro tempo houbo unha sección feminina máis forte, pero foise perdendo aos poucos. É outro dos obxectivos do equipo.

Cada xogador vive nun lugar da Galicia e a billarda é a escusa perfecta para que se xunten. "Son momentos máxicos para falar con xente". A forza da amizade fai que o futuro a medio prazo estea garantido, e máis se a descendencia se une á festa.

"Non teño pensado deixar de xogar. Quero ensinarlle aos meus fillos", asegura o Che.

Comentarios