viernes. 22.01.2021 |
El tiempo
viernes. 22.01.2021
El tiempo

Romay, contra toda unha vida

Manuel Romay posando con varias camisolas do Deportivo,  xunto coa granate. JAVIER CERVERA
Manuel Romay posando con varias camisolas do Deportivo, xunto coa granate. JAVIER CERVERA
Romay vivirá por primeira vez na súa vida un partido oficial contra o que é o equipo dos seus soños, o Deportivo. Sentimentos cruzados para o malpicán, que por primeira vez na vida, tamén, desexa que os coruñeses vaian deixándose puntos polo camiño na batalla que manteñen co Pontevedra pola cabeza da táboa

DÚAS CIDADES futbolisticamente emparentadas como Pontevedra e A Coruña e dous clubs cunhas relacións excelentes, como o PCF e o Deportivo, atopan en Jorge Manuel Romay o seu nexo de unión no derbi do próximo sábado en Pasarón. O xogador malpicán terá a primeira oportunidade da súa carreira de enfontarse ao conxunto do que sempre foi afeccionado, socio e no que xogou durante dúas etapas. Na súa cabeza acumúlanse ducias de lembranzas desde a nenez, adolescencia e mocidade. Partidos épicos en Riazor contra os máis grandes de España e Europa. Triunfos gloriosos: unha liga, dúas Copas e o respecto do vello continente. Visitas a Riazor coa familia, cos amigos, coa súa xente, en definitiva. Como dicía Rutger Hauer en Blade Runner, son lembranzas que se perderán coma bágoas na chuvia o sábado de 17 a 19.00 horas no Barrio do Burgo.

"Son do Dépor desde pequeno, pero agora represento ao Pontevedra e imo intentar facelos sufrir"

Ante unha cita semellante, o media punta granate non pode evitar recoñecer que "non é un partido máis. Gustaríame que fose na Segunda División. Pero aínda así é unha motivación moi grande. Son do Deportivo desde pequeno", lembra con orgullo, pero tendo moi claro que "agora represento ao Pontevedra e imos intentar facelos sufrir en Pasarón".

O ano pasado foi un duro golpe para o deportivismo. O seu descenso resultou impactante, sensación agrandada polo turbio caso Fuenlabrada. O efecto do golpe recibido tiña antecedentes que o fixeron inesperado. "Pasou de estar a un minuto de ascender a Primeira a descender ao ano seguinte. Como afeccionado non sabes que pensar. Eu nunca contemplara esa posibilidade. Polo menos, agora que vou xogar contra eles, vou intentar disfrutalo", asegura buscando o lado positivo dunha experiencia totalmente diferente.

"Non lles desexo mal, pero..."


Os sentimentos de Romay quedaron aparcados. Por primeira vez na vida desexa que ao cadro herculino non lle vaia tan ben. A devoción converteuse en rivalidade transitoria. "É unha sensación moi estraña. Sempre quixen que o Deportivo gañase. Toda a vida, cando eu xogaba á vez ca eles, preguntaba como quedaban nada máis rematar o meu partido. Este ano mudou iso. Non lle desexo mal, ao contrario, oxalá volva a Primeira en breves. Pero, sentíndoo moito, espero quedar por enriba na clasificación, aínda que sexa moi difícil. Represento ao Pontevedra e imos intentar quitarlle os máis puntos posibles ao Deportivo", explica con moita claridade o centrocampista granate.

Moitas cousas o unen co Norte. Non só a afección polo cadro coruñés, ou o feito de ser veciño da Torre de Hércules durante toda a vida. E é que "xoguei con varios dos que seguen este ano, pero co que máis falo é con Borja Galán. Temos un grupo de WhatsApp daquela época. Temos piques sans. Temos unha boa amizade". Nese grupo disparan con bala cando toca "vacilar", aínda que con bo sentido do humor e sempre deixando claro que as persoas están por diante de todo. E de momento a Romay non lle sacuden antes do derbi. "Tampouco se ven moi favoritos como para vacilarme moito", di entre risas.

"Temos un grupo de WhatsApp de cando o Fabril, pero non se ven moi favoritos como para 'vacilarme'"

Non só coñece aos xogadores, tamén ao adestrador, Fernando Vázquez, co que pasou unha pretemporada no primeiro equipo na súa primeira etapa no Fabril. Non hai moito segredo que desvelar sobre o de Castrofeito. "O que se ve representa perfectamente o que é: unha persoa moi intensa, que quere equipos serios defensivamente e é o que está a conseguir: estase vendo día a día".

"Ía a Riazor desde pequeno"


O deportivismo de Romay naceu coa familia. Desde neno, na Coruña acudía a ver o gran equipo que conquistou España e logrou proezas europeas. "Sempre fun seguidor, pola familia. Meu pai era socio e ía con el, co meu padriño e meu avó desde pequeno a Riazor". Ten unha boa colección de camisolas do equipo branco e azul. O curioso é que se criou no Montañeros e ata os 22 anos non chegou ao Fabril.

Os amigos da infancia e adolescencia, cos que comparte a paixón branca e azul, son os que máis brincadeira fan ante esta ocasión. "Dinme que sorte para a temporada, pero a ver se perdemos. É broma. Sei que queren que me vaia ben o sábado".

Durante as temporadas anteriores, era unha illa coruñesa no medio dun océano celtista do vestiario granate. «Había moitas bromas con iso porque había moita xente de Vigo no equipo», agora a cousa mudou coa transformación do plantel. Sexa como sexa, Romay ten claras as súas preferencias, nunca tantas ganas tivo de disputar un partido de fútbol e de gañalo. E se lle din ao final do curso que ascenden o Pontevedra e o Deportivo a Segunda División, firma."Se no papel pon que sobe o Pontevedra, firmo o que sexa", matiza, coas cousas claras.

"Non fai falta motivación"


Se hai un partido que calquera deportista quere disputar nunha categoría inferior é contra un equipo campión, contra unha referencia da súa disciplina, sexa cal sexa. Por iso, o sábado en Pasarón, para o Pontevedra vai ser "o típico partido que dis que non fai falta máis motivación xa que a que a xente xa a ten. É un orgullo, e témoslles respecto, pero medo ningún. Son un histórico, pero están nesta liga connosco", apunta.

Romay non pode evitar recoñecer o poderío do adversario . "Son o gran favorito e van gañar partidos só por ser o Deportivo e polo nome dos xogadores. É o mellor plantel de toda a categoría: non marca demasiados goles, pero só leva un en contra. Nós facemos perigo sempre e creo que iso pode facer un partido igualado".

O que non sabe é se celebrará se marca. "Vai ser moi difícil que o logre, pero farei o que me dicte o corpo. Sendo en Pasarón e sen ser máis ca un partido de Liga...2.

"Penso que case  sería un cheo"

Romay vai botar en falta a presenza masiva de seareiros nas bancadas de Pasarón. Nun dos días máis sinalado dos últimos dez anos, os afeccionados non poderán estar no campo.

"Penso que sería un case cheo de Pasarón: entre xente de Pontevedra e xente da Coruña. Sería un ambiente moi grande. É unha pena, porque a afección está ilusionada e orgullosa para vir animar. Ían engancharse. Seguro que gozan desde casa, pero non é o mesmo. Para o afeccionado, como para nós, ten que ser moi duro. Hai que pedirlles paciencia e ser conscientes de que o primeiro é saúde. Confío en que se poida ir normalizando todo pouco a poco", analiza o futbolista de Malpica.

Romay, contra toda unha vida
Comentarios