Romay volve ser xogador

O media punta malpicán gozou de minutos nos compromisos contra o Alondras e o Racing
 
undefined
photo_camera Romay, en Pasarón contra o Racing no Cidade de Pontevedra. DAVID FREIRE

Romay tardou catro minutos en sentirse xogador de novo, o tempo que pasou entre que debutou o pasado sábado no Campo do Morrazo e un rival lle fixo un bo buraco na media cos tacos.

"Xa tiña ganas" (de regresar, non de que o cazasen), recoñece o malpicán, que admite que aquela viaxe que lle meteron foi estrañamente reconfortante. "O mesmo míster se queixou e protestou, porque foi ao lado do banco e o viu moi ben. Pero díxome "que ben che veu iso". Levaba razón. Esa patada fíxome esquecer o xeonllo, porque me doía o nocello".

Os minutos en Cangas e os de Pasarón contra o Racing de Ferrol suman dous puntos kilométricos máis no seu camiño de volta.

O 2 de decembro de 2020, días antes do agardado derbi contra o Deportivo da Coruña, Romay caía mancado de gravidade no xeonllo. A rotura do ligamento cruzado anterior púxoo diante dun dos grandes retos da súa carreira deportiva: nove meses de recuperación afastado dos terreos de xogo e a permanente sensación de incertidume das lesións graves.

Iso queda atrás. Nos primeiros compromisos, Romay sentiuse ben... ben canso. "Pasoume como nos adestramentos: nos primeiros quince minutos estou ben, pero despois empezan a pesar as pernas, cando hai un esforzo de máis tempo. Todo o mundo me di que é normal".

Romay confía en estar a disposición de Ángel Rodríguez nos primeiros partidos da Liga

A inflamación do xeonllo é cada vez menor e menos frecuente e as sensacións respecto da lesión son positivas. Coa prudencia que recomenda unha doenza de tal alcance, o centrocampista agarda estar para o primeiro mes de competición. Aínda que ten claras as súas prioridades.

"O adestrador dicíame que se podo chegar ao primeiro partido, ben, pero se ten que ser no terceiro en lugar do primeiro, non pasaría nada. O que me propoño é voltar ben, e non tanto cando voltar".

O verán foi máis duro do que lembraba, a pesar do benigno clima galego. O traballo habitual de mantemento mudou en traballo de máxima esixencia.

"Foi un pouco raro. Normalmente botamos unhas carreiras e facemos algo de forza, coa fin de manternos para evitar riscos de lesión ao regresar. Pero este ano adestrei máis que nunca. O último mes e medio, excepto a última semana, na que me recomendaron descansar, foi moi forte".

Xa pensa no inicio do curso, en amosar a súa mellor cara e en reencontrarse coas bancadas de Pasarón. "Temos ganas de responder a esa mala temporada, de devolver unha alegría".

Aínda que lle custa enunciar a palabra maldita, sabe que o ano pasado "foi un pequeno fracaso. Ben, non exactamente un fracaso. Máis ben foi que non conseguimos os obxectivos. Ninguén nos puxo unha pistola e nos dixo: tedes que conseguilo si ou si". Viviu case todo desde a bancada. Só espera que este curso o destino lle devolva a saúde e o éxito do Pontevedra.

O Vilalbés substitúe ao Coruxo
O Racing Vilalbés será o rival do Pontevedra o próximo sábado no amigable que estaba previsto no campo de Baltar de Portonovo.

O club granate viu como o adversario inicial, o Coruxo FC, non tomará parte no encontro, ao ter que medirse ese mesmo día ao Rápido de Bouzas na Copa Federación.

O partido seguirá sendo á mesma hora, ás 20.00 horas. O club granate traballa no peche de novos compromisos estivais, xa que despois do duelo perante o Coruxo, só tería pendente o de Ordes contra o Deportivo.

Comentarios