Rubio e Araújo, a punto

O lateral esquerdo e o interior dereito están a piques de asinar a súa continuidade co Pontevedra  Uniranse a Álex González, Yelko Pino e Oier Calvillo, que xa renovaron
 amplisima cobertura HQR FUTBOL SEGUNDA RFEF PONTEVEDRA C F SALAMANCA CF UDS POSIBLE ASCENSO AMBIENTE PREVIO si se puede sacar alguna foto del Salamanca en caso de que desciendan  (_00A6693.JPG)
photo_camera Albert Rubio nun partido do Pontevedra. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

Alberto Rubio e Samu Araújo están a piques de darlle o seu si ao Pontevedra Club de Fútbol e asinar a súa renovación para a temporada 2022-23, despois de quedar libres o pasado 30 de xuño ao finalizar o contrato que tiñan por un ano.

O acordo co interior dereito ilicitano e o lateral esquerdo vigués está á falta dos últimos detalles. Ámbolos dous foron xogadores relevantes no primeiro equipo granate a campaña pasada, dentro dos esquemas do técnico Ángel Rodríguez.

A continuidade dos dous futbolistas únese ás xa coñecidas de Álex González, Yelko Pino e Oier Calvillo para o próximo curso. A aposta pola continuidade anunciada por Toni Otero está a tomar forma.

Alberto Rubio gañoulle a batalla pola posición no flanco dereito do ataque granate a Oier Calvillo. O alacantino acabou sendo titular en 29 enfrontamentos e disputou 33 dos 34 duelos da temporada regular. Meteu catro goles.

Pola súa banda, Samu Araújo xerou algo máis de dúbidas no seu rendemento e mesmo acabou sendo enviado á suplencia nalgunhas fases, pero acabou sendo o inquilino máis habitual do lateral esquerdo. Xogou 26 duelos, dos cales 25 foron como titular.

O once inicial do curso pasado podería chegar a repetirse, xa que o Pontevedra seguirá contando cos servizos de  Cacharrón, Seoane, David Soto, Churre, Samu Araújo, Yelko Pino, Miguel Román, Alberto Rubio, Brais Abelenda, Álex González e Charles

Polo momento, os homes con máis minutos da campaña pasada e que conduciron ao bloque de Pasarón ao ascenso teñen a súa permanencia no colectivo garantida, xa que uns xa tiñan contrato e outros prolongárono.

O once inicial do curso pasado podería chegar a repetirse, xa que o Pontevedra seguirá contando cos servizos de Pablo Cacharrón, Seoane, David Soto, Churre, Samu Araújo, Yelko Pino, Miguel Román, Alberto Rubio, Brais Abelenda, Álex González e Charles. Tamén seguirá un home de gran relevancia para o conxunto lerezano, como Rufo, que malia non ser titular durante unha gran parte do curso por lesión, acabou sendo fundamental para a consecución do obxectivo final.

Outros homes como Javi Rey, que tivo un protagonismo inferior ao previsto inicialmente dado o notable rendemento ofrecido por Miguel Román, e Álvaro Cortés, porteiro que debeu vivir a meirande parte do exercicio na suplencia, contan con contrato para o próximo curso. Entre os ilustres suplentes do equipo, Oier Calvillo xa selou a súa renovación.

Polo de agora, a única ausencia confirmada do plantel do PCF é a de Manuel Romay, que xogará a próxima campaña no Arenteiro.

Tamén teñen contrato Javi Pacheco e Samu Santos, aínda que o seu futuro dentro do club está por determinar. Un matiz abre máis portas para o xogador redondelán: o feito de que non ocupa praza sénior, algo que si acontece con Pacheco. Igualmente con contrato se atopa o atacante Martín Diz, suplente habitual do curso pasado ás ordes de Ángel Rodríguez. Como Samu Santos, seguirá sendo sub-23.

INCÓGNITA. Unha incógnita por resolver para o próximo exercicio é a situación de Santi Figueroa, López e Iñaki. Os tres formaron parte do equipo durante o exercicio que rematou hai mes e medio, pero daquela estaban en condición de sub-23. No caso de Iñaki, contaba con licenza do filial. Os tres esgotaron a súa etapa nesa faixa de idade e non están vencellados contractualmente co PCF.

En canto se confirme o peche da renovación de Alberto Rubio e Samu Araújo, o Pontevedra contará con 18 futbolistas con contrato, dos cales 15 son séniores e tres de idade sub-23.

Cabe lembrar que os equipos de Primera RFEF, a diferenza do que ocorre cos de Segunda RFEF, poden contratar ata 23 xogadores, dos cales 17 poden ser séniores. A cifra mesmo pode ser ampliable nun futbolista máis se o club inscribe tres porteiros no primeiro conxunto.