Sabela Martínez, o raio humilde da Gimnástica

A portonovesa logrou un ouro que ela mesma non agardaba nos 3.000 metros do Campionato de España sub-18
Sabela Martínez co seu ouro no Campionato de España no CGTD. RAFA FARIÑA
photo_camera Sabela Martínez co seu ouro no Campionato de España. RAFA FARIÑA

"Ao principio non estaba moi convencida coa elección de participar nos 3.000. Pero ao final, foi a decisión correcta", explica Sabela Martínez, nova campioa de España sub-18 da distancia, que sorprendeu as súas rivais, a afección ao atletismo e, en parte, a ela mesma, ao impoñerse no Campionato celebrado en Sabadell a semana pasada.

A pupila de Manuel Hurtado, habituada a competir nos 1.000 metros sub-16, alongou a distancia para subir ao máis alto do podio cun rexistro de 9:56.97, na que fixo valer a súa maior velocidade final para superar as súas rivais. No podio, acompañárona Carla Cabezas, do Atletismo Orippo, e Pilar Rivaya, do Cultural Covadonga, ámbalas dúas con tempos por enriba dos dez minutos: Martínez Peón fixo a última volta completamente en solitario.

"Ao principio non estaba moi convencida de participar nos 3.000. Pero, ao final, foi a decisión correcta", di a atleta

A atleta da Sociedad Gimnástica amosaba unha mestura de calmada felicidade, orgullo e humilde sorpresa polo seu éxito final. "Non pasaba pola miña cabeza. Soñaba cun terceiro ou mesmo cun segundo posto, pero nunca con ser primeira. Había rapazas con moito nivel, que no cros xa demostraran ser mellores ca min. Así que esperaba que rematasen por diante".

No único no que se trabucou Sabela foi no prognóstico. No demais acertou: na elección do 3.000 no canto do 1.500, que ela define como a súa carreira favorita, e na execución do plan de batalla. Comezou protexida no grupo, deixándolle facer ás rivais con máis ritmo e experiencia ca ela no 3.000, e cando restaban 600 metros comezou a moverse.

"Nas últimas tres voltas, cando pasei pola contrameta, escoitei o meu adestrador (Manuel Hurtado) dicindo que podía adiantar posicións. Cando superei a segunda e a terceira clasificadas, vinme moi preto da primeira e mantendo o ritmo". 

Comezou a ser consciente de que o que en principio era o desexo dun metal, podía converterse na pelexa polo ouro.

"Soñaba cun terceiro ou mesmo un segundo posto, pero nunca con ser primeira", confesa

"Decidín adiantar e decateime de que ela non respondía. Souben que se aumentaba o ritmo, podía facerme co triunfo". Soltouna. Deixounas atrás a todas e correu totalmente en solitario o último xiro para gañar con inesperada autoridade. "Para nada soñaba. Foi unha gran sorpresa para min".

Martínez, que era a segunda máis nova das participantes (15 anos cumpridos en agosto), xa puidera participar a semana anterior no Campionato Nacional Absoluto. "Poder estar coas mellores de España foi unha experiencia magnífica. Foi un orgullo", resumiu con esa humilde naturalidade que destila.

Agora pensa no campionato de España de 5.000 metros sub-18 e sub-20 de Gavà (Barcelona) da próxima fin de semana, na que estará acompañada pola tamén ximnástica Isa Caeiro. Un novo reto, unha distancia ata agora descoñecida que lle dá un certo respecto. "Sobre todo mentalmente. Con carreiras tan longas, aparecen os pensamentos negativos e hai que saber xestionalos".

Xa fala como unha xove veterá, con conciencia e madurez e sabendo canto lle dá o seu deporte, do que só pide "seguir adestrando, pasándoo ben e que non haxa ningunha lesión nin complicación para poder continuar facendo o que me gusta".

Más en Deporte Local Pontevedra
Comentarios