Luisito: "Sabía que o equipo me ía chamar en situación límite. Agardei por el"

O adestrador do Pontevedra fala en profundidade apenas uns días despois da súa chegada de novo ao banco granate e tras estrearse cun decepcionante empate contra o Guijuelo a pesares do bo xogo do equipo ► Luisito analiza con Diario de Pontevedra a súa figura e o pasado no club, pero sobre todo un presente con moitas incertezas clasificatorias.
Luisito, entrenador do Pontevedra CF. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera Luisito, entrenador do Pontevedra CF. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

Hai máis de seis anos foi chamado por Lupe Murillo para sacar ao Pontevedra do pozo da Terceira. E agora, volveu a recibir a chamada do mesmo número cunha intención. José Luis Míguez Luisito (Teo, 1966) regresa tres anos despois a un equipo ao que "non podería dicirlle nunca que non" para revertir a mala xeira de resultados e evitar un drama.

Leva apenas tres días como adestrador do Pontevedra. Deulle tempo a aterrar xa?

Si. Eu aterrei desde o minuto un. O que pasa é que o xoves foi a segunda sesión. E polo medio das dúas, houbo un partido que para nós era súper importante. Ao fi nal non fumos quen de gañalo, pero as sensacións como as que me quedei foron moi boas. Marchei para casa moi contento do rendemento do equipo, pero disgustado polo resultado. Tiñamos que ter gañado por máis dun gol e de dous e de tres.

Viuse un Pontevedra moi recoñecible. Semellaba o Pontevedra de Luisito. Como é posible?

Bueno, xa dixen que debía tratar de chegarlle á mente ao futbolista. Tratei por todos os medios de que eles interpretasen o que eu quería dentro das características que teñen. Os xogadores teñen moita parte de culpa: interpretaron moi ben o que eu lle piden. Evidentemente hai veces que pides cousas que non poden dar. Pero creo que eu a cada un lle piden o que realmente creo que son capaces de dar.

Os xogadores teñen moita parte de culpa do bo partido contra o Guijuelo. Eu pedinlle a cada un o que creo que son capaces de dar

Que potencialidades lle ve a este plantel?

O problema máis grande que hai agora é a pouca marxe que me queda. Collendo este plantel desde o principio era outra historia. O que pasa é que agora temos que ir a unha contrarreloxo. Temos un prólogo de cinco kilómetros e hai que ir con todo o desarrollo. Non queda máis. E iso cambia moito todo. Eu creo que o plantel ten un potencial tremendo. Pero moitas veces o que non funciona é a cabeza. Hai que chegarlle á mente. Sei que son uns profesionais íntegros, pero por circunstancias non lle están saíndo as cousas. Senón eu non estaría aquí. Agora teño que axudar o máximo que poida para que eles limpen a cabeza e sexan os futbolistas que realmente teñen que ser para estar neste Pontevedra.

Sen falar do anterior corpo técnico, notou que había moita tensión nos rapaces polos resultados?

Non é polo traballo do anterior corpo técnico, todo o contrario. É cuestión de que os futbolistas son seres humanos e tamén o pasan mal cando as cousas non saen. Contra o Guijuelo houbo un momento do partido que tamén se lles foi un pouco a cabeza. Porque, queiras ou non, a ansiedade moitas veces pode co xogador. Pero pode cos de Segunda B, cos de Primeira e cos de máximo nivel. Eu trato de incidir aí: isto é un deporte. E como deporte, debes entregarte ao máximo, pero debes disfrutar co balón. Estes futbolistas teñen que presumir do ben que fan as cousas. Outros queren facer iso e non saben. Eles si. Por iso están no Pontevedra.

Os futbolistas son humanos e a ansiedade pode. Pero é un deporte; deben presumir do que saben facer

Este é un dos mellores planteis de Segunda B?

Este é un moi bo plantel. Pero hai outros moi bos planteis. Xa só mirando este grupo. Sen ir máis lonxe, o Guijuelo viña de moitísimo tempo sen adestrar pola Covid. E ten a xogadores dun nivel altísimo. Evidentemente, nós fomos moi superiores durante 60 ou 70 minutos. Pero eles viñan de cambio de adestrador e nunha situación complicada. Igual que agora ves o Salamanca... É que analizas equipo por equipo e hai moi bos planteis neste subgrupo. E ademais, os dous recién ascendidos teñen unha gran ventaxa que a xente non percibe: quedaron co 80% ou 90% dun plantel que xa tiña nivel de Segunda B. E foi un grande acerto. Se esta liga fose a 38 xornadas, estou convencido de que non ían estar tan arriba. Pero a 18 xornadas si, porque levan moito tempo traballando xuntos. E ademais, son moi bos equipos. Posiblemente o resto de planteis son mellores, pero cústalles moito.

Nese caso está o Pontevedra. Quedarse nunha cuarta categoría ou incluso baixar a unha quinta sería terrible.

Evidentemente. Pero eu só miro día a día. Niso son como Simeone: partido a partido. Non che vale pensar máis alá. Non é dicir: ‘ven o Guijuelo, imos ter tres puntos’. Non, porque non os temos. Perdimos dous puntos. Esa é a realidade. Non podes pensar máis aló. Se queres gañar o partido do Compos antes co de Salamanca, erras. Xa lles dixen aos xogadores que non podíamos meter o 2-0 ou o 3-0 antes co 1-0. Así vaivos poder a ansiedade. Ao final, puidemos meter cinco ou seis, pero non metimos nin o primeiro. Pois esa é a realidade do fútbol.

Se un día teño que dar un berro a Xisco ou a Charles, dareino. No colectivo vou tratar a todos igual. No individual, non

Falemos da súa chegada. Que sensacións tivo nestes primeiros días? Raras? Segue todo igual?

Non, no club hai cousas que están cambiando e que están cambiadas, por fortuna. O club cada vez é máis grande. Eu sabía que ía mellorar todo. Grazas a Deus, cambiaron moitísimas cousas. Eu xa che dixen (na entrevista publicada en maio) que o Pontevedra era un dos equipos aos que me ía custar dicir que non. E á verdade é que estou súper contento. Cando saín a Pasarón sentín unha cousa por dentro, porque a verdade é que hai equipos onde ti realmente queres estar. E Pontevedra é un dos sitios onde eu realmente quería volver a estar.

Quería volver, pero cando saiu, non houbo certo choque entre a presidenta e vostede?

Pois creo que a xente aí está equivocada. Eu defendín á presidenta e nunca tiven unha palabra mala para o Pontevedra. Podes buscar onde sexa. Marchei, perdonei todos os cartos... a min non se me podía reprochar nada. O único, que sexa mellor ou peor adestrador. Pero no tema personal, eu nunca falei mal de ningún equipo no que estiven. E iso que algún me debía moitos cartos. Pero non é o meu estilo. Eu sabía ao marchar do Pontevedra que ía a volver. Sempre dixen que do único que me arrepentía do que fixen foi de ter enfrontamentos coa prensa. Tiven enfrontamentos moi fortes con xornalistas que non me gustaron. Evidentemente, a min a experiencia que teño do Pontevedra e valeume para moito. Fun a Coruña e dinme conta que aquí cometera moitos erros. Fun súper esixente. Levei á presidenta e a Roberto a un ritmo que non eran capaces. É certo que iso valeunos para ascender e para xogar un play-off a Segunda. Pero a peaxe que paguei foi grande. Porque na Coruña, onde tiña todo, abrín os ollos co que realmente hai que esixir. Debes ser un pouco máis tranquilo nese aspecto. Eu sei que son súper esixente, porque o son conmigo mesmo. Pero ese erro non o volverei cometer nin aquí, nin en ningures.

Eu sei na situación na que veño. É súper complicada. Pero gústanme os retos e este é enorme. Para min, vir non é arriscar

A imaxe que pode existir de que Luisito vai berrar con Xisco e Charles, polo tanto, é moi diferente á realidade.

Claro. Se un día teño que darlle un grito a Charles ou a Xisco voullo dar. No colectivo, vou tratar a todos igual. Pero Charles é diferente a Xisco. E Rufo é diferente a Charles. E Pacheco é diferente a Xisco. A nivel individual, debo tratar a cada un como eu penso que o teño que tratar. Hai algúns que son moi tímidos. Outros que son máis botados para diante. A algúns me meto con eles e lles poño motes. E a outros non llos poño. Se de algo presumo é de que levo adestrados a máis de 400 futbolistas e me sobran os dedos das dúas mans para contar aos que falan mal de min. De 400, 390 sei que falan ben. Porque me considero un tío honesto. Ao xogador miroo sempre aos ollos e dígolle o que penso. Para ben o para mal. Conmigo non xoga o nome. O pecado máis grande é enganar aos futbolistas. Hai a xogadores aos que eu quero unha barbaridade, pero vexo que non están para xogar conmigo e non os ficho. Ao final, o futbolista ve que eres un tío honesto. E co tempo, grazas a iso, valórate moito máis.

Asumiu moito risco personal vindo a adestrar ao Pontevedra nesta situación. Luisito ten unha boa imaxe en Pontevedra e agora ten un tempo mínimo para sacar resultados. Por que o fas?

Porque me gustan os grandes retos. Tiven a posibilidade de ir a outros equipos. E non aceptei. Agardei ao Pontevedra. Sabía que o Pontevedra me ía chamar en situación límite. Antes non me ía chamar. É normal. Moita xente me pregunta como arrisco tanto. Para min non é risco ningún. Eu sei na situación na que veño, que é unha situación súper complicada. Pero gústanme os grandes retos. Para ir a un sitio onde vaia cobrar e non teña ilusión ou un reto importante, non vou. Falando mal, para joderlle os cartos aos clubes a día de hoxe... non. Non son ese tipo de persoa. Gústanme os grandes retos. Este é enorme, porque eu sei que son un tío moi querido en Pasarón e esta é unha situación súper complicada. Eu acepto e acepteino sen dubidar nada. Cando recibín a chamada de Lupe o domingo á noite sabía que ía dicir que si aínda sen falar do tema económico. Gustaríame ter estado aquí moito antes? Si. Gustaríame ter collido este plantel desde o principio? Si. Sería o home máis feliz do mundo. Pero agora é o que hai. E non vou dar voltas a nada porque non paga a pena. Isto é un prólogo: temos que ir co prato grande e meter todo o desarrollo. Non hai máis.

Gustaríame ter collido o plantel desde o principio? Sería o home máis feliz do mundo. Pero agora isto é un prólogo

Nesta situación de pandemia, é difícil manter ese contacto coa afección.

Eu recoñezo que son atípico: non vexo moita prensa, non escoito nada e non teño redes sociais. Pero é certo que non estou apartado do mundo. A xente fálame. E coñezo a moitísimas persoas. O outro día ata unha persoa de Pontevedra me chamou, que non sei de onde sacou o número. Outro que me di que hai un tío que quere tatuar a miña cara...Os xogadores comunícanse a través das redes sociais. Pero onde notas á xente é cando saes ao campo. Ver Pasarón vacío partíame a alma. Porque eu xa vin ese campo cheo tres veces. Pero é o que hai. Tocounos a todos. A saúde é máis importante.

Aínda así, percibe a ilusión co seu regreso?

Si, si. Eu percibo porque a min fálame moita xente. Os meus fillos teñen redes e entéranse de todo e coméntanme cousas. Dinme: papá, que la gente está muy ilusionada en Pontevedra. Iso xa o sei. Pero eu teño Whatsapp e aínda menos mal.

"A xente de Pasarón é sentimental coma min, por iso me identifico"

Antes de ser cesado, atacou a un certo sector da afección para defender á presidenta, aínda que logo pediu desculpas.

Se alguén non se pode queixar da xente, ese son eu. Eu á afección o único que podo é darlle mil grazas. Pero aos meus sempre os defendo. Á afección teño que defendela ata a morte porque a min adórame e eu adoro aos afeccionados. Pero o mínimo que teño que facer tamén é defender aos meus xefes. Eu o dicía por aí, non por outra cousa. Son adestrador e trato de facer o meu traballo o mellor posible e respetar a todo o mundo. Xa dixen que se alguén se sentiu ofendido pídolle mil perdóns. Se alguén non pode ter queixa dos siareiros do Pontevedra, son eu. Son súper feliz porque vin ao sitio onde realmente me sinto querido. E trato de engancharme coa afección porque son un pouco parecido a ela.

En que?

En que son un tío moi sentimental e a afección de Pasarón é un sentimento. Non me dá vergoña recoñecer que choro por calquera cousa. Non podo ver películas porque choro. Eu sei que a xente se ri de min. Agora os meus fillos, lendo isto, estaranse rindo de min porque xa me viron chorar máis dunha vez vendo unha película. O que pasa é que despois no meu traballo son un tío cun ton de voz moi alto, un carácter forte e demasiado frontal. Seino. Pero ensináronme a ser así. Teño sufrido moito na vida. Sei que a moita xente lle impacta que sexa tan frontal, pero cada un é como é. Pero repito: son unha persoa súper sentimental e creo que a xente de Pasarón tamén o é. Por iso penso que me identifico tanto con eles.

Coa dimisión de Roberto Feáns estase a falar do proxecto futuro do Pontevedra. Luisito pode ser un home para ese proxecto?

Non é pregunta para min. Iso teríacho que contestar a presidenta, Roberto... a quen lle corresponda. Eu son adestrador e precisamente por iso firmei ata final de tempada. 

De 400 xogadores que adestrei, 390 falan ben de min. Porque ao xogador sempre lle digo aos ollos o que penso. Son honesto e iso valórano

"Tiven que elixir entre seguir obsesionado ou tratar de vivir" 

Cando falamos en maio, estaba un pouquiño de baixón pola pandemia. Nalgún momento pensou en deixar de adestrar polos contaxios e así poder pasar tempo coa súa nai?

Si. É así. Eu nese momento non quería adestrar polo tema de mamá. A min iso supérame. Vouno dicir: eu non o pasei mal, senón moi mal. Cheguei a estar tremendamente obsesionado. Fíxenllo pasar moi mal aos fillos e a todo o mundo. Eu estaba con mamá seguido. Paseino moi mal. Agora estou un pouco máis liberado. Porque senón non podía vivir. Tiña que elixir entre seguir como estaba ou tratar de vivir. E luchei por tratar de vivir. Por iso agora adestrar libérame un pouco. Pero esta pandemia a min, fíxome un dano terrible. E como a min, a todo o mundo.

Luisito é menos Luisito sen Pepe Rico e sen Roberto Valdés?

Home... Pepe é como un irmán para min. Pero como irmán que é, non me atrevo a pedirlle nada na súa situación. El mesmo chamoume xa despois do partido do Guijuelo. E Roberto levaba conmigo toda a vida desde que eu son adestrador. Neste momento dixo que non e non pasa absolutamente. Mira Xurxo, estou tan acostumado a sufrir na vida que eu vou de fronte contra o que sexa. Non lle teño medo a nada. Sempre digo aos futbolistas que querer é poder. Vin aquí con toda a ilusión do mundo. Tocoume vir só? Pois son feliz igual. Eu pido aos que están ao meu lado que sexan leais, como eu vou ser con eles. E nada máis. Estou encantado. A min non me dá medo ningún.

Os xogadores comunícanse por redes sociais. Pero onde notas á xente é no campo. Ver Pasarón vacío doeume

Comentarios