A saída de Ángel Rodríguez acentúa o divorcio da afección co Pontevedra

Os seareiros granates manifestan a súa cólera ao coñecer a través do Hércules a fichaxe do adestrador polo club alacantino e protestan pola falta de movementos e o silencio informativo da entidade  
Ángel Rodríguez, exadestrador do Pontevedra CF, diante da bancada no seu último partido en Pasarón. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera Ángel Rodríguez, exadestrador do Pontevedra CF, diante da bancada no seu último partido en Pasarón. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

Quen crese que a falta de comunicación do Pontevedra CF non podía incrementar o enfado dos seus seareiros trabucábase: o coñecemento da saída de Ángel Rodríguez de Pasarón incrementou o malestar nun sector importante dos afeccionados granates. E non porque o técnico non seguise, senón pola maneira na que se fixo pública a nova.

Foron as redes sociais do Hércules de Alacante as que fixeron público o pasado martes á noite a fichaxe do preparador leonés, sen que o PCF informase antes a súa baixa e cando parecía que os diálogos estaban encamiñados cara a renovación, como era a intención do Pontevedra, por desexo do seu director deportivo, Toni Otero, que apostou polo leonés desde o comezo.

A falta de información por parte da entidade botoulle limón á ferida que ten aberta un gran sector da bancada e alimentou as causas do divorcio que esa parte do granatismo mantén cos dirixentes e particularmente con Lupe Murillo.

"Que manera de tirar por tierra la ilusión de un ascenso @PontevedraCFSAD, y no porque Ángel se vaya, que al final todos están de paso, más bien por ese silencio que roza la falta de respeto a quién heredó de sus [email protected] el amor por este club. #haiqueroelo", asina o usuario de Twitter Granate1941 na rede social Twitter, para manifestar unha idea que resume o sentir de moitos afeccionados.

Nesa mesmo sentido, a conta @Granatismo analiza a situación e conclúe: "Lupe ha salvado el club, ha traído seriedad y pasta, ha animado a D18s para volverse, pero... sin afición, no hay Pontevedra CF. Y nos está faltando al respeto", manifesta decepcionado nun fío que principia de maneira contundente: "El único motivo para no exigir la dimisión al Consejo es que venimos de sufrir dirigentes lamentables", expresa referíndose a anteriores presidentes do club.

O club granate non se manifestou oficialmente ao respecto da saída do técnico nin o despediu publicamente

Desde o Pontevedra Club de Fútbol non manifestaron oficialmente ningunha versión do acontecido. Non se explicou se houbo negociacións con Ángel Rodríguez, se foi Ángel Rodríguez o que rexeitou a proposta ou se a falta de interese partía do club. Os seus dirixentes manteñen o silencio. O adestrador nin sequera recibiu unha mensaxe de despedida a través de ningunha das cauces públicas do club. Nisto, a falta de comunicación foi bidireccional. Ángel Rodríguez tampouco emitiu unha nota de despedida cara aos afeccionados nin o club nas súas redes e non respostou á chamada de Diario de Pontevedra.

A conta Muy Granate amosouse máis estupefacto ca crítico. "Sin ser yo un gran fan de Ángel Rodríguez, no entiendo nada. No por el hecho de que no siga, que en fútbol todo puede pasar, sino por cómo se ha desarrollado todo".

Pola súa banda, o seguidor Pablo Loira pregunta: "Sodes conscientes da imaxe que estades dando, @PontevedraCFSAD?".

O enfado dese sector de afeccionados acrecéntase a medida que pasan os días e o silencio informativo se prolonga. O club leva xa 39 días sen ofrecer novidades, o que erosionou a confianza dos seguidores máis fieis. Non se coñecen nin fichaxes, nin renovacións, nin adestrador, nin baixas.

Comentarios