Saleta Castro non ten límites na montaña e no deserto

A pontevedresa repetiu posición de podio na categoría de dúos mixtos da Titan Desert
Saleta Castro bebendo auga nunha das etapas da Titan Desert 2021.
photo_camera Saleta Castro bebendo auga nunha das etapas da Titan Desert 2021. TWS

Castro conquistou o deserto. A triatleta e fondista pontevedresa logrou o seu segundo podio en dúas participacións na categoría de dúos mixtos da Titan Desert, cuxa edición de 2021 rematou a pasada fin de semana, con seis etapas de máis de 100 kilómetros e de dez horas sobre as dúas rodas, en medio do Sahara e da montaña marroquí.

Acompañada da súa parella, Víctor Benages, a lerezana viviu unha das experiencias máis duras e ao mesmo tempo sobrecolledoras da súa vida. Sen punto de comparación con respecto á edición do pasado curso, desenvolvida na contorna do deserto de Almería.

"Esta foi moito máis dura. A do ano pasado foi un chiste ao lado desta. Non é comparable con nada que fixese antes. Foron moitas horas tódolos días, moito desnivel. A iso sumábamos o deserto, a area, unhas condicións que nunca vivín. Foi moi duro", rememorou Castro, unha auténtica profesional do deporte de aventura e da longa distancia.

undefined

Nunca tivo dúbidas ao respecto da súa supervivencia en carreira. "Sabía que as condicións eran moi esixentes e había que aguantar porque o espónsor, 226ERS, fixo moito para que estivésemos alí". A Titan Desert é a combinación de esforzos en situacións estremas. A suma de tódolos presentes axudou para que o dúo galego-castellonense puidese chegar ao remate a alcanzar o obxectivo do podio.

Nas primeiras xornadas, Castro e Benages remataban na cuarta praza de forma regular e ocupaban esa mesma posición na xeral da súa categoría. O seu contorno, os rivais e compañeiros de aventura fixeron entón un papel fundamental.

"Todo o mundo nos dicía que o estabamos a facer moi ben. Non chego ao nivel, agora mesmo, para gañar unha etapa. Víctor estaba moi forte, apertábame moito. Os dous primeiros días foron duros en canto a atopar o ritmo ideal para os dous".

O terreo non favorecía excesivamente o efecto rebufo. A alta montaña esixe forza para avanzar. O efecto de ofrecer a roda apenas é perceptible nesas condicións de pendentes positivas. O esforzo era titánico e producía desgaste, pero "chegabamos ao campamento, viamos que estabamos a loitar, que non o estabamos a facer mal. Eu sempre lle repetía que isto é moi longo, non era como comeza, senón como remata".

Así chegou o momento decisivo. "Unha parella das de diante cometeu un erro e tivo unha penalización de cinco horas".

A dúas etapas para a conclusión, víronse no caixón. Os demais compañeiros de viaxe volcáronse con Castro e Benages para que alcanzasen o seu obxectivo. Fixeron un esforzo conxunto para que puidesen estar cos mellores.

"Axudounos moita xente. Os outros equipos tiñan 12 ou 14 persoas. Nós estabamos sós. A noite anterior á última etapa achegáronse a nós para ofrecernos a axuda. Ao día seguinte tiven a 20 persoas traballando para min. Metéronme no primeiro grupo e chegamos con Ariadna Ródenas, a líder", para lograr a terceira praza.

Atención a... unha paisaxe sobrecolledora
Marrocos pon a proba tódolos sentidos. Un permanente desgaste para moldear a personalidade dos máis fortes. "Na etapa maratón durmimos no chan.

Co corpo dorido e as pedras cravándose por tódalas partes do corpo. Durmimos moi pouco, tres ou catro horas. O resto de días, algo de ruido dos demais compañeiros, pero ao final estabamos nun pequeno colchón e co cansancio, descansabamos ben", lembra Saleta.

Houbo tres etapas de alta montaña, pronunciados desniveis sobre subidas pedregosas e a altitudes nas que o osíxeno desaparecía, e outras tres de deserto. "Na cuarta etapa xa estabamos a durmir nas dunas de Erg Chebbi, impresionantes".

A nivel climático e paisaxístico, foi algo sobrecolledor. A inmensidade de océanos de area a máis de 30 graos, nun espazo no que a auga non existe e no que a sede e a fame non avisan. "Nunca estivera nun lugar tan árido. Para os que somos de climas húmidos, aquilo é un inferno. Se mirabas arredor, non vías nada. Non había referencias de nada, nin estradas, nin poboacións. nada". Só horizonte.

Comentarios