O salto máis alto de Marta González Fermoso

É unha das xogadoras máis míticas do volei pontevedrés. Hoxe adícase ao atletismo, ao saloto con pétiga na Gimnástica, superando o listón máis elevado, o da axenda dunha doutora de Urxencias en pandemia que foi nai fai oito meses 
Marta González Formoso co seu fillo Nicolás nas pistas de atletismo do CGTD. DAVID FREIRE
photo_camera Marta González Formoso co seu fillo Nicolás nas pistas de atletismo do CGTD. DAVID FREIRE

Igual o/a atende a vostede en Urxencias e nin sequera é consciente de que está a falar cunha das mellores xogadoras de voleibol que pasaron por Pontevedra. Marta González Fermoso vive intensamente todo o que fai. Se cadra, por iso elixiu o servizo de Emerxencias. "Gústanme as cousas movidas", recoñece.

A súa vida é unha plena expresión de expremer a laranxa ata a última pinga, de sacarlle o máximo rendemento a cada día: no traballo, na familia e no lecer. Isto último leva sendo capitalizado polo deporte durante case toda a súa vida: pero nos últimos anos mudou o voleibol polo atletismo.

Vén de ser nai do seu primeiro fillo hai oito meses e aínda por enriba vive con intensidade na consulta médica. Un exemplo que se xestou na súa infancia e adolescencia, cando descubriu o seu amor polo deporte e pola ciencia. "Sempre digo que o deporte foi o meu mellor antidepresivo, o meu mellor tratamento para a vida".

Formouse na Coruña como xogadora de voleibol, no Calasancias, cando era moi cativa. Alí desenvolveu a súa carreira deportiva, ata chegar ao seu zénit, cando militou na segunda categoría nacional.

Os estudos fixéronlle imposible seguir coa práctica federada. Durante o primeiro ano da carreira de Medicina intentou seguir vencellada ao voleibol herculino. Ía e regresaba en tren desde Santiago ata a súa cidade. Pero "o tren daquela non era como o de agora" e acabou por deixalo.

Ao rematar a carreira, o destino conduciuna ata Pontevedra, onde casualmente a súa parella daquela, que segue a ser a mesma de hoxe, era adestrador do CVPontevedra. Cadrou nunha das épocas máis brillantes da entidade pontevedresa a nivel deportivo.

Agora sacia a súa sede de volei na praia, onde tamén se pode divertir un e onde o seu corpo sofre menos. "Moita xente o elixe porque a area ten menos impacto nas articulacións".

O salto ao salto. Sobre todo, hoxe Marta González Femoso é atleta. Unha das especialistas da pértega da Sociedad Gimnástica, a súa nova casa. E, como chega unha xogadora de volei ao atletismo?

"Adestraba no CGTD e vía que había un grupo disciplinado e traballador. Os meus compañeiros faláranme moi ben da Gimnástica" e Santi Ferrer e Xulio Ventín invitárona a probar fortuna no club. Xa non houbo retorno.

Aproveitando as súas habilidades do voleibol, orientouse cara os saltos. Comezou co triplo, porque "no club estaban faltos de atletas desta disciplina", lembra. Pero os seus ollos pronto se deixaron seducir pola pértega.

"Encantábame, porque tiña unha compoñente ximnástica e unha técnica moi complexa". E a pesar do seu temor pola dificultade da aprendizaxe, acabou asimilando o novo coñecemento e progresando.

"Tiña case 30 anos cando comecei. Fun un pouco tardía", lembra. Pero tiña a vantaxe dunha deportista co corpo educado.

Porque nunca deixara o deporte na vida, nada máis que un ano na carreira. En Santiago fixera fútbol . "Na Universidade non había voleibol, pero un profesor da facultade de Medicina nos convenceu para que nos metésemos eu e outras compañeiras no equipo de fútbol. E como o deporte me tiraba moito, aceptei".

Aquel episodio só deu continuidade á súa actividade deportiva, impediu un longo paréntese nun momento de maduración física e persoal moi importante.

Agora está xa centrada no atletismo, nas alturas, aínda que en ocasións alterna con 60 valados e con triplo salto. E co volei praia en verán, claro.

Lembra con bo humor que o atletismo lle fixo descubrir os contratempos físicos: "as primeiras lesións foron co atletismo na Gimnástica".

Móvese nunha marca de 3,15, que logrou xusto antes de que chegase a Covid-19. "Cando mellor estiven foi xusto antes da pandemia. Sabía que nesa temporada ao aire libre ía mellorar os 3,15, pero non se puido. Non sei se volverei algún día a estar preto de onde cheguei", láiase.

E é que despois seguiu a pandemia e chegou o momento da maternidade. Unha paréntese que non lle permitiu retornar ata o setembro pasado. Actualmente adestra menos do que lle gustaría, pero se non pode ir practicar ás pistas, fai un par de horas de ximnasio para fortalecer músculo. O seu obxectivo é o European Master Athletics indoor de febreiro en Braga.

Nai, doutora de Urxencias, atleta, xogadora de volei... "Non fago nada máis", di. Só faltaría que si.

Comentarios