Samieira vibra sobre dúas rodas

O Club Ciclista Samieira nace para recuperar a actividade deportiva da parroquia e devolver ao calendario a súa tradicional carreira de BTT, que se comezou a celebrar en 1992
Os membros do CC Samieira durante a súa presentación. GONZALO GARCÍA
photo_camera Os membros do CC Samieira durante a súa presentación. GONZALO GARCÍA

Samieira sempre tivo paixón polo ciclismo: polo de estrada e, en particular, polo de montaña. Para canalizar esa afección e dar continuidade á historia deportiva da parroquia, que leva máis de tres décadas vencellada ás dúas rodas, naceu o Club Ciclista Samieira.

A entidade ten dous grandes obxectivos: por unha parte, ofrecerlle aos veciños da localidade e da contorna a posibilidade de practicar a modalidade de forma federada; por outra, recuperar e consolidar a proba de BTT que comezou a celebrarse en 1992.

O club presentouse o pasado mes de xaneiro e aproveitou a ocasión para homenaxear unha das persoas chave na historia do deporte local, José María Alonso, considerado o primeiro ciclista de Samieira. "El foi o que fixo nacer o ciclismo na parroquia", confirma o presidente da institución, Nacho Uhía.

Polo de agora, un total de 26 corredores forman parte do club, dos cales a meirande parte son veciños do lugar. O fomento do deporte local a través da paixón polo ciclismo é unha das motivacións do club, pero iso non implica que teña as portas pechadas a persoas doutras zonas xeográficas. De feito, un veciño de Deiro e outro de Marín, sen ir máis lonxe, forman parte do grupo, que normalmente organiza saídas matinais os domingos para facer piña e gozar da bicicleta, sexa no monte, sexa na rota por estrada.

Aínda que son minoría, o CC Samieira tamén conta con mulleres nas súas ringleiras: concretamente dúas. Os compoñentes xa federados da institución oscilan entre os 30 e os 70 anos.

O conxunto non concede unha gran relevancia aos resultados deportivos. Gañar non é nin unha prioridade nin un fin. Si o é a posibilidade de competir baixo a disciplina do club e gozar das probas nas que toma parte como colectivo.

De feito, o grupo poderá acudir co mesmo maillot ao Desafío Lagos de Covadonga, proba cicloturista que se desenvolve a finais da primavera e que conclúe na mítica cima asturiana.

O que non conta o conxunto é con rapaces. A existencia no municipio do Poio Bike Club, que traballa con deportistas desde as idades máis novas, disuade o Samieira de organizar unha escola deportiva, ao entender que o club veciño está a desenvolver un bo traballo e xa cobre esa necesidade social. Iso non implica que os menores que desexen contar con licenza do club non poidan dispoñer dela, xa que non hai restricións para formar parte da entidade.

"Intentamos que outros barcos veñan ao noso porto, e non ir nós a outros portos", explica o presidente para deixar clara a vontade acolledora da entidade como representación do ciclismo da parroquia.

Un membro do club nunha proba recente. CEDIDA
Un membro do club nunha proba recente. CEDIDA

O CC Samieira forma parte xa dunha historia de amor polas dúas rodas que comezou en 1992, ao acocho da Sociedade Cultural e Deportiva de Samieira, encargada da organización da primeira edición da carreira de bicicleta de montaña e promotora do primeiro club dos catro que artellaron a actividade ciclista desde aquel momento e ata hoxe.

Mesmo antes de que a Federación Galega promovese e organizase probas no calendario oficial, Samieira comezou a contar coa súa propia competición.

Entre o 92 e o 98 celebráronse as primeiras edicións. Daquela a carreira sufriu un parón e non se retomou ata 2006, da man do CC Monte Abaixo. Durante once anos, ata 2017, e paralelamente a unha proba de duatlón cros, Samieira volveu gozar da carreira.

Daquela o ciclismo detívose. Agora o CC Samieira pretende devolvelo ao máximo esplendor.

O 27 de abril regresa a proba

Cunha mestura entre o circuíto tradicional, no que se inclúen treitos emblemáticos, e novas e atractivas zonas de paso, o CC Samieira ten xa definido o traxecto e a data de regreso da proba de BTT: será o 27 de abril.

A carreira será puntuable para a Copa Galicia. O club quere consolidala e soña con que algún día forme parte da Copa de España ou teña carácter internacional.

Comentarios