A poiense Carolina Santos Villalón e o representante do AA Mazi Darío Núñez foron os gañadores da décima edición da Milla Solidaria Anedia que se levou a cabo este domingo á mañá nas pistas do Centro Galego de Tecnificación Deportiva como acción de promoción da loita contra a diabetes.
Santos Villalón obtivo o triunfo cun rexistro de 5:20.74 para chegar no primeiro lugar á meta de forma destacada, con oito segundos de marxe sobre Celia Castro, do Mazi, que rematou no segundo lugar. A terceira praza correspondía a Cristina Estévez, do At. Feminino Celta.
En homes, Núñez pechaba a súa actuación cun tempo de 4:55.02, correndo practicamente so as algo máis de catro voltas á pista. Por detrás del, cun tempo de 5:03.09 finalizaba Mohamed Lachhab, do Atletismo Cuntis (5:03.09).
Medio milleiro de participantes estiveron presentes nesta edición, que foi moi especial porque tamén houbo lugar para a celebración da primeira proba oficial de Gustavo Dacal como lanzador de xavelina adaptada, con récord de España incluído.
Ademais de dar a oportunidade aos deportistas populares, tamén foi unha boa ocasión para que federados de alto nivel e outros de diferentes grupos de idade puidesen poñerse a proba.
Así, Jacobo Soler gañou os 800 metros. Un bo test para o vigués do Grupompleo, pupilo de Gonzalo Méndez, que concluíu con 2:00.12, correndo en solitario e por diante de Diego Carragal, do Rías Baixas, e Brandol Ferreira, do Illa de Tambo.

Multitudinaria presenza nos 500 metros sub-10, que en rapazas rematou con vitoria para Nadia Conejo, do SA Trega. En rapaces houbo triplete para o SD Car. O máis rápido foi Adrián Sacristán, que superou a Mateo Menéndez e Daniel Barciela.

Na categoría sub-12, os máis veloces nos 500 metros foron Daniela Bayón, do Cambados Seguros Noval entre as rapazas (cun rexistro significativo de 1:28.04). Por detrás dela remataron Carmen Castroagudín, do +9 Moraña, e Carmen Martínez, do Trega. Manuel Martínez, de El Canario, impúxose a Andrés Omil (Pinarium) e Diego Virel (Gimnástica), entre os nenos.
Nos 1.000 metros de idades sub-16 e sub-14, a vitoria correspondeu a Nihal Benjerada, do San Miguel de Marín, cunha marca de 3:11.50, por diante de Laura Porto, do Rías Baixas, e Ainoa Galán, do +9 Moraña. En homes, Juan Sieira, do Negreira, bateu a Bisrat Mein e León Veiga do Pinarium.

Foi unha xornada festiva, na que a chuvia deu unha tregua e un respiro aos deportistas, que gozaron de bo tempo e moi boas temperaturas para faceren boas marcas por unha causa solidaria.