A saúde limita ao Pontevedra

Os contratempos estivais sacuden a preparación do equipo de Luismi, que non acaba de ofrecer a súa mellor imaxe
Javi López traballando xunto a Manu Barros coa mente posta na súa recuperación. JOSÉ LUIS OUBIÑA
photo_camera Javi López traballando xunto a Manu Barros coa mente posta na súa recuperación. JOSÉ LUIS OUBIÑA

A pretemporada marcha a un ritmo diferente ao que lle gustaría a Luismi. O plantel do Pontevedra está a padecer unha gran cantidade de contratempos físicos que se están a manifestar nas primeiras semanas de traballo e están a condicionar a planificación da escadra da cidade do Lérez.

Ata media ducia de mancados por diferentes problemas mediatizan as sesións do colectivo granate, que ademais non está a ofrecer as mellores sensacións nos seus compromisos estivais, a 20 días vista para o comezo da temporada oficial.

O último en caer en desgraza foi Álvaro Bustos. O estremo asturiano tivo que retirarse de maneira prematura do partido contra o Real Madrid Castilla, que se disputou o pasado xoves no campo de Baltar de Portonovo. Os servizos sanitarios do club están á espera de poder realizarlle unha proba para determinar con exactitude o alcance da súa doenza. As primeiras impresións é que se trata dun simple pinchazo no abductor que, de entrada, lle impedirá tomar parte no encontro contra o Atios que se disputará mañá na parroquia porriñesa.

Chove sobre mollado na liña de exteriores da escadra da cidade do Lérez, porque Pedro Vázquez e Javi López tampouco están dispoñibles ata a data. O futbolista vigués prosegue co proceso de recuperación da súa operación de apendicite. Comezará a realizar exercicios máis intensos a partir do luns.

Javi López aínda non puido retornar a actividade competitiva, a pesar de que xa completou a súa rehabilitación trala rotura de ligamento cruzado anterior do xeonllo que padeceu a finais do outono pasado.Os problemas tamén afectaron aos dous puntas que ten no plantel o Pontevedra Club de Fútbol. Javi Pazos parece a punto para retornar, despois de padecer molestias no rector anterior do cuádriceps, pero a prudencia podería impedir que tomase parte no duelo de mañá. O que xa está a actuar co conxunto é Adighibe, despois de superar unha forte inflamación de xeonllo que o mantivo á marxe do traballo máis esixente do colectivo durante algunhas xornadas.

O caso máis preocupante, sen chegar a incorrer en alarma, é o do central Pol Bueso. O xogador levantino tivo unha sobrecarga no recto anterior do cuádriceps, o que obrigou ao corpo técnico e os servizos sanitarios da entidade a frealo para evitar riscos maiores, xa que a doenza que lle afecta, unha das máis frecuentes nas pretemporadas, require delicadeza pola dificultade de recuperación que implica.

A enfermaría segue sen baleirarse e é un problema máis para un colectivo que aínda parece lonxe de ofrecer o seu mellor nivel de acoplamento deportivo.

Comentarios