A SD Teucro presenta a súa 'inefable' campaña de socios para a tempada 2021/22

O tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández, anima á “familia teucrista a acompañar ao equipo nesa montaña rusa de emocións e espectáculo á que nos ten acostumados” 
Sin nombre
photo_camera Sin nombre

A presentación da campaña, que inclúe un vídeo promocional e un cartel, contou coa presenza dos xogadores Marko Dzokic e Alba Piñeiro, así como da concelleira de Turismo, Yoya Blanco  


Pertencer á familia teucrista leva asociado de xeito inherente sufrimento, alegrías, tensión, nervios, sacrificio, entrega, personalidade, sacrificio… Unha morea de emocións que a SD Teucro decidiu sintetizar nunha soa palabra, ‘Inefable’, para apelar a ese inexplicable sentimento azul na súa campaña de captación de soci@s de cara a unha tempada 2021/2022 que, sen dúbida, non defraudará en ilusión e espectáculo. 

A iniciativa, que inclúe o deseño dun cartel publicitario protagonizados por xogadores do equipo pontevedrés, foi presentada esta mañá na Sala de Prensa do Teatro Principal nun acto no que estiveron presentes o tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández; a concelleira de Turismo, Yoya Blanco; o directivo teucrista José Diz, e a responsable de Márketing do club, Laura del Castillo. Nun acto no que tamén estiveron presentes os integrantes dos planteis sénior masculino e feminino Marko Dzokic e Alba Piñeiro, Tino Fernández expresou o seu orgullo e o do Concello de Pontevedra “por contar ano tras ano cun club como a SD Teucro, que leva anos xogando ao máximo nivel, que xamais defrauda en entrega e corazón e que sempre nos ofrece momentos irrepetibles de balonmán”. “Para que isto sexa posible -sinalou o edil socialista- o equipo precisa apoio institucional, pero sobre todo, do insubstituíble e esencial calor do público, polo que desde aquí animo a toda a familia teucrista a acompañar ao club nesa montaña rusa de emocións e espectáculo á que nos ten acostumados”. 

Segundo explicou José Diz, “conscientes da situación que estamos a padecer coa pandemia, decidimos facer un esforzo e apostar polos mesmos prezos da tempada pasada, facendo referencia ao noso número simbólico 75 –o do recente aniversario do club, fundado en 1945, e o do custe do abono anual sénior–”. Unhas cotas especiais que tamén se manteñen para os socios infantís –20 €–, xuvenís –30 €–, estudantes –45 €– e bonificados –50 €–, así como para as cotas familiares –150 € para dous carnés sénior e dous de socios menores de 25 anos–. Os carnés poderán renovarse nas oficinas do club de luns a venres, en horario de 11:30 a 13:00 horas, ou ben online a través das redes sociais teucristas –publicarase o enlace con esta finalidade–. 

Laura del Castillo afirmou que a elección do termo ‘Inefable’ busca expresar “algo que non se pode explicar con palabras, que é o sentimento teucrista e de pertenza á familia azul, é dicir, un conxunto de emocións e experiencias que van máis aló de ir a un partido de balonmán”. “Non só están os mozos -lembrou-, tamén temos ás mozas, que van seguir dando guerra e hai que seguir apostando por elas”. 

Tal e como apuntou José Diz, o obxectivo é que, na medida en que a Consellería de Sanidade nolo permita e respectando sempre os protocolos contra a Covid, os socios acudan ao Pavillón dos Deportes nos días de partido, poidan desfrutar e vivan unha experiencia inefable. A SD Teucro conta nestes momentos cunha masa social de seareiros dunhas 1.200 persoas. 

“O Teucro deunos moito e temos unha débeda que cumprir co club” 

O tenente de alcalde indicou que “por razóns obvias, eu son un ‘inefable’, un azul e un fanático do Teucro de toda a vida e todo o mundo sabe cales son as miñas cores favoritas desde hai moito tempo”, polo que “é un pracer participar na promoción desta campaña do club vicedecano do balonmán español”. Tino Fernández amosou o seu desexo de que esta tempada “sexa unha tempada chea de éxitos, a ser posible con un pouquiño menos de sufrimento que a pasada”, destacou “o importante papel do balonmán da historia deportiva desta cidade” e incidiu en que “hai momentos en que os equipos precisan do apoio incondicional da súa afección e, en xeral, da poboación dunha cidade”. 

“O Teucro -afirmou Fernández- tennos dado moito e creo que nós temos unha débeda que cumprir co club agora que os tempos non son tan bos. Hai que agradecer moito ademais o esforzo que se está a facer desde o club por potenciar o balonmán feminino”. 

Neste mesmo sentido, a concelleira Yoya Blanco lembrou que “o noso Teucro precisa, neste período tan complicado para o deporte, máis respaldo que nunca, non só económico –Visit Pontevedra incrementou este ano nun 10% a cantidade destinada ao patrocinio dunha decena de equipos da cidade, entre os que se atopa o Teucro–, senón, de xeito moi especial, desta afección única, que é capaz de marcar a diferencia cando as cousas están complicadas”. “Aínda que esta campaña escolleu unha palabra bastante acaída para apelar a ese sentimento teucrista, o que imos vivir este ano no Pavillón dos Deportes non se pode explicar con palabras. Ser do Teucro non se pode explicar con palabras. Somos azuis”, afirmou a edil do PSOE. 

Blanco felicitou á reponsable de Márketing do club tanto pola palabra elixida para esta campaña, “xa que ‘Inefable’ encántame”, como polo emprego de linguaxe inclusivo –en referencia ao Socixs do cartel–, e “como concelleira de Igualdade”, agradeceulle ao Teucro “a súa aposta e loita a prol dos dereitos das mulleres”. “Ademais do club sénior feminino, ten unha adestradora no masculino e fixo unha campaña específica con motivo do 8 de marzo. Este club é un referente para as novas xeracións”, apuntou a socialista.

Comentarios