O segundo debut de Iñaki

O estremo do Pontevedra xogou o seu primeiro partido de Liga en Pasarón co Pontevedra contra o Salamanca
Debutara co primeiro equipo na última xornada da temporada 2016-17, contra o Caudal de Mieres ás ordes de Luisito
Iñaki Martínez.DAVID FREIRE
photo_camera Iñaki Martínez no adestramento de onte do Pontevedra. DAVID FREIRE

A proba de que se pode debutar dúas veces co mesmo equipo é Iñaki Martínez. O estremo do Pontevedra volveu vestir a camisola do primeiro conxunto granate en partido oficial tres anos e medio despois da súa primeira aparición coa elástica lerezana. Daquela fóra lonxe da casa, cando era xuvenil, nun encontro sen trascendencia clasificatoria e sen o calor de Pasarón. Desta volta, foron nove minutos entre a prolongación e os intres finais do tempo regulamentario, unha ocasión de gol e a impagable sensación da trascendencia. E todo na casa, entre catro cálidas paredes de formigón que sempre guían o camiño, aínda que nas butacas se respire o baleiro.

No seu álbum de lembranzas non se borrarán nin esta nin aquela oportunidade vivida con 17 anos, e que el relata como se fose onte. "Levabamos un ano moi bo no equipo xuvenil (que ascendeu a División de Honor). Durante a semana, Óscar Guimeráns díxome que ía ir adestrar co primeiro equipo e que podía viaxar xunto con Juan e Jesús a Mieres para xogar contra o Caudal. O sábado xogamos contra o Vitoria e á mañá seguinte erguinme cedo para coller o bus para ir a Asturias. Cando estaba quentando, chamoume Luisito para facer o último troco, e sentinme como nunha nube. Non o esperaba".

Desta volta a ilusión parece máis seria, porque ademais de ser máis relevante, a súa aparición estivo a piques de traducirse na portería contraria co gol do triunfo que ao final rubricaría Charles de penalti.

"Jesús díxome que xogase como sabía e que se tiña algunha ocasión de pegarlle a portería, que non o pensase, que o partido estaba para gañar, que o punto non valía". E así foi. Chegou o momento no que Álex González filtrou un balón á área e Iñaki estivo a piques de bater a meta rival. "O primeiro que pensei foi en deixarlla de cara a Romay, pero como chegaba un rival, preferín controlala, xirarme e ver portería. O control foi longo e non puiden engatillar".

O remate final foi atallado polo porteiro visitante, o mellor home do Salamanca CF UDS o domingo. Con todo, o balance do atacante pontevedrés foi moi satisfactorio, pola "ilusión de poder volver xogar un partido con este equipazo e que houbo a sorte de levar os tres puntos".

CRECER. Iñaki pensa agora en "crecer o máximo como xogador rodeado destes cracks cos que estou adestrando cada día e poder disputar os máximos partidos posibles, sempre a disposición do míster para o que precise".

Se hai algo que o define é a humildade. Seguramente por iso chegou ao primeiro plantel do cadro lerezano. A súa capacidade para aceptar o seu papel axúdalle a manter o nivel de concentración no día a día. "Cos compañeiros que hai, todo é moi sinxelo. Temos que ser conscientes de que o club fixo un investimento grande este ano e que hai xogadores por diante nosa. Temos que saber cumprir ese rol de estar na sombra e cando hai unha oportunidade, cumprir no campo, porque o equipo o precisa".

DEPORTIVO. O partido correspondente á sétima xornada de Liga do grupo 1-A de Segunda B que medirá ao Pontevedra Club de Fútbol e ao Deportivo de La Coruña disputarase en Pasarón o sábado 5 de decembro ás 17.00 horas. O Pontevedra tamén xogará este mesmo sábado, contra o Compostela, a domicilio e á mesma hora, en directo pola TVG.

Más en Deporte Local Pontevedra
Comentarios