O marinense Manuel Lorenzo, da Sociedad Gimnástica, e a poiense Carolina Santos Villalón, rapaza aínda en idade xuvenil do Ría de Ferrol, venceron a Carreira da Truco, que se celebrou este domingo á mañá.
Arredor de 400 deportistas participaron nunha proba que se celebra en Seixo e ao longo da costa, tomando como referencia de saída e chegada a Casa da Cultura da parroquia.

Na proba masculina, Manuel Lorenzo non deixou espazo para as sorpresas e fixo valer a súa maior experiencia e mellor ritmo de carreira dentro dos participantes para subir ao máis alto do caixón. Non puideron seguir o seu ritmo diabólico os demais participantes. Na segunda praza accedeu á liña de chegada Alan Sardinero, encabezando a participación do club organizador, o Club Deportivo Pinarium. Tamén do Pinarium atravesou no terceiro lugar a meta Diego González.
A proba feminina tamén contou cunha notable participación por parte do Pinarium, conxunto moi implicado na actividade atlética do concello marinense e da comarca en particular. Carolina Santos Villalón controlou a carreira para ser a máis rápida por diante dunha das clásicas do atletismo da contorna, a veterá María Aurora González, que finalizou no segundo lugar, por diante da súa compañeira de club, Paula Rosales, que rematou no terceiro lugar.
Os deportistas completaron un percorrido de oito quilómetros que surcou a costa marinense polas praias de Aguete, Mogor e Portocelo para dar media volta e retornar en dirección á Casa da Cultura de Seixo.
Pero ademais da proba absoluta, na que tomaron parte uns 60 atletas, tamén houbo tempo para as competicións dos diversos grupos de idade. Un momento que aproveitaron os máis novos para poñer a proba as súas capacidades e habilidades e para entrar en contacto co atletismo popular. Aproximadamente 80 rapaces tomaron parte nas carreiras dos diferentes grupos de idade, que percorreron desde os 50 metros dos máis pequenos da casa, ata os 500 metros dos cadetes.
A carreira, organizada pola Asociación Comercial ACEMAS en colaboración co concello de Marín e do Club Deportivo Pinarium, co gallo da festividade de San Brais, celebrouse baixo un magnífico tempo solleiro, aínda que con baixas temperaturas, particularmente para os rapaces.
Ademais, tamén se levou a cabo unha andaina, modalidade claramente en crecemento, na que tomaron parte preto de 250 persoas que puideron facer exercicio e ao mesmo tempo gozar das paisaxes que ofrece o percorrido, paralelo á cara Sur da ría de Pontevedra.