"Será moi emocionante falar de deportistas ás que admiro"

O deporte sempre foi unha debilidade para a xornalista Silvia Vieito, por iso leva unha década comentando competicións deportivas de todo tipo na cidade. En setembro ten unha cita moi importante, xa que Pontevedra será a encargada de celebrar a Gran Final das Series Mundiais de Triatlón
A xornalista Silvia Vieito co cartel da Gran Final das Series Mundiais de Triatlón. DAVID FREIRE
photo_camera A xornalista Silvia Vieito co cartel da Gran Final das Series Mundiais de Triatlón. DAVID FREIRE

Pontevedra acollerá unha competición internacional de triatlón, que significará para a cidade?Creo que aínda non o podemos imaxinar, xa o Mundial Multideporte de 2019 foi impresionante, pero nesta ocasión vaise concentrar todo en menos días de competición. Ademais, haberá moito nivel porque as seleccións estarán buscando a praza. Para min vai ser moi emocionante falar de como están competindo deportistas ás que admiro.

Este evento incentivará que na Boa Vila se celebren máis probas desta magnitude?
Pontevedra xa ten planificado bastantes celebracións deste tipo noutras modalidade, por exemplo nas loitas olímpicas, e busca sempre acoller probas desta magnitude. Pontevedra ten una relación especial co triatlón, tamén é certo que é difícil chegar a celebrar una proba de tan alto nivel como esta noutros deportes. Igual en ciclismo é imposible acoller un mundial porque ao final son eventos reservados a grandes cidades que teñen outra infraestrutura. É moi relevante que a cidade consiga isto no triatlón por toda esa traxectoria que comenzou en 2008 organizando probas de alto nivel, a xente marcha moi contenta de Pontevedra porque todas as competicións adoitan saír perfectas, desde a policía, os voluntarios ata sectores como a hostelería actúan de forma moi eficaz. A Federación Internacional de Triatlón valora moito a capacidade de organización que ten esta cidade.

"No mundo deportivo todas as figuras femininas que participan teñen que demostrar o triplo para que se lles recoñeza o seu traballo"

Cal será o seu papel nesta competición internacional?
Comento probas deportivas de calquera tipo dende 2003, no triatlón sinalo a saída e vou contando como se desenvolve a proba ao público asistente pola megafonía do evento. Esta será a miña relación con este evento, transmitir a emoción da proba a todas as persoas que estarán presentes. O meu obxectivo tamén é comentar a competición dunha forma que sexa un espectáculo divertido. Aínda que traballo como xornalista na sección local, sempre me gustaron os deportes e teño a sorte de que o concello de Pontevedra conta conmigo para comentar este tipo de probas.

Como comezou a interesarse polo mundo deportivo?
O deporte sempre me interesou de forma xeral, o fútbol gustoume desde toda a vida e a miña afección polo triatlón venme por ser de Ferrol. Tiven que pasar as probas de Gómez Noya no seu momento e enganchoume.

Considera que continúan vixentes neste sector os prexuízos de ser un mundo para homes?
Sí, totalmente, coma en todos os ámbitos en xeral. Aínda que é necesario remarcar que no deporte desde as xornalistas, adestradoras, deportistas, árbitras ata calquera figura feminina que participe ten que demostrar o triplo para que se recoñeza o seu traballo e para poder chegar ao mesmo nivel que os homes.

Como foi a súa experiencia nel?
A verdade é que como en todo momento tiven referentes femininos, por exemplo Mónica Flores no triatlón, estiven sempre nun entorno seguro. Ademais adoito a traballar en relación co triatlón e é un deporte que ten bastante presente a igualdade. Nas competicións pódese observar esa presenza de concienciación tanto nas deportistas como na presenza de árbitras. Este deporte busca a equidade máis ca noutros deportes, aínda que é certo que a igualdade total non existe todavía.

Comentarios