Sergio Baxter e Antonio Serrat logran un dobrete para España na Copa do Mundo

O murciano levou o triunfo cun ataque sobre o vigués e o suízo Studer nos últimos 2.000 metros. A checa Kurikova gañou a emocionante carreira feminina cunha brillante remonta.

Sergio Baxter e Antonio Serrat lograron un dobrete para España na proba masculina da Copa do Mundo de Triatlón que se disputou este domingo en Pontevedra

O pelotón masculino non permitiu que a carreira tolease, como si o fixeron horas antes as triatletas. Baxter foi o mellor dun trío cabeceiro que acabou desbrozando o camiño ata xogar o triunfo na última volta a pé. Superou a Antonio Serrat e ao suízo Max Studer, que pechou o podio: os tres aparecían dentro das quinielas para a consecución do título e os tres cumpriron co seu papel, coa pequena desilusión para o propio Serrat, que se laiaba ao chegar á meta no segundo posto.

Na auga, o grupo non rachou en mil anacos. As diferenzas que se produciron non foron moi grandes. Na volta longa ao río, o francés Morlec e o portugués Silva marcaban o ritmo. Un regueiro de triatletas retornaban á plataforma de saída para principiar a segunda volta, a máis curta. Serrat pasaba lonxe das primeiras posicións.

A saída da proba. GONZALO GARCÍA
A saída da proba. GONZALO GARCÍA

O vigués reaccionaba sensiblemente durante a segunda volta para evitar unha fenda que lle obrigase a correr a contrapé despois da primeira transición. Con Morlec, Harley e Schomburg na cabeza, os deportistas saíron da auga sen grandes distancias e pronto se formou un numeroso pelotón de 34 unidades, no que se atopaba Serrat e o marroquí Jawad Abdelmoula, pero no que non estaban Sergio Baxter nin Max Studer, que no primeiro paso polo CGTD perdían preto de medio minuto.

Sen embargo, a falta de entendemento por diante e a determinación na persecución permitiu que tanto o murciano como o helvético entrasen no grupo principal xunto a outros oito corredores.

Serrat intentou sorprender na terceira volta cun ataque que non foi a ningures pola vixiancia exercida cara ao vigués de Pontevedra. O máis salientable da bicicleta foi a caída do marroquí Abdelmoula, que non puido rematar a proba, despois de demostrar as súas magníficas condicións na carreira das Series Mundiais de Hamburgo, onde subiu ao podio.

O marroquí Abdelmoula, favorito ao triunfo final, non puido rematar a proba por unha caída

No cambio aos tenis de carreira, Studer colleu o mando da proba e marcou un ritmo selectivo que foi descolgando a rivais, ata deixalo a soas con Serrat na zona do Mercado, na rúa Sierra. Pouco despois se lles sumou Baxter, peor colocado. Por detrás, o inglés Izzan Barclay e o luso João Pereira parecían as únicas ameazas para o estatus dos tres homes do podio. Un grupo cun trío de alemáns e o tamén español Grau parecía xa descartado para os metais.

O trío do podio durante o treito a pé. GONZALO GARCÍA
O trío do podio durante o treito a pé. GONZALO GARCÍA

As diferenzas cos demais ían crecendo, con Serrat e Baxter buscando a cabeza puntualmente e Studer pretendendo algún cambio de ritmo no descenso da terceira volta por Don Gonzalo e César Boente. Sen éxito para el, todo quedou para o último xiro. E subindo por Pasantería por última vez, Baxter arrancou coma un lóstrego, reventou a Studer e malia o seu esforzo por seguilo, Serrat tamén cedeu. O murciano chegou cuns metros en solitario á meta, por diante do vigués de Pontevedra e do helvético, que pechou o podio da carreira.

Kurikova reina no medio da tolemia colectiva

A checa Petra Kurikova foi a triunfadora da categoría feminina cun tempo de 1:57.43, nunha proba marcada polos trocos de posicións e polo ataque desde o treito de natación dun selecto grupo de seis deportistas. Unha das principais favoritas, a xermana Lisa Tertsch, rematou no segundo posto despois dunha prodixiosa remonta na que lle sobrou a última volta do treito a pé.

Kurikova, entrando na meta. GONZALO GARCÍA
Kurikova, entrando na meta. GONZALO GARCÍA

As británicas Alden e Waugh, a belga Vermeuylen, a alemana Meißner, a francesa Gautier e a ucraína Kyryk afastaron as demais nunha primeira volta de natación sen contemplacións. Na T1 metéronlle 20 segundos a un trío no que estaba a española Anna Godoy e máis de 40 ás favoritas.

A ucraína quedaba atrás e deixaba o grupo de cabeza en cinco. Por detrás, formábanse dous pelotóns numerosos. A dorsal número 1, Anabel Knoll, estaba no primeiro deles, no que tamén se incrustaba a gañadora final. Uns segundos máis atrás, Tertsch non racaneaba no esforzo ata cazar o primeiro grupo perseguidor.

Noelia Juan foi a mellor española na competición feminina ao rematar no sexto lugar

As diferenzas entre as cinco á fronte incrementáronse sobre o numeroso bloque perseguidor, ata chegaren á T2 con case un minuto de renda. Mentres o quinteto de cabeza se mantiña máis ou menos unido, con Vermeylen a uns metros, Tertsch arrancaba a moto por detrás e deixaba atrás a tódalas súas compañeiras de viaxe. En dúas voltas, a xermana capturaba o quinteto cabeceiro e deixábao atrás. Corría cara o que parecía un triunfo seguro. Pero Kurikova chegaba forte desde atrás, recollendo cadáveres. Foi constante no esforzo e mediu mellor o seu gasto e no último paso pola Michelena cazou e deixou  atrás á prometedora teutona para levar o ouro. Prata para Tertsch e bronce para a francesa Sandra Dodet.

A mellor española foi Noelia Juan, que finalizou sexta, mentres que Míriam Casillas tivo que retirarse despois de sufrir unha caída na saída da auga.

Unha atleta exhausta trala súa chegada. GONZALO GARCÍA
Unha atleta exhausta trala súa chegada. GONZALO GARCÍA

Comentarios