Antonio Serrat cumpriu co primeiro requisito da Federación Española de Triatlón (FETRI) para clasificarse para os Xogos Olímpicos de París 2024. O vigués formado no Centro Galego de Tecnificación Deportiva ocupa a décimo cuarta posición do Ranking Mundial Olímpico, cando se dá por pechado o período para a suma de puntos deste curso. É dicir, cumpre co segundo criterio proposto para facerse acredor de unha praza nominal masculina para estar nos seus primeiros Xogos Olímpicos: a de finalizar como mellor español o presente 2023 e ademais facelo entre os 15 primeiros clasificados do universo tríatlon.
A partir de agora, Serrat só competirá contra o seu estado de forma e as lesións para garantir a súa presenza en París. E é que unha vez superada a primeira barreira de selección, os responsables técnicos da FETRI, realizan un seguimento cunha esixencia de estado de forma dos seus deportistas, coa fin de que cheguen nas condicións máis adecuadas posibles á cita olímpica.
Isto deberá manifestarse cunha consecución de resultados positivos ata tres meses antes da celebración dos Xogos de París. De tal maneira, Serrat deberá superar un dos dous seguintes desafíos:
a) Lograr un top 12 nunha proba das World Series 2024 previas a París no período sinalado.
b) Rematar en dúas probas da Copa do Mundo entre os cinco primeiros clasificados ou facelo en competicións consideradas do mesmo status e publicadas como tal no calendario internacional a finais do presente 2023.
Serrat pecisa un top 12 de World Series ou dous top 5 de Copa do Mundo antes dos Xogos
Desta maneira, os responsables federativos pretenden manter a tensión competitiva e a responsabilidade deportiva nos seus atletas, neste caso en Antonio Serrat. No caso de non cumprir con eses obxectivos, o vigués perdería o dereito de praza directa e serían os técnicos da FETRI os que recuperasen o poder de decisión sobre a praza en base aos seus criterios técnicos, que ademais serán os que determinarán as outras prazas españolas.
Malia non ter vivido a súa mellor temporada, Serrat conclúe o curso 2023 con 4.601,82 puntos do Ranking Mundial Olímpico, cunha marxe de máis de 400 puntos sobre o décimo quinto e décimo sexto clasificados e con ampla vantaxe sobre Roberto Sánchez Mantecón, segundo español, vixésimo desa clasificación.
España ten garantida a presenza de dous homes e dúas mulleres en París, grazas á clasificación da remuda mixta. Ademais, en categoría masculina ten unha situación moi favorable para a obtención dunha terceira praza.
O calendario
As probas individuais dos Xogos Olímpicos celebraranse o 30 e 31 de xullo, mentres que a remuda mixta será o 5 de agosto.
Anteriormente, o calendario deparará varias probas das World Series, comezando polo 2-3 de Marzo en Abu Dhabi, sobre distancia esprint. O 11 de maio levarase a cabo en Yokohama a segunda carreira e en Cagliari será a terceira, o 25 e 26 dese mes.
Quince días antes da celebración dos Xogos, en Hamburgo, terá lugar unha nova proba distancia esprint.
Xa para despois dos Xogos, o 14 e 15 de setembro será a proba de Montreal e do 17-20 de outubro, a gran final de Málaga.