Silvia Vieito: "Pontevedra pode aspirar a todo"

Xornalista da Cadena Cope en Ponevedra, dende, 2015, a súa foi a voz do Mundial de Triatlón. Un truco que ten: beber moita auga

Como se fai unha narradora e animadora de eventos deportivos, iso que se coñece como ‘speaker’?

A verdade é que o meu foi un debut ao grande. En Pontevedra, no Campeonato de España de Dúatlon de 2013. Ao traballar na radio e controlar o regulamento do deporte, porque ademais son xuíza, propuxéronme facelo e aceptei

Papel curiosísimo o dos xuíces do tríatlon. Chamou moito a atención no Mundial como freaban aos atletas para penalizalos.

En realidade, a área de penalización só existe en probas de categoría elite. Hai que dicir que, en xeral, isto non ten nada que ver con ser árbitro de fútbol e a reacción dos triatletas soe ser moi respectuosa. Despois, nas probas populares ou nas infantís, a función que temos os xuíces é máis didáctica que outra cousa.

Vostede é de Ferrol. O dato é clave para entender como se afeccionou ao tríatlon.

Claro! Se es de Ferrol, segues a Javi Gómez Noya. E se o segues é moi sinxelo afeccionarse porque é moi espectacular ver como compite. Ao final engánchaste. Eu entrei en contacto co club local do Ferrol e así comezou todo.

É un deporte complexo e é un deporte que ten sona de duro. Hai que estar feito dunha pasta especial para practicar tríatlon?

Que va! Para nada. Pódeo practicalquera persoa, de calquera idade e características físicas. Tes que saber nadar e andar en bici. Nada máis. De feito, é un deporte que ano a ano suma federados porque non se fai aburrido nin monótono, e hai varias distancias. Precisamente en Pontevedra, no verán, vai haber unha proba aberta a todo o mundo con distancias ás que calquera se pode enfrontar.

Nada que ver con isto de tirarse á auga ás oito da mañá e chegar á meta ás dúas da tarde.

(Ri). Non, claro. Nada que ver. Nestas para todo o mundo, oNestas para todo o mundo, o sprint pode ser dunha hora. Ou mesmo da metade. De calquera maneira, na longa distancia á que te refires, iso de saír ás oito e chegar ás dúas é para os atletas de elite. O outro día había participantes que estaban entrando na meta ás nove da noite, cando estabamos entregando os premios na Praza de España.

Este Mundial foi o reto máis importante ao que se enfrontou como ‘speaker’?

Si, xunto co Mundial de Dúatlon, que tamén se celebrou en Pontevedra. Os campionatos de España tamén foron importantes. En realidade, a única particularidade que teñen estas probas é que traballas xunto a alguén que se ocupa da narración en inglés. O fundamental é non pisarse e que todo o público poida seguir a carreira. Neste caso do Mundial, as tres persoas que estabamos, eu co galego e co castelán e dous compañeiros, un asturiano e un húngaro, co inglés, levamos preparando o traballo dende comezos de ano.

Estiveron unha semana narrando o que sucedía nas distintas competicións. Iso é moito falar.

O último día, o da longa distancia, quedamos ás seis e media da mañá no estadio e rematamos ás dez da noite na cerimonia de clausura. Non falamos todo o tempo sen parar, evidentemente, pero foron moitas horas, si.

E ten algún truco para a voz?

A verdade é que nada concreto... Non fumo. E bebo moita auga. Ter a gorxa hidratada todo o tempo é importante. Tamén hai que dicir que nisto non se trata de berrar, senón de proxectar a voz. E en realidade, eu non sufro en narracións como a da competición de Pontevedra, porque a proba é divertida e a acción é constante. Hai outras que si que son máis complicadas.

E o mellor momento que viviu?

A entrada na meta de Javi [Gómez Noya] e de Pablo [Dapena]. Foi como o final perfecto. Todo saíra ben, pero se non chegan a gañar, non sería igual. A sensación que quedaría sería diferente. Xa antes, foi moi emocionante ver como no estadio, ao longo da carreira, a xente non agardaba a que comentaramos nada sobre Javi para animalo. Cada vez que saía en pantalla, berraba. Na entrega de premios igual. Cando dixen: «En primeiro lugar e campión do mundo, Javi Gómez...» o «Noya» xa non se escoitou. A entrega do público foi total. Impresionante.

"Se eu o fixera mal, se metera a pata, volveriamos ao de que as mulleres non valemos para isto. Debemos estar aí"

Activista feminista, o tríatlon é un deporte bastante exemplar neste sentido: mesmas distancias...

Mesmas distancias, mesmos premios, competicións ao mesmo tempo e no mesmo sitio... Si que o é. A Federación coida moito este aspecto. Ata especificar nas pautas organizativas que debe haber dous ‘speakers’, un home e unha muller. A porcentaxe de xuízas tamén está preto do 50%. No ámbito das comentaristas deportivas é especialmente importante esta conciencia porque hai moi poucas mulleres. Pouquísimas. Eu sinto esa responsabilidade de representarnos un pouco a todas. Porque é o de sempre: se o fixera mal, se metera a pata ou non demostrara o máximo coñecemento sería criticada eu e, por extensión, todas as mulleres. Volveriamos a o de que non valemos para isto etc. A pesar da cantidade de homes que fan este traballo sen ter idea dos regulamentos ou das competicións que narran, que se limitan a dicir dous nomes polo micro e facer un chiste. E non son xulgados. Eu animo ás mulleres ás que lles guste isto a dar o paso sen medo. Debemos estar aí.

O alcalde prometeu que ía haber máis tríatlon. A que pode aspirar Pontevedra?

Pontevedra pode aspirar a todo e, de feito, está facéndoo. É máis que unha posibilidade. Estase a barallar en firme acoller a final das series mundiais en 2023. Se Pontevedra quere, vaino conseguir.

Más en Deporte Local Pontevedra
Comentarios