O sintético condea ao Pontevedra ao sufrimento

O equipo granate perdeu cinco dos sete partidos que disputou en céspede artificial

Álex González disputa un balón no partido contra o Adarve. ADG-MEDIA
photo_camera Álex González disputa un balón no partido contra o Adarve. ADG-MEDIA

Se o Pontevedra segue vivo na súa loita pola promoción de ascenso a Segunda División non é grazas ao céspede sintético. O equipo granate ten atravesados os campos de chan artificial. Así o demostran os datos que mostra o bloque de Luismi no que vai de temporada.

Só sumou catro puntos nos sete enfrontamentos que leva disputados nesa superficie. E o peor de todo é que o seguinte duelo se disputará tamén sobre chan artificial, o domingo en Las Palmas.

A derrota contra o Unión Adarve a pasada fin de semana confirma a tendencia negativa da escadra de Luismi nese tipo de campos, o que tamén se traduce na perda de posibilidades de competir cos mellores da categoría.

Ata a data, o cadro da cidade do Lérez leva disputados sete duelos en campos sintéticos. Deles, perdeu cinco, empatou un e só gañou nunha ocasión. Dase a circunstancia de que a vitoria granate como visitante en chan manufacturado se produciu no Baltasar Pujales de Bouzas. Na nosa comunidade, os discípulos de Luismi non perderon aínda un enfrontamento. O seu poder en Galicia preveleceu sobre os seus problemas no céspede artificial.

O outro envite no que puntuou o Pontevedra sobre ese chan foi contra o Navalcarnero na segunda xornada do exercicio (1-1).

Nas outras cinco oportunidades producíronse derrotas. De feito, a goleada sufrida contra o Unión Adarve (3-0) non foi a única que encaixou o PCF na súa superficie maldita. É un marcador demasiado recorrente nesta campaña. A primeira vez que se produciu foi no Municipal de Boadilla del Monte, cando visitou ao Internacional de Madrid.

Aquel resultado, na quinta xornada da Liga, chegou no primeiro momento crítico do curso, nun comezo de Liga moi irregular. Despois de cinco semanas sen perder, o Pontevedra desprazouse a Guijuelo na décimo primeira tirada do campionato de Segunda B e perdeu tamén por 3-0, nun día para esquecer.

Quince días despois da derrota fronte ao bloque chacineiro, o Pontevedra desprazouse á Nueva Matapinoñera para competir contra o San Sebastián de los Reyes. A boa imaxe ofrecida polo equipo de Pasarón non foi de abondo para igualar o duelo (2-1).

Nos Anexos José Zorrilla, ao comezo da segunda volta, tamén perdeu o cadro de Luismi contra o Valladolid B (1-0).

A última derrota en sintético chegou o sábado pasado, para poñer fin a unha xeira de cinco triunfos consecutivas e sacar ao Pontevedra da zona de play-off.

A chave. O equipo cambia de rutina
Na procura das condicións máis aproximadas ás que atopará en Canarias no duelo contra o Las Palmas Atlético, o Pontevedra mudará a súa rutina de traballo desta semana.

O equipo granate comezará a adestrar unha hora máis tarde do usual, ás 11.30 da mañá.

Ademais, exercitarase en campos sintéticos algo menos modernos có de Cerponzóns. Mañá traballará en Zacande e o xoves e o venres levará a cabo a sesión na Xunqueira 1, sempre ao mesmo horario.

O duelo contra o Las Palmas será o domingo, ás 11.00 horas locais, unha hora máis tarde na Península Ibérica.

Comentarios