Unha bala? Unha pluma? Un Sansón? Un paxaro? Un superheroe? Cal é a mellor mascota para representar a Sociedad Gimnástica Pontevedra? Dentro duns días a cidade coñecerá a resposta a este enigma.
E é que o club pontevedrés traballa o corpo e a mente da súa xente cunha iniciativa novidosa que ten por fin, precisamente, atopar unha nova icona que unir ás súas cores e o seu escudo. Baixo a dirección e supervisión do responsable das escolas deportivas, Manuel Hurtado, abriu o concurso para atopar a mascota que acompañe os deportistas da entidade ás difernetes competicións nas que tomen parte ou organicen.
A actividade está aberta para aqueles seguidores da entidade, membros ou non da mesma, que estean dispostos a poñer as súas habilidades creativas ao servizo da causa.
Os interesados deberán realizar un debuxo ou un deseño e facerllo chegar ao club a través de correo electrónico antes da conclusión do 30 de novembro.
Despois dese prazo, un xurado composto polos monitores do club e das súas escolas deportivas elixirán os catro deseños que resulten máis atractivos para levar a cabo unha final.
Desde ese momento, abrirase un período de votación democrático nas redes sociais do club para proceder á escolla final de entre as finalistas preseleccionadas.