Alberto Castro, novo presidente do Club Natación Galaico

"Somos un club moi grande que comeza de cero"

▶ Mirando cara o futuro, facendo uso dun tono conciliador e disposto a traballar a carón da súa
xunta directiva para superar os grandes retos que afronta o club pontevedrés. Desa maneira
chega ao cargo o sustituto de Amparo Porta á fronte do Club Natación Galaico.
Alberto Castro. RAFA FARIÑA
photo_camera Alberto Castro. RAFA FARIÑA

CON MOTIVACIÓN e con moitas ideas na cabeza, Alberto Castro analiza o futuro do club, os retos que se propoñen e que en gran medida pasan pola solución do conflito do Complexo Rías do Sur.

Por qué dá o paso?

Hai un ano non había directiva e Amparo Porta chamounos porque vía que eramos os pais máis comprometidos co club nas competicións e nos campionatos. Ninguén quería entrar e falei co actual secretario, que é bo amigo meu, e accedemos os dous á directiva. Non era unha directiva que funcionase coma un bloque, xa que non nos coñeciamos moito. O paso de agora é porque a situación mudou. Ou é iso ou club pecha. Xa cos problemas que temos coa piscina é un milagre o que estamos resistindo. Queremos sacar o equipo adiante e que os rapaces poidan nadar. Queremos que todo o deporte de auga federado poida adestrar en Rías do Sur. O noso é un proxecto totalmente novo.

Séntese responsabilizado no seu novo cargo?

Levaba seis meses con moita responsabilidade, porque era o tesoureiro e o que máis me preocupaba era pagar ao día aos traballadores. Son seis persoas con nómina e é moito diñeiro o que investimos en salarios. A miña prioridade era que cobrasen. A responsabilidade é alta e haberá quebradeiros de cabeza, pero poñemos a parte que nos corresponde como socios que somos e sobre todo, o noso traballo.

Falou dun proxecto novo. En que vai ser novo?

Desde a nova directiva, cremos que tiñamos moi abandonada a publicidade, o patrocinio privado, a páxina web: todo o que supón mobilización e imaxe do equipo. Cremos que hai que melloralo. É un club con moita historia, con altos e baixos. Temos que aprender dos erros do pasado. Nun mes xa fixemos moitos avances con contactos.

Como persoa de cifras, entendo que é consciente da necesidade da captación de recursos para os seus proxectos?

Levamos un mes falando con moitas empresas. Encontramos de todo. Non atopamos tódalas portas pechadas. É a única maneira de sobrevivir. Por culpa do conflito da piscina imos perder subvencións por non poder organizar competicións. Hai que pensar que somos un club moi grande que comeza de cero. Non sabemos o que conseguiremos, pero estamos a sementar. Xa estamos a organizar uns cursos en Bueu... nesa liña tamén tempos posibilidades.

No comunicado de presentación da xunta directiva, falábase de novidades en piscina e augas abertas. En que consistirán?

Acabamos de recibir unha mala nova: o orzamento de Deportes de 2023 está pechado. Tiñamos un proxecto de organizar tres travesías que, se non sae en 2023, sairá en 2024. Xa está falado con Deportes. As augas abertas son o método de financiación dos grandes clubs de Galicia. Ademais, debemos facer por levantala, xa que é modalidade olímpica. Por outra parte, hai colexios que queren facer natación dentro dos horarios de Educación Física. Intentaremos artellalo dentro da piscina e organizar tamén un Open escolar. Seguimos coa actividade de Nadar es Vida posta en marcha pola Federación desde hai tres meses e queremos crear a Escola Municipal de natación, que agora non hai. Intentamos organizar moitas cousas, aínda que son difíciles de encadrar sen lámina de auga.

Como ve o conflito do Complexo Rías do Sur?

Estamos nunha encrucillada. Temos dereito a voto, pero un voto sobre cinco dentro da Fundación. Isto depende da Fundación e do Concello.

É optimista?

Teñen que ceder as dúas partes para chegar a un acordo se queren que o deporte federado siga adiante. Se non é imposible. Todo o mundo debe ceder.

Como viviu o conflito desde o comezo, desde que Supera pechou?

Son moitas noites sen durmir. Nunca sabes se vai haber, se a vas ter que contratar en Marín, en Bueu, nos Sauces...Foi unha tolería. Agora estamos estables. Pero en marzo debe estar solucionado o asunto da piscina de 50 metros.

Cal debe ser o futuro da piscina: seguir en mans da Fundación ou pasar a titularidade municipal?

É un tema moi delicado. O club non pode opinar demasiado. O único que queremos é ter lámina de auga.

Cales son os obxectivos deportivos da entidade?

Somos un equipo que debe volver nacer, que mire para atrás só para non repetir erros. O club é a base, os rapaces, que se formen e chegado a certa idade debemos apertar porque somos un club de competición. Así está escrito nos estatutos. Para nós: a Copa de España e o culmen sería sacar deportistas olímpicos.

Como valoraría a xestión da directiva anterior e de Amparo Porta?

Amparo estivo traballando duro en tódalas competicións, pero supoño que habería moitos problemas que mermaron a directiva.

Más en Deporte Local Pontevedra
Comentarios