O soño americano do atleta pontevedrés David Vicente

O pupilo de Gonzalo Méndez foi admitido pola California State University de Fullerton para realizar os seus estudos universitarios e continuar coa súa carreira deportiva
20220324_Dfreire_032
photo_camera David Vicente posando á beira do río Lérez. DAVID FREIRE

David Vicente convertirase no primeiro atleta da cidade do Lérez becado nunha universidade dos Estados Unidos. Vicente foi seleccionado para estudar na California State University de Fullerton, onde seguirá a desenvolver a súa carreira atlética.

"As ganas de dar o máximo de min a nivel atlético e poder garantir o meu futuro nunha boa universidade", foron o motivo da decisión do mozo de 18 anos.

O pupilo de Gonzalo Méndez, especialista nos valos altos e actualmente membro do Playas de Castellón, proxecta facer unha carreira en Marketing e Empresa mentres segue cos seus adestramentos ao máximo nivel.

O rapaz obtivo diversas referencias tanto da vida atlética dos estudantes universitarios como do propio campus de Fullerton, o segundo máis grande da California State University. A opinión de Diego Courbis, atleta cántabro que estivo durante seis anos no mesmo centro no que vai estudar Vicente, foi un elemento moi importante á hora de disipar dúbidas.

"En España non hai demasiadas oportunidades, non se fomenta compatibilizar a carreira deportiva a un bo nivel e seguir cos estudos"

A lingua e o clima foron factores a ter en consideración na procura do destino. "En California hai bastantes hispanos. Vou poder falar bastante castelán, aínda que non creo que vaia ser un problema expresarse en inglés. Confío adaptarme pronto".

O tempo de California é o ideal para a práctica do atletismo, xa que os invernos son moi benignos e facilitan o adestramento e a competición de disciplinas tan explosivas como os 60 e 110 metros valos, de esforzo anaeróbico

Vicente seguirá competindo en verán en España, polo que non afronta a súa saída como unha despedida. "Vou a un lugar no que non coñezo a ninguén e ninguén me coñece. Pero tampouco quero velo como que o deixo todo atrás. Regreso en vacacións e marcho durante catro anos. Véxoo con optimismo. Non debes sobrepensar esas cousas, porque se non, nunca vas dar o paso".

Cada vez máis atletas galegos e españois marchan a universidades dos Estados Unidos para garantir o seu futuro deportivo e académico

A saída para os Estados Unidos na procura de mellora deportiva é cada vez maior. Na actualidade, hai 146 atletas españois repartidos polos diferentes centros educativos daquela nación para levar a cabo a súa actividade formativa.

A gran referencia nese senso é a viguesa Carmela Cardama, campioa de España de 10.000 e única atleta española quen de gañar o campionato universitario estadounidense (NCAA) ata a data. 

Eugenia Gil, a catrocentista coruñesa da Sociedad Gimnástica, é outra das figuras do atletismo galego que pasou polas universidades norteamericanas. 

Cada vez é unha medida adoptada con máis frecuencia, dadas as abismais diferenzas de recursos destinados á formación atlética en España, particularmente en Galicia, e no gran coloso do atletismo mundial, os Estados Unidos, onde grandes estrelas do deporte internacional, non só estadounidense, levaron a cabo o seu desenvolvemento.

E é que "en España non hai demasiadas oportunidades, non se fomenta compatibilizar a carreira deportiva a un bo nivel e seguir cos estudos".

O dato: un campus como unha cidade
O campus da California State University of Fullerton é o segundo máis grande do estado de California, un dato que non é menor tendo en consideración que se trata do estado máis poboado de Norte América (preto de 40 millóns de persoas viven alí).

Fullerton ten matriculados a máis de 39.000 estudiantes no curso 2021-22. A cifra é superior á poboación de Vilagarcía de Arousa.

Deles, máis de cinco mil gradúanse anualmente, o que supón a cifra máis grande de todos os Estados Unidos.

240 carreiras

Fullerton ofrece ata 240 carreiras diferentes aos seus alumnos. Entre os seus estudantes, hai unha gran cantidade de membros da comunidade hispana e da comunidade asiática.

13 títulos

Fullerton compite en varios deportes dentro da NCAA, a liga do deporte universitario estado unidense, e logrou 13 títulos nacionais por equipos en diversas modalidades. Os deportistas de Fullerton son os Titáns de CESUF. David Vicente será un deles.

 

Más en Deporte Local Pontevedra
Comentarios